Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 06 de diciembre de 2019
Corrín... E lembrei

Pois si. Queren arrefriar os pés pero non os deixo. Bótome a correr ata que se encete un calcañar, ou ata que me encolla coa dor dunha deda do pé dereito, que ten algo así como unha corcova, unha chepa, ou sexa, que está dobrado, quizais roto. Quedou nesa postura desde que, de rapaz, e mentres xogabamos ó fútbol nas canchas de tenis dos Campos, en vez de lle arrear ó balón lle zoupei a unha columna, a un poste de granito duns dous ou tres metros de altura, dos que suxeitan o aramado, a tea metálica que cerca a pista de tenis. Nese momento vin as estrelas, claro. Logo, para máis aquel, e a maiores da dor, foi a carallada, a mofa que se pegaron os amigos. Pingas de OrballoTamén a quen se lle ocorre non atinar cun balón de fútbol! Se aínda fora unha pelota de tenis. Ou un bote de latón. Porque co bote de latón tamén xogabamos ó fútbol. A ver!, non sempre se tiña un balón de fútbol. Un balón de coiro, claro. Porque, antigamente, ós balóns non se lles chamaba balóns de fútbol, senón de coiro. E para as nosas posibilidades económicas eran caros. Que digo!, estaban imposibles, prohibitivos! Se había algún era dun fillo de “señoritos” ou fillo de emigrantes; e o balón tiña que durar a tira e máis. De aí que moitos balóns de coiro estivesen cosidos e recosidos. Así é que cando non había (por falta de balón ou por non comparecer o dono do balón), non quedaba outra que esmagar ou estrullar un bote de latón e, ale, dálle que dálle! Pois si. Xa non teño os pés fríos porque corrín. E para vencer a dor, lembrei tempos aqueles.

Afección sen intelixencia

Baixo un bonito sol quero pensar nas actitudes do ser humano e tan só as noto atrapadas nunhas nubes tan negras que ameazan tormenta. A climatoloxía da nosa alma está ten un furacán tan forte que, se a liberamos, arrasa por onde pasa. A alma dos afeccionados atléticos, o domingo, estivo máis revolta ca nunca e máis podre, máis corrompida que en ningún outro partido. Un xogador dos seus (porque Griezmann foi dos seus, e moi querido, por certo) quedou crucificado a base de insultos e incluso con desexos de morte. Hai que lembrar que detrás dun insulto axiña asoma unha patada, e detrás desta xa aparece a propia violencia. Esa violencia que nos cega cando nos vemos apoiados pola masa, polo grupo. O ser humano, cando está só, tritúrao a covardía, pero se se sente amparado solta o demo que leva dentro. Os fanáticos do Atlético crucificaron a Antoine Griezmann porque fichara polo Barça. Non tiveron a suficiente intelixencia para pensar que o Atlético de Madrid fichara ó xogador procedente da Real Sociedade. Polos motivos de sempre e de calquera (obreiro, xogador, médico, afeccionado...): a melloría económica no seu traballo. Que lembren que o seu neniño Torres tamén marchou para ganar máis. Agora tócalle actuar á Comisión Antiviolencia. Confío en que o castigo sexa exemplar. Nada de multas pequenas ou de pechar tan só esa grada dos energúmenos. Peche total do campo por varios partidos. Non se pode permitir que un club desa categoría lle desexe a morte a un dos seus.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES