Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

En Paradela

miércoles, 22 de enero de 2020
Boas tardes a todos, señor alcalde de Paradela, familia de Manuel Rodríguez, organizadores do certame literario, membros do xurado e a todos os asistentes presentes.

É unha ledicia para min estar hoxe aquí nesta terra de Paradela, síntese e paradigma do noso país galego. Aparte de posuír unha fermosa paisaxe de vales e cumios labrados polos ríos Miño e o Loio sobre un antigo manto xeolóxico, Paradela é un territorio profundamente moldeado pola cultura ao longo dos séculos.
En Paradela
Aquí deixaron a súa pegada os pobos prerromanos das modias, as medorras e os castros, os romanos que se serviron desta “parada” antes de proseguir o seu percorrido cara a outra banda do Miño pola ponte de Portomarín, os suevos que se aveciñaron aquí como revelan tantos topónimos xermánicos espallados polas parroquias e aldeas: Aldosende, Francos, Vilaragunte, Fruxinde, Randulfe, Rosende, Sandomil, Guimarás, etc., os monxes medievais que dende os seus mosteiros de Castro de Rei, San Facundo de Ribas de Miño ou Sta. María de Loio, adoutrinaron as xentes da terra, ademais de difundir o románico, o gótico e o barroco entre os seus canteiros.

E non me esquezo moi especialmente de que por Paradela discorre un tramo importante do Camiño de Santiago, co que isto supón de conexión cultural coa civilización do vello continente.

Non é de extrañar, pois, que nesta terra así fertilizada abrollen froitos tan senlleiros coma o que hoxe nos congrega aquí. Manuel Rodríguez López ademais de persoa dunha cualidade humana fóra do común, é fundamentalmente un home da cultura, un home que malia a súa precariedade de tempo e o seu pasamento temperán, foi posuidor dunha grande sensibilidade literaria que o converteu en profundo coñecedor dos nosos clásicos e en preclaro creador capaz de abordar diferentes rexistros poéticos ou ensaísticos. Imaxinemos a onde tería chegado coa dedicación exclusiva e a lonxevidade doutros autores sonados da historia da literatura galega.

E non quero deixar pasar a ocasión para subliñar o seu talento como tradutor. Manuel Rodríguez enfrontouse exitosamente ao reto de traducir A Atlántida de Jacint Verdaguer do catalán ao galego. Isto dise moi axiña, pero supón ser dono dun dominio moi profundo dos dous idiomas, porque obra de Verdaguer é un prodixio de complexidade tanto no plano léxico como no da imaxinería poética ou da cultura mitolóxica. Un desafío para calquera tradutor que se precie. E Manuel saíu ben parado do seu empeño.

E seguro que de non ser por el seguiríamos aínda sen ter ese tesouro vertido á nosa lingua. Por outra banda amósanos que el, ademais de ser un bo galego era tamén un bo catalán. E non se pode dicir máis en menos palabras.

Polo que se refire ao traballo que eu presentei ao certame, direi que se trata duns poemiñas de corte ecoloxista cos que trato de incorporar a miña voz á de tanta xente que clama por unha marcha atrás nesta carreira insensata en contra do planeta, que, se Deus non o remedia, pode levarnos un día a lamentar situacións irreversibles para nós ou para os que veñan detrás de nós.

Palabras de Carlos López Fernández ao recibir o Premio de Poesía Manuel Rodríguez López, en Paradela-Lugo.
López Fernández, Carlos
López Fernández, Carlos


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES