Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Conciliación da vida laboral e familia ou horario escolar a tempo completo

jueves, 06 de marzo de 2008
Ultimamente estase a falar moito das políticas sociais, entre elas da conciliación da vida laboral e familiar e, co gallo das eleccións, tódolos partidos as contemplan nos seus programas electorais. Sen dúbida é un tema preocupante e á marxe de calquera ideoloxía política compre establecer medidas axeitadas tendentes a facilitar esta conciliación. Pero quizais habería que profundar e reflexionar un pouco máis sobre o verdadeiro significado de conciliación. En ocasións utilizamos o vocabulario con demasiada imprecisión e lixeireza e o uso -o mal uso- inconsciente fai que perdamos a verdadeira esencia das palabras e o referente último que pretendemos muda sen que nos decatemos. Conciliar: harmonizar, compatibilizar, xuntar sen estorbarse. Ah! Pero é iso o que se demanda? Non, polo menos no que aos fillos se refire, semella que o que queremos é horario escolar a tempo completo. Así parece que se entende tamén nas tan levadas e traídas políticas sociais. Non hai proposta que non pase pola ampliación dos horarios escolares, mesmo por parte da CEAPA (Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos -e alumnas-) se propoñen medidas como paralizar a expansión da xornada escolar continuada, prolongar o calendario escolar ou abrir os centros educativos 12 horas ao día, sete días á semana e once meses ao ano, que en esencia viría ser algo así: “Hai que quitar os fillos de diante para poder traballar máis e mellor que é o que importa” E todo iso, en aras de que? Evidentemente non da conciliación da vida laboral e familiar senón en detrimento desta en favor daquela. Con estas medidas o único que se pon de manifesto é a incompatibilidade entre os dous eidos, que na balanza da nosa sociedade e na mente dos nosos representantes, políticos ou de outra índole, ten máis peso aquilo que xera unha riqueza material e inmediata, que a familia estorba e hai que minimizar a súa presencia.

É o máis doado e o máis cómodo para todos, pero…Iso non é o que eu desexo, iso non me fai máis feliz, non enche as miñas espectativas e agardo que haxa quen, coma min, se sinta traizoado, quen sinta a preocupación e mesmo a vergoña de ver cara onde camiñamos. Eu non quero que os meus fillos rematen pensando que o seu fogar é a escola, non quero que sexan outros os que os vexan medrar, os que compartan os seus xogos e a súa nenez, os que sexan os seus confidentes e saiban das súas inquedanzas, das súas amizades e dos seus amores. Non quero que sexan outros os que atesouren os momentos que a min me pertencen e enchan a súa memoria coa miña ausencia mentras eu traballo. Así que, agardo que haxa quen, coma min, pense que as propostas deben ir noutra dirección, que os esforzos deberían ir encamiñados a mellorar as precarias situacións laborais, a adecuar os horarios dos traballadores e traballadoras ás necesidades vitais dos fillos e non ao revés, a pensar en iniciativas coma o tele-traballo, as xornadas continuadas, a flexibilidade de horarios…Que hai maneiras, outras maneiras, que non pasan por esquilmarlle aos nosos fillos e fillas o dereito de ser criados e educados polas súas nais e os seus pais, que hai que aprender dos erros, que aínda nada está perdido, que conciliar é outra cousa.
Caramés, Carmen
Caramés, Carmen


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES