Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Prognóstico reservado...

viernes, 24 de enero de 2020
No libro do sociólogo judío–alemán, Nobert Elias, na terceira edición en español, titulado “El proceso de la civilización”, Gina Zabludovsky, mexicana e profesora de Ciencias Sociais e Políticas, escribe un Prefacio que non só nos ofrece unha boa e documentada orientación para facer unha lectura comprensiva do mesmo, senón que tamén, penso, é unha fonte de suxestións, cando menos entre–liñas.

Di que a humanidade “está entrando nunha etapa de DESCENTRALIZACIÓN da violencia organizada e de fragmentación de monopolios que, como tal, podería ser considerada unha “cuarta fase”, dentro dunha periodización, na que “a violencia organizada” pasa a ser monopolio de varóns adultos” (1ª fase); logo monopolio de especialistas de “elites guerreiras” (2ª f.), que acaban renunciando a favor das elites estatais, correspondentes á formación dos estados modernos en Europa (3ª f.), e na última fase, que considera DESCIVILIZATORIA, intensifícase a violencia entre individuos, grupos sociais, comunidades e estados–nación, con a consecuente debilitación da estabilidade e consistencia nas relacións sociais (4ª f).

Partindo do dito, resalta que os procesos de CIVILIZACIÓN e DESCIVILIZACIÓN poden ocorrer simultaneamente. Velaí unha afirmación que leva a reflexión de que cando estamos moi oufanos do noso grao de civilización e do proceso que nos levou a el (nada menos que un proceso PROGRESISTA, o mantra máis sobado dos políticos), a realidade dun proceso DESCIVILIZADOR está ameazando, subrepticio, ao mesmo tempo o noso progreso. A autora do Prefacio trae á palestra como exemplo histórico o ocorrido xa na Europa do século XX, e que incluso Loic Wacquant, sociólogo francés, especializado en etnografía e teoría social, con dedicación ao estudo da pobreza, explicou como os guetos dos negros levaron a un proceso de DESCIVILIZACIÓN.

Non me estraña que algúns lectores estean pensando que se estas teses son certas, os esforzos por aumentar o grao de civilización é inútil; pero permítanme pensar que esta suxestión pode entenderse como unha advertencia para os que pensan que eles son capaces de achaiar todas as montañas que se interpoñen no seu progresismo, precisamente aliándose ás evidentes mostras “desculturizantes”, so pretexto de democráticas, que abundan nas nosas sociedades, individual e en grupos, máis ou menos organizados, como paladíns dun progresismo descontextualizado.

E que a autora do prefacio está situada nesta liña de pensamento evidencio o feito de que subliña na obra do Dr. Elias os instrumentos conceptuais que guían a comprensión dalgúns fenómenos actuais que xeran “medo, violencia, pobreza…”, e diversos aspectos da DESPACIFICACIÓN da vida cotián, a fragmentación das organizacións e, ata, a “informalización” da economía, que todo isto leva consigo o colapso das institucións públicas, o “perigo do niño da seguridade social” do estado de benestar e agudiza a crise económica. Así que, sen dúbida, ven a cuestionar ese progreso ilusorio, sobado “mantra” dos políticos nas habituais disertacións especulativas.

Ademais, como os micro–procesos deben entenderse á luz dos macro, parece razoable que deba procederse desta maneira para entender “ a centralización e descentralización dos ingresos, as tendencias á fragmentación e consolidación da violencia física legítima…”, e tampouco debe esquecerse que a forma, en política, é fondo, e, polo tanto, non debería “manterse unha mirada miope fronte aos hábitos, rutinas e morais propios da vida en sociedade que … expresan e reproducen a dinámica das relacións de poder nunha etapa determinada”. E, precisamente por isto, as institucións do goberno deben situarse no contexto das súas propias figuracións sociais.

Pois ben; se consideramos a nosa actualidade político–social a luz disto que nos di esta profesora, a propósito de comentar no Prefacio a obra de Nobert Elias, talvez podamos apuntar algunhas razóns que explican non poucos fenómenos que se producen, neste ámbito, no noso país, en España, sen excluírnos desa cuarta fase de descentralización da violencia organizada, intensificándose entre os individuos (e sobran exemplos!), grupos sociais, comunidades,…, que arrastran a unha non minúscula inconsistencia nas relacións socias, e prescinden da pedagoxía política.

Pero non deberíamos renunciar á importancia dunha posible dinámica DESCIVILIZADORA, so capa de santo, alardeando do acertado esforzo civilizador. E, a este respecto, permítanme supoñer que vostedes, os lectores, teñen unha percepción bastante clara do mesmo, e non vou traerlles aquí o que son manifestacións de violencias individuais e organizadas, a deliberada quebra das formalidades socias ( e non falemos das democráticas, básicas – dixit a Sra. Calvo–), con ataques descarados ás institucións nas que se apoian, para actuar impunemente, algúns políticos, sementando medo, inseguridade, e, a nivel más elevado, catalizando a creación dun sentimento de inestabilidade, xerada polos comportamentos incoherentes dalgúns responsables políticos (recente manifestación do CGPJ, dirixido ao Sr. Vicepresidente Segundo do Goberno, Sr. Iglesias).

Fagamos, consecuentemente, unha reflexión sobre a formación deste último goberno en España. Pois AÍNDA QUE non podemos máis que eloxiar a boa formación que teñen os constituíntes do mesmo, e que o Sr. Presidente o conformara así, con esas destacadas (salvo excepcións) personalidades da cultura e piares da civilización, que sorprenden favorablemente a moitos cidadáns, DETÉCTASE, non obstante, unha desconfianza subxacente propiciada polas veleidades de aquel, creo que ben xustificada, porque por excelentes que sexan os vimes, se o cesteiro é mediocre, non se aproveita a virtualidade deles.

Pero esperemos, facendo aplicación da prudencia dos médicos, as futuras xestións deste noso goberno, e mentres tanto deixémolas en PROGNÓSTICO RESERVADO, posto que creo que nin sequera é oportuno que a oposición se embarulle nos APRIORISMOS habituais, nin que quebrante a costume de esperar, cando menos, os cen días de graza e respecto rigoroso as decisións que vaia tomando. Sen que isto implique esquecer unhas palabras de Oswald Spengler, que cito de memoria, porque carezo aquí de medios apropiados bibliográficos, e que, máis ou menos, veñen a dicirnos que estamos nunha etapa na que as forzas orixinais, as inxenuidades de valor estable e as tensións dunha vontade primixenia ficaron, ou están a ficar, no cemiterio do esquecemento, sepultadas pola soberbia dos niveis culturais, mediante procesos de aprendizaxe estratéxicos, nunha época de fraseoloxía na que (engade P. Sloterdijk) cada palabra de matiz oficial encerra tales contradicións e ironías que só poden comprender os introducidos “e certos irónicos asesores” (engado eu).
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES