Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 22 de noviembre de 2019
Terei que aprender a voar

Nove en punto da noite. Un móbil cargando a súa batería. Un ordenador aberto e funcionando sobre unha mesa de madeira. Cambio de tema musical. Agora toca un de Pingas de OrballoQueen. O tempo pasa nesta noite dominical e as nubes non deixan ver as estrelas. Quero marchar para o planeta Marte pero ninguén me quere alugar unha nave espacial. Terei que aprender a voar. Preciso ás para voar. Ó mellor chégame con soñar. Nirvana polos auriculares. Nove e dez da noite. Fóra vai frío. Na casa, a calefacción funciona. Tres dicionarios sobre a mesa. Por veces hai que botar man deles. Un ten a intelixencia dun toxo verde. E menos mal. Krahe e Sabina queren pisar o acelerador. Con sentidiño, por deus, con sentidiño. Que despois pasa o que pasa. Pasa o tempo e nada se detén. Nin tan sequera a canción. Nin tan sequera os latexos do corazón. Nin tan sequera as ondas do mar que veñen e van. Agora que cada quen pense na estrela que quere visitar. A min, xa dixen, chégame con ir a Marte. Pero non teño nave espacial. Terei que soñar. Listados de temas musicais espallados pola mesa e un bolígrafo vermello marcando o que teña que marcar. Nove e dezanove minutos da noite. Desta noite nas que oulean os lobos e se envorcallan os xabarís. Tan só o silencio da noite será silencio nese sentimento que emerxe, que flota nun entresoño eterno. Non sempre é fácil conciliar o soño. Nin tan sequera baixo a estrela errante de Lee Marvin. O cursor do rato do ordenador deixa de pestanexar ás nove e vinte e catro da noite.

Os biosbardos

Deixo que os biosbardos se acochen entre as mantas dunha vida que transcorre con parsimonia. Aí, ó quentiño. E co silencio pegado ó seu lombo. Tan só as badaladas do reloxo da igrexa de Baños de Molgas son quen de anunciar as horas dunha noite pecha. Quero contar as badaladas (ou as horas) e pérdome. Cinco ou seis. É igual. É noite pecha. Ou ó mellor non tarda en amencer. Pero iso xa mo dirá a fiestra que dá á rúa, cando a claridade furgue coma un anuncio que a maioría non queremos. Co ben que se está no leito! Encollo máis e máis neses biosbardos que están ó quente. Lembro aquelas tardes nas que berraba desde o alto dun outeiro e os paxaros emprendían o voo ante o ergutío que saía do meu peito. Lembro como pasaba o tempo sen facer ruído, entre aradiños de pau e xantares de touciño con pan, almorzos de touciño con pan, Pingas de Orballomerendas de touciño con pan e ceas de touciño con pan. Un touciño cheo de lardo e nin chisca de febra. A vida, ás veces (ou moi a miúdo), era pura miseria. Todo o bo se vendía para acadar catro cadelas. Agora si, agora empeza xa a claridade a asomar por entre o instante do muxido das vacas. Pouco a pouco os biosbardos bolen por entre as mantas e inician a ladaíña dun suspiro entre a luz do día e o ruxerruxe do eixe dun carro de vacas. Non hai volta atrás nin parsimonia no tempo; empeza o bulebule, o fervedoiro dunhas labores eternas. Nunca houbo tales biosbardos na vida dun labrego. As badaladas do reloxo da igrexa de Baños de Molgas marcan o tempo.

Paus a esgalla para a cultura

É media mañá na vila de Baños de Molgas. O ceo está gris. Ás veces quere chover. Por veces quere nevar. E de mañanciña había unha boa xeada. Ou sexa, para dar e tomar. Tamén semella que dá paus a biblioteca do Campus Universitario. Entendo que ó estar colapsada intente buscar medidas para evitar ese colapso; pero nunca, nunca, nunca prohibirlle a entrada ós menores de 18 anos. A cultura nunca se lle debería vetar a ninguén! A ninguén! Sexa estudante, non sexa estudante. Unha biblioteca debería estar para o uso de calquera, aínda que sexa doutro concello, doutra provincia, doutro país. O Campus, o concello, a Xunta, o Estado deberían crear máis bibliotecas e ampliar os horarios, abrir en festivos incluso, destinar máis presuposto e deixarse de tantos gastos superfluos na maioría das accións ou eventos que adoitan realizar os políticos. Non sei... vénseme á cabeza, agora mesmo, eses soldos vitalicios, eses salarios nas corporación municipais onde agora cobra can e gato, esas axudas de custo estratosféricas por asistir, ás veces, a actos esperpénticos e incluso, algúns, inexistentes. Despois botamos as mans á cabeza cando nas enquisas asoma a pouca porcentaxe de lectura no noso país. Normal. Á cultura sempre se lle puxeron atrancos... por censura, por economía, por deixamento, etc... Temos de exemplo ó propio concello ourensán, que lle dá paus a esgalla, que está a poñela aínda máis gris que a este ceo que cobre á esta miña Venecia ourensá. Máis bibliotecas, por favor.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES