Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A dama e o cabaleiro

martes, 17 de diciembre de 2019
Como ben saben os adictos, o disco A dama e o cabaleiro con poemas de Álvaro Cunqueiro musicados por Amancio Prada foi editado por Ariola en 1987. Unha xoia discográfica que contén catorce cancións que son outros tantos poemas de Cunqueiro musicados e interpretrados pola voz do trobador nacido no Bierzo, en Dehesas de Ponferrada.

Cando se editou o disco xa pasaran seis anos desde a morte do poeta a quen Amancio Prada, segundo el mesmo conta na súa web oficial, só vira en vida dúas veces. Unha en Vigo en 1976, un día que Prada acudira a un centro comercial asinar copias de Vida e morte (Paris, 1973) e Rosalía de Castro (Madrid, 1975). Fixo as presentacións Carlos Casares e Cunqueiro anuncioulle o envío dun texto sobre as cancións de Rosalía que nunca chegou.

O segundo e último encontro foi tamén en Vigo polo outono de 1980 con ocasión dunha actuación de Prada na cidade. Prada viu no escaparate dunha librería o primeiro tomo da obra completa en galego de Cunqueiro, o dedicado á poesía e ao teatro que editaba Galaxia, mercouno e coa desculpa de que llo asinase chamou a Cunqueiro e quedaron pola tarde na súa casa. E alí apareceu Prada na compaña de Víctor Freixanes. Tomaron augardente de herbas e falaron de varias cousas, e tamén dos poemas, e "cuando le comenté mi propósito de ponerles música se le alegró la cara".

Amancio Prada ofreceu un recital no Teatro Rosalía da Coruña, organizado polo Ateneo, o 9 de xaneiro de 1981 ao que tiven a sorte de asistir. Ía disposto a escoitar cancións dos seus traballos publicados (Vida e Morte, Rosalía de Castro, Caravel de Caraveles, Leliadoura...) pero non contaba que para rematar nos agasallase co avance dalgúns dos temas dun disco que aínda non tiña nome. Quero crer que aquela foi a primeira ocasión na que cantou diante o público poemas de Cunqueiro que encheron de maxia o magnífico teatro Rosalía da Coruña.

Álvaro Cunqueiro morreu pouco despois, o 28 de febreiro de 1981, en Vigo. Descoñezo se chegou a coñecer privadamente algunha primicia dos seus poemas musicados por Prada. Non o sei, pero habíanlle gustar; estou ben certo.

A finais de abril de 1982, á homenaxe que lle ofreceu a Cunqueiro o Centro Galego de Madrid coa presenza, entre outros, de Jesús Suevos e César Antonio Molina tamén estaban convidados Amancio Prada e Torrente Ballester, quen, polo que fose, non acudiron ao acto.

Ata a saída definitiva do disco en 1987 Amancio Prada foi deixando grolos dos versos de Cunqueiro aquí e acolá, especialmente no recital "Outono cedo de gaitas" que nos brindou o domingo 20 de outubro de 1985, polas San Lucas, nunha praza da Catedral ateigada como poucas veces se vira. Emocionante!

O disco co título definitivo, A dama e o cabaleiro, presentouse oficialmente na illa de San Simón o día 7 de marzo de 1987. Con ese motivo, Francisco Umbral escribiu unhas palabras sobre Cunqueiro, nesa tan súa atrabiliaria prosa da que entresacamos "Dejó dichas cosas que son música, y así las ha puesto Amancio. Islas donde celebrarle. El era una isla humana pobladísima de imaginación".

Desde entón, a illa poboada de imaxinación chamada Cunqueiro ten un xardín sonoro creado e mimado coa delicadeza e o fresco dicir dun cunqueiriano de tanto mérito como Amancio Prada.

(Antonio Reigosa é cronista oficial de Mondoñedo)
Reigosa, Antonio
Reigosa, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES