Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un Belén aberto

sábado, 04 de enero de 2020
Dende que pasa o verán, eu e máis todos os meus irmáns, que nos atopamos espallados polo mundo adiante, comezamosa preparar os días da semana do Nadal para que coincidamos todos o día de Noiteboa na casa da miña avoa Carme, que este ano xa é centenaria e que ano tras ano os fillos, netos e bisnetos non queren perder a ocasión para reunirse toda a familia arredor dunha mesa na súa compaña.

É costume nela recibirnos cun mandil de tea que herdara da súa nai e que di que pon para lembrala. Da a sensación de querernos acubillar a todos con ela dentro de ese mandil. Os netos e bisnetos fan un espazo ó seu carón para escoitar os seus contos, as súas historias, as súas anécdotas...Non entenden que na súa época non houbese TV, nin radio, nin coches, nin estradas...como hai agora.

-Na miña época non había luz e tiñamos que alumear cun candil de carburo. Moito teño cosido coa luz das brasas da lareira.

Ela fora costureira e lembra con ledicia aqueles tempos, nos que cunhas agullas e cun pequeno tear que herdara da súa avoa tecía colchas de trapos para poder saír adiante nunha época de moita escaseza, pero sen faltar o humor e as ganas de vivir.

Este ano fraqueáronlle as pernas e non puido facer o bacallau con nabizas de Mosende que tanto lle gustaba, anque non por iso deixa de dar instrucións ó meu irmán Ramiro, que este ano tocoulle facer de cheff.

Cando xa nos atopabamos todos xuntos na mesa sentinme a persoa máis feliz do mundo e desexaba que aquela cea non acabara nunca, pois pensaba para min:

-Como une esta muller! Cando ela non estea seguro que algún de nosoutros faltará.

Esa alegría íase tornar dobre pois unha chamada ó timbre da casa alertou quizais aínda máis o meu corazón, cando unha muller con dous pequerrechos preguntaba por min, de imprevisto non a recoñecín pero enseguida me din conta de que era aquela nena que tivera de acollida durante varios veráns. De súpeto, viñéronme á memoria todas aquelas vivezas, que xunto coas miñas fillas pasáramos na casa da aldea, nas praias da Mariña, nas festas dos pobos...

Non tiña palabras para agradecer o que fixeramos por ela, cando eramos nós os que lle tiñamos que agradecer a moita felicidade que nos transmitira durante todos eses anos. A pesar do paso do tempo rememoraba cousas que vira e que lle aconteceran durante a súa estancia aquí. Lembraba con gran precisión as tardes de praia en Barreiros, as comidas campestres en San Roque, as viaxes... e unha das cousas que quizais máis me chamou a atención foi o recordo que tiña do Belén de Begonte.

Aquel ano por motivos de saúde coincidira co Nadal e fora cos nenos do pobo.
Na conversa pediume que si este ano poderiamos ir a velo, pois tiña a ilusión de poder levar os seus fillos. Como cada ano nós temos a costume de visitalo marcamos o día posterior do Nadal.

Fomos moi madrugadores, había moita néboa e un frío vento do norte, pero foi entrar no Belén cando ese frío tornouse calor, e ó ver os nenos xunto cos de Natasha viñéronseme á mente as verbas que pronunciara Domínguez Guizán, de que o Belén de Begonte é un Belén aberto a todo o mundo, e así o subscribo, pois nós,os crentes,fixámonos no Misterio, no neno Deus, nos Reis... no que viría despois.

Os nenos de Natasha ollaban o firmamento, as estrelas , a lúa, a creación... Un Belén cheo de encanto e harmonía no que cada ano se revive a nosa fe e esperanza, desexando que así sexa por moitos anos.

Natasha xa se atopa en Rostov, xunto cos seus retoños: Aliona e Daniell, e miña avoa contando os días que faltan para a próxima Noiteboa.

¡ FELIZ ANO!
Eijo Balseiro, Ramón
Eijo Balseiro, Ramón


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES