Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O que de verdade é o bilingüísmo

jueves, 28 de febrero de 2008
Andan certos meios de comunicación a servir de altofalante aos catro de sempre que, coa escusa da “libertad lingüística” o que buscan é acabar definitivamente coa “anomalía” que representa a língua propia de Galiza dentro do seu esquema harmónico da “nación española”.

Non afirmo tal cousa de balde. Para empezar, quen está dando cancha a estes exaltados son uns poucos meios impresos e dixitais. Por unha banda, certo xornal coruñés auto erixido como defensor dos intereses de Galiza, e cuxa estratexia pasa desde hai anos por amplificar pretendidas polémicas baixo a pretensión de “xerar debates”. Iso si, escollendo con coidado onde se mete para non molestar aos poderes político e económico que dan de comer ben con publicidade, ben con subvencións e contratas.
Pódense citar exemplos: son vitais para Galiza os debates sobre, poñamos por caso, o feísmo urbanístico ou as pirámides do Gaiás? Algunha vez veremos nas súas páxinas unha información sobre a precariedade laboral na que se basea o tan louvado modelo de certa multinacional galega? O conto da “libertad lingüística”, ademais, agacha outra cuestión fundamental, cal é por que o que se pretende o primeiro xornal de Galiza utiliza de forma absoluta o castelán.

Despois veñen unha morea de meios dixitais sospeitosamente interconectados entre si, que baixo as etiquetas “libertad” e “liberal” non son máis ca o reflexo dun nacionalismo español misturado con elementos neocón importados dos Estados Unidos e sazonado cunhas pingas de catolicismo fundamentalista. O seu obxectivo final parece ser unha España monolíngüe, ultraconservadora e relixiosamente tridentina.

E logo, os catro de sempre? Ben, non vou ser parcial. Non son catro. Pode que sexan corenta, pero si que son os de sempre. Son os mesmos daquela “asociación gallega por la libertad del idioma” dos anos oitenta que prognosticaban a caída de Galiza nas máis fondas simas da ignorancia absoluta por causa na normalización do galego, só que agora acadan unha maior repercusión social e mediática polo que antes comentaba.

Se un revisa obxectivos destes grupos, parece que aspiran a un bilingüísmo montado a partir dunha fronteira nídia: por unha banda, os galego falantes, aos que se lles pode permitir falar a língua na casa, cos amigos na taberna, e incluso unha certa presenza social, limitada a cuestións folklóricas. Mais, iso si, que teñan moi presente o que di a Constitución acerca da obriga de coñecer o castelán. Por outra banda, os castelán falantes, portadores de valores eternos e de verdades absolutas, resistentes a calquera contaminación coa língua vulgar dos pailáns. O que están a reclamar é viver en Galiza só en castelán. Iso non é recoñecer o bilingüísmo, senón perpetuar a diglosia de sempre ou, pior aínda, consolidar dous monolingüísmos antagónicos nun mesmo territorio, nin máis nin menos que o xerme de dúas comunidades diferenciadas e potencialmente enfrontadas nun futuro non moi lonxano.

Pero, se un afonda un pouco -tampouco moito, xa que a súa altura intelectual non dá para máis- tanto nos escritos como nas declaracións destes catro, ou corenta, percébese claramente que o obxectivo final é o mesmo que persegue o nacionalismo xacobino español desde o reinado de Isabel I: un estado unitario e uniformador, cunha soa língua, unha soa cultura e unha soa relixión (por aí vai a cuestión dos contratos para emigrantes).

Pero a realidade é moi teimuda. A imensa maioría dos galegos manexamos cómodamente as dúas línguas e, cada vez máis, aproveitamos a nosa competencia lingüística para mergullarnos no amplo mundo da lusofonía (que, por certo, moitos brasileiros, angolanos e mozambicanos queren pasar a denominar “galeguía”, tanto por unha cuestión histórica, xa que a língua naceu aquí, como por certas connotacións imperialistas portuguesas). Así, somos un pobo privilexiado, cun dos patrimonios lingüísticos máis rendibles no mundo actual, que nos dá acceso a centos de millóns de persoas que falan algún dos idiomas nos que somos competentes en Europa, América, África e incluso en Asia. Eu teño amigos portugueses, brasileiros, venezolanos, uruguaios, caboverdianos. Podo manter unha conversa cun angolano ou cun filipino falante de chavacano, unha variante crioula do español. Encantame escoitar e ler sefardí, a língua que aínda conservan moitos descendentes dos xudeus expulsados polos tan católicos e intolerantes reis. Nunha recente viaxe por un país europeu, dúas brasileiras admiraban o “culto” portugués que falabamos a miña familia e máis eu, que non era máis ca galego.

E digo eu, por que imos perder esta riqueza?
Naseiro, Paulo
Naseiro, Paulo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES