Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas a Antón

lunes, 03 de marzo de 2008
Lugo, 29 de febreiro deste ano bisesto de 2008

Meu amigo Antón:

Non sei se che pasa a ti, pero o certo é que xa hai xente dabondo a dicir que anda farta de tanto debate electoral. Eu, pola miña parte, estiven a ver e escoitar case todos os que foron transmitidos por radio e televisión en horas nocturnas, e confésoche, meu amigo, que de tanto repetiren, uns e outros, os mesmos argumentos, xa ben sabidos, acabei algo canso. Xa podían ir sendo algo máis orixinais. Disme, Antón, que non che gustou Mariano Rajoy. A min tampouco, nunca me gustou, pero tíñalle respecto, parecíame un home despabilado, con estudos e con capacidade de equilibrio mental. E teño discutido isto contigo máis dunha vez cando ti te emperrenchabas en dicirme que Mariano nunca foi home lúcido e do boa vontade. Como ti dicías, ten a malicia do tímido. Eu estaba en que, evidentemente, non compartía as súas ideas, pero isto non implicaba que non me mereceran respecto, tanto a súa persoa como as súas ideas.

Comecei a dubidar desta miña apreciación cando me decatei de que Mariano, sendo galego de procedencia e de vida, non era quen de amar a Galicia, porque non se pode dicir que se ama a Galicia cando non se fai algo por falar e defender o idioma que é o rasgo máis orixinal que a distingue. E Mariano, que eu saiba, non só nunca falou galego senón que, polo visto, nin sequera fixo algo por aprendelo. Coma se lle dera vergoña empregalo, tal como, por desgraza, lle acontece a algúns dos nosos paisanos acomplexados que sempre andan a temer seren tomados por paletos ou mesmo túzaros. Moitos destes, efectivamente, teñen a desculpa da súa falta de cultura, pero Mariano non ten dereito a esta desculpa porque el, a fin de contas, tivo que facer unhas oposicións a Rexistrador da Propiedade, creo, e, polo tanto, tivo que estudar moito e adquirir cultura. Xa se sabe que estas oposicións requiren máis memoria que intelixencia, pero algo desta tamén fai falta e eu non lla nego. Así que, se renega tanto da nosa lingua, non se poderá atribuír a incultura e descoñecemento, senón que haberá que pensar en menosprezo por algo que é tan noso. E iso non me gusta nada. Xa que logo, neste asunto non me merece tanto respecto como lle tiña. Pero a cousa chegou ao cumio cando, no debate do luns pasado, lle escoitei acusar a Zapatero de agredir ás vítimas do terrorismo, e repetilo máis dunha vez para que quedara claro que non era unha arroutada. Quedei absolutamente desconcertado, e non deixaba de me preguntar como unha persoa á que se lle supón un mínimo de cultura e de honestidade se podía poñer á altura do grimoso Alcaraz, ese home que non ten escrúpulo en utilizar unha asociación de vítimas para obxectivos partidarios. Así que, meu Antón, confésoche que tiven que acabar cadrando contigo en que o Mariano Rajoy non me parece unha persoa de fiar para certos cargos e que, polo tanto, a nosa Galicia non ía gañar nada con que el chegara a ser presidente do goberno de España. Como aínda queda outro debate entre Zapatero e máis el, agardarei a ver se é quen de corrixir esas súas actitudes tan lamentables e recupera así o respecto que moitos lle tiñamos, malia o desacordo nas ideas.

E, falando disto, tamén cadro contigo en que a importancia que colleron estas retransmisións do debate entre dous (foron moitos millóns de telespectadores os interesados) pode facer que se esqueza a realidade representada polos outros partidos que se presentan ás eleccións e aos que non lles deixaron debater. Así quedou de manifesto no outro debate electoral organizado pola televisión de Galicia onde, como era de esperar, gañou o representante do Bloque, Quintana. Era de esperar, digo, porque o seu argumento esencial, ineludible, non chegou a estar presente para nada nos debates entre os socialistas e os populares. Este argumento, porén, resulta moi importante para moitos galegos, porque, se non me equivoco, o feito de que Galicia estea representada en Madrid por alguén que non se atope supeditado e obrigado polos intereses globais dos grandes partidos acabará traendo necesariamente beneficios para a nosa terra. Así se demostrou recentemente cunha actuación do BNG, e xa quedara abondo demostrado anteriormente co exemplo de vascos e cataláns.

Xa ves, Antón, que case sempre acabamos indo de acordo en moitas cousas. Iso é un sinal de que ti pensas moito e ben, por máis que, como ti dis a cotío, non teñas estudos, e acabas facéndonos pensar aos demais. É mágoa que non haxa máis xente así. Efectivamente, é unha louvanza que che fago, pero non penses que non me dou conta das túas cazurerrías coas que sigo en desacordo.

Por hoxe nada máis. Ata o venres que ven, se Deus o quer.
Unha aperta
Bernardo
García Cendán, Bernardo
García Cendán, Bernardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES