Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Pódese pasar? (6)

martes, 17 de diciembre de 2019
Xaquín, exhausto, calou, pero non o fixo así o seu adaíl, pois, un bo Xefe, un Xefe con mando en praza que se queira lucir, puntualiza e remacha as instrucións. Esa era a Cartilla do Aurelio, e leulla ao Auxiliar do Concello; ¡por suposto que cunha de cal e outra de area!
-Caro Xaquín, rapaz, que vou por outro lado: Ti debes leva-la Contabilidade, en efecto, pero a Oficial, que para algo es un experto, un titulado. Pola contra, os réptiles deben ser extracontables..., ¡para que non nos mordan, nin a ti nin a min! ¿Eses bechos son cousa do señor Alcalde, non si? Daquela que llos controle Ramón..., ¡xa que son compadres! ¿Non lle bautizou un fillo ao Oficial, a un Oficial de Primeira? ¡Aí o tes: o compadreo é deles, privativo deles! Pero ti, disto, chitón; non digas nada, que prefiro quedar mal, eu..., ¡que estou aquí de novato! ¿Enténdesme? Acto seguido dille que pase; pero non lle digas..., ¡non lle digas que o vou poñer a pelar un gato! ¡Gragrr!
-¡Grazas por todo, don Aurelio, e xa falarei co Paco para que o agasalle con xeito, que ben o merece; quere dicirse, moito!
O Auxiliar despediuse a toda présa, azorado, desnortado, descontrolado e desconcertado, que o puxeran nervioso aquelas posibilidades, pouco menos que se o Secretario lle ofertase participar nunha mina de ouro, que tal era por entón un surtidor de gasolina ben situado e cun bo hinterland, pero ao don Aurelio faltáballe unha puntada, outra, a enésima:
-¡Ah, unha cousa, que me quedaba na..., na recámara! Tendo, nolos dous, o Don, ¡é mellor que me digas, Señor Secretario! ¡Máis funcional! ¿Entendes?
Aquilo foi un esperpento, un barullo, unha puñalada trapeira, unha traca final, totalmente inesperada; un desconcerto mortal, unha diarrea para as neuronas do pobre Xaquín:
-¡Comprendo, don Aurelio; digo, don Secretario; digo, señor Secretario!
…

Aos poucos, lograda aquela división dos seus axudantes, exacta, final, sen decimais, don Aurelio escoitaba, en aberta, en nova confesión, ao Ramonciño:
-Díxome ese radical, ese comunistoide, o tal Xaquín, que pasase, agora mesmo, de parte súa; pero díxomo con pouca cortesía, case que tratándome de igual, ¡coma se eu non fose o Oficial deste Axuntamento! Para outra, cáscolle; ¡como hai Deus que o fago!
-Flegma, Ramonciño, que os gatos con botas non destripan nos ratos; ¡para iso precisan das uñas, telas axeitadas, retráctiles! Xa lle ensinarei a maneira, como din os mouros. Vostede déixelle subirse ás nubes, e mentres, anote as que faga; ¡todiñas! Despois diso, cando teña abondas..., ¡un dossier, que se di! Das graves, por suposto. E daquela páseme o atestado, que xa farei que se dobre ese aprendiz de comunista; ¡que se dobre tanto, tantísimo, que acabará dando coa testa no cu, no propio traseiro!
Aurelio no mesmo ton de advertencia, pero con modulacións, con reberetes de afago, como se estivese aloumiñando, amansando, unha fera:
-Pois precisamente chameino para irlle recortando as ás ao tal Xaquín, que é outra neglixencia telo aquí, apuntando nesas partidas extrapresupuestarias, atípicas, furtadas aos paganos deste Churiz tan..., ¡tan pazguato! Ollo ao porvir, que calquera día invádenos esoutra democracia, a inorgánica; ¡esa merda dos inútiles e dos pobres! ¡Hai que abri-los ollos, estar previdos! ¿Non lle dixeron como foi aquilo da República, que se meteu neste país, no 31, da noite para a mañá? ¡Iso da democracia pode amosar da mesma maneira, ao furtivo, coma os ladróns, e tamén da noite para a mañá! Daquela, ¿un comunista, de portas a dentro do Concello, e con eses bechos na man...? ¡Parece mentira en don Manuel tanta inxenuidade! Mire, falando do noso Alcalde: Prepárelle un recibo polo saldo actual, polo deses fondos; e poña, de concepto, tal que..., Donativos Campaña do Nadal. Desa maneira quedarán cerrados, saldados, prescritos e proscritos, tódolos apuntes deses libros, de mal nome, oficiais; eses que está levando o Xaquín, ou, por mellor dicir, ¡traendo!
O Oficial, que seguía oco, desconcertado, trasladado a un país distinto:
-Iso pode facerse, pero..., ¿que pasará coas entradas sucesivas; quen lle pon esas cancelas ao monte do señor Salmonte? Lémbrolle que témo-la xente afeita a pagar por todo, ¡ata por saudarnos! Sen recibo nin protesta, que aquí nunca se lles ensinou a distingui-las taxas das propinas; ¡coma quen di, as churras das meiriñas!
Aurelio, visiblemente contrariado polas pexas daquel subordinado tan estúpido, redundou no seu intervencionismo:
-Para as sucesivas..., digamos, aportacións..., vostede, vostede mesmo, levará outros libros, ad hoc, que lles chamaremos..., ¡xa o teño, Extracontables! Levados por vostede, sine qua non, de propia man. ¿Entende? Vostede é aquí o meu brazo executor, o dereito, así que ten que pecha-los libros cada vez que se ausente, na propia caixa, na forte, nesa da Oficialía, onde teremos, vostede e mais eu, os documentos confidenciais. O noso lema, para que haxa afinidade, ten que ser: ¡Meu dito, teu feito! ¿Vaino absorbendo? Isto noso, a partir de agora mesmo, funcionará tal que un Ministerio; ¡si, iso, o Ministerio dos Chourizos, tal cal!
Pero o outro, ausente, ¡como se lle misasen en latín!
-¿E logo, ese Xaquín..., non seguirá coa B? -En vista do seu desconcerto quixo que llo puntualizase aquel Mandamáis tan..., ¡organizativo!
-A “B”, si, que esa recadación, digamos que atípica, segue sendo necesaria para o financiamento dos gastos heteróclitos; eses, os de tipo B; ¡quere dicirse, extrapresupuestarios, para simplificar! Ao final de cada día que lle entregue, a vostede...; si, a vostede, o borrador desa Caixa; ¡o borrador e mailos diñeiros borrados da circulación! ¿Estamos, meu querido Oficial; vaise lustrando?
Ramonciño sentíase acaneado con aqueles dimes e dites tan incongruentes, tan exóticos e inesperados, desconcertantes ao máximo; ¡coma quen abala un olmo, agardando polas peras!
-¡Eu, ás ordes; sempre; pero..., esa é moita responsabilidade..., para min, para min só! ¿Daquela, firmarame, vostede, digo, eses verificados da Caixa Negra, da B, ou como lle chamen? ¡Eu pídollo polas boas formas...!
-A “B”, si, que iso de negra é un adxectivo, ¡simplemente pola cor do envase! Mais, diso de firmar, ¡que lle hei firmar, santo de Deus! ¿Aínda non se decatou de que goza da miña confianza? Vostede, Ramonciño, aquí é o meu brazo, o meu brazo en alto, cara ao sol posto, ¡que nin o de Santa Teresa! Séxase, ao dereito. ¿Non llo dixen? ¡Pois si, iso, con tódalas súas connotacións! A única firma que se precisa é a das saídas, para xustificante seu…, fronte ao Alcalde, que por algo lle estou recomendando que lle firme persoalmente eses recibos segundo retire fondos…
Aquel tío, aquel Litis, tamén era un mestre niso da efectividade do trasacordo, virtude ou defecto que seica é común a tódolos pobos de orixe celta, que os suevos eran máis bárbaros, máis directos. Remachou no cravo:
-¡Ah, outra cousa: Aquí o Asesor Legal sono eu; así que..., o dito! Conte con este servidor nas dúbidas, ¡en tódalas dúbidas, en tódalas súas insuficiencias! Ítem mais: Discreción absoluta con ese Auxiliar, con ese comunistoide, que non sospeite que vostede e mais eu...; ¡vaia, que o temos en corentena! Como dicía meu avó, que tamén era Letrado, moi letrado, moitísimo: ¡Ad augusta per angusta!
Aquela catequización do diaño, do diabólico Aurelio, comezara a dá-los seus froitos: ¡Auxiliar e Oficial, máis enfrontados entre si do que nunca o estiveran! Por outra banda, aquel Ramonciño, receoso das irregularidades do seu compadre Salmonte, e todos eles arelantes e cobizosos co novo sistema das engulidas municipais. Aurelio feito un Xúpiter, tronante e mandante; un Capitán de barco naquel mar proceloso dun Concello tan…, toxeiro; ¡tan indefenso e apixotado! Nesa alarma, ante esas aldrabas do Aurelio, Ramonciño pronunciou un "Amén" fervoroso, un "Así sexa" de catequizado fiel, definitivamente submiso:
-¡Por min, xa sabe, asunto periclitado, tumba pechada! ¿Manda algo, algunha cousiña? Só ten que ordenar por esa boca, que eu..., ¡xa sabe, outro Aladino!
-¡Non, grazas; e non perdámo-lo tempo con divagacións, que vostede, de Aladino, un carajo! A funcionar, rápido e ben, que por algo somos funcionarios, ¿non si, carísimo Moncho? Cousas verdes veredes, precisamente neste Concello, querido amigo, que servirán de pauta aos reitores territoriais...; ¡presentes e futuros, galegos ou non!
Co Aurelio non chegou ningún escándalo: ¡fabricábaos el, el mesmo, que á vista estaban as súas habelencias! Non obstante, en Churiz, aloulados, preñados do seu propio autoodio, entrara a Revolución Tecnocrática, pero máis ben ad intra, co Secretario de receptor funicular. Simplemente con dúas entrevistas, aparentemente protocolarias, ¡á que alí se montou! Aurelio, aquel eximio Secretario, subiu, afianzouse; e Ramonciño baixou, apeouse da súa propia peaña. De par deles, Xaquín quedou preso nun anzol invisible. A Caixa B seguiu reptando, reptando; rastreira, sempre rastreira..., pero mellor levada, con máis técnica, cunha astucia maxistral, definitivamente aureliana!

A Casa Grande de Churiz e mailo seu circundo

Para cúmulo de circunstancias, sobre aqueles fumes, feudais, herdados, atávicos, estaban os propios do cargo, naquela conxuntura histórica, do Salmonte, don Manuel desde o berce; e por se isto fose pouco, sobre esta acumulación, un amencer fortuíto, prometedor:
-Querida Mabel, moi ledo che estou co novo Secretario: ¡Vaia tipo levando os asuntos legais! Mesmo se me anticipa aos desexos; e logo que é tan discreto, tan humilde, que tódolos méritos mos apunta; a min, ¿sabes? ¡Mandáronmo que nin feito de encarga! Parece nado aquí mesmo, aquí en Churiz, ¡tal que fillo dun caseiro!
-Manuel, xa coñeciches outros Secretarios, e todos te levaron ao horto; lémbrate que tiveches que buscarlles recomenda para que os ascendesen, que desa maneira sacáchelos de encima, ¡o que se di de encima! ¿Non será máis certo que esconde o rabo, que o esconde por telo máis longo cós outros?
Pero o Alcalde, fidalgo do berce, Señor da Casa Grande, de remontado non se apeaba facilmente:
-¡Ca, muller; este é un cabaleiro! Mira como é, que incluso me dixo que non ten inconveniente en atende-las consultas dos meus compromisos, e que, para non facérlle-lo feo de cobrarlles na Capital, no seu bufete, que llos pase á propia Secretaría, que os despachará de contado, como unha atención cara a min; ¡de balde nos casos miúdos, ou nos de forte compromiso! ¿Que máis queres? ¡É o que se di, un alter ego!
-¡Sendo así; pero...! ¿Manuel, daquela poderíalle consultar esas liortas que teño cos irmáns, iso da miña herdanza do tío Clodio?
-¡Muller, entendo que si! Pero vai cedo, antes de que o mareen eses cazurros do arado, para que anote con tranquilidade esa empanada do casamento de teu tío, aló en México, que seica non é válido aos efectos sucesorios... ¿Non che dixeron iso? ¡Oes, que non o saiba teu irmán!
Salmonte aforrou de recomendarlle á súa dona que fose cedo á Secretaría, que xa ela, co seu acreditado instinto, ventara aquel sex-appeal do tal Aurelio; en consecuencia, pracíalle unha entrevista vis-à-vis, ¡o que se di, de aproximación animal!

-...
-¡Ditosos os ollos...! ¡Pero se está aquí, por ante min, toda a donosura deste Churiz tan churrío! Se eu fose Manuel, daquela poñíache, de escolta, abrindo paso, ao Cabo ese, ese que ten para resgardar o cobro dos Arbitrios, e para acompañalo nas súas cazadas. ¡Estou encantado de verte, afellas que si! -Bicoulle a man efusivamente, máis teatreiro que un mono acariciando unha noz para proceder á súa subseguinte e indefectible apertura.
Mabel pavonouse, ¡como é natural nunha pava en celo!
-Non che notei, daquela que nos presentou o meu Manuel, que foses tan galante; ¡nin tan xentil, nin tan romántico! ¡Chacho, vai ser un pracer alternar contigo!
-¡Pois si, muller; é que así, en privado, o Secretario non ten secretos! Pero vouche dicir outro: Se non atopo unha real femia, unha femia da túa categoría, ou que se che aproxime, xúroche que chegarei solteiro ao meu retiro. Solteiro e desesperado..., ¡coa envexa que lle teño ao teu Manuel!
A pava seguía de pavón:
-Non será preciso que te sacrifiques, que xa che farei presentacións..., ¡axeitadas! Boas amigas teño, boas, de familias olé, desas que seguen esperando para casar con altura, ao seu igual... ¿Enténde-la cousa, querido Secretario?
-¡Muller, graciñas pola túa vontade, pero, de momento, non! Por agora permíteme que me quede un intre contemplando esta Caetana, esta maja, unha maja vestida, que aínda que o cadro non é meu, vale a pena admiralo. ¡Que se vale; espléndido! Si, si, teño que sincerarme contigo: Se é certo que hai amores platónicos, eu estou nesa situación. -Bicoulle a man, outra vez, cun cerimonial anacrónico, pegañento, ¡de lagarto ao sol!
Aquela prima dona dos termos de Churiz é que mesmo se derreteu, a tal intre, con tales afagos:
-¿Sabes que che digo, Secretario? ¡Que ese Manuel nunca me gabou desta maneira tan..., engaiolante! -Mabel, talmente acelerada, seguía chorreando saín polas súas gorduras: un batido de saín con desodorizante; e de colonia, un cuartillo, con media caixa de “Maderas de Oriente”. De todo, e todo con desmesura, que lle sentou perfectamente á pituitaria do Aurelio, acostumado como estaba aos cheiros dos bordeis.
Aquel galo soltou, disparou outra pluma, outra seta, para asegura-la súa conquista, ao enésimo asalto:
-O teu Manuel se cadra é algo miope; ¡igual tes que levalo ao oculista!
Mabel, Mabeliña, Mabelona, ¡segundo quen e segundo cando a nomeasen!, a tal momento coas hormonas aceleradas, chiscoulle un ollo, de guiño cómplice:
-Tampouco fará falla que o vexa todo, que tampouco eu lle vexo a punta a certas viaxes súas..., ¡e somos socios! ¿Si ou non si? ¡Digo eu!
A mensaxe daquela chamada, animal por suposto, selvática, foi ben captada, obviamente, a xulgar polo acuse de recibo:
-¡Por suposto, por suposto, que en cuestión de lealdades, ou todos, ou ninguén! ¿E logo, miña Alcaldesa, a que debo este honor, este pracer inesquecible?
-Queríache falar dunha cuestión persoal, legal, pois o Manuel, fóra das partillas comúns e correntes, pouco abarca.
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES