Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Perigos domésticos

jueves, 14 de febrero de 2008
Estou plenamente convencida de que quen inventou o traballo de ama de casa odiaba realmente ás mulleres.

Pódolles contar que, hai uns días, fun atacada de forma inmisericorde por un fato de patacas que tentaban fuxir desesperadamente do aceite quente da tixola. Saín trunfante, xa que elas remataron na fonte facéndolles compaña aos pimentos.

O pior da hora de xantar é que, antes de comenzar, xa estás a cavilar no que hai que facer para o día seguinte. Varias veces tentei facer unha especie de menú para unha semana, pero non fun quen de seguilo porque sempre apareceu algunha invitación para comer fora que me descuaxiringou o plan.

En vista do éxito, e coma último recurso, fíxenme cunha cacerola disas modernas que case non precisan de auga e aceite para cociñar. Custar custou abondo, pero a mín… ten unha tapa supersónica chea de colorines e un reloxio que che vai avisando dos tempos de cocción, pero a mín… faise a comida catro veces máis rápida que nunha pota das de sempre, pero a mín… é cómoda e doada de limpar, pero a mín… segue sen me gostar facer de comer.

Coma sempre hai xente boa no mundo, teño amigos que veñen pola casa e ofrécense amablemente a facerme o xantar. O máis escutulado e ben intencionado de todos á hora de cazolear é o Fer, que sempre me bota da cociña cando se pon máns á obra.

Agora, polo entroido, fíxome unhas xudías con xamón realmente exquisitas, que non engordan e están listan en cinco minutos na cacerola psicodélica. Istes días ando algo enfadada con el porque agochoume o disfraz que tiña preparado para o desfile das comparsas do martes… e xurou e perxurou que non mo daba… así que tiven que improvisar un para sair do apuro. Na súa defensa debo decir que, unha semana antes, estiven na súa casa e "inocentemente" agocheille unha bota. Tardou unha hora en atopala mentras agardaban por el para ir cear de restaurante e poñíano a caldo polo "despistado " que é.

Un dano colateral de cociñar é o emporcallamento xeneralizado dos azulexos da cociña; por moi boa que sexa a campana extractora a grasumada fai acto de presencia e non hai maneira humana de se deshacer dela. O mercado ofrece cantidade de productos para eliminala, eu ata chamei ao mordomo da tele (que, por certo, estalles moi bon), para que me botase unha man co algodón, pero non hai máis remedio que botarlle resignación ao asunto.

Outro traballo ingrato a facer na casa é a limpeza. O pó ten unha especial habilidade en se agochar e voltar a sair ao día seguinte de pasar o aspirador e a mopa. O meirande inimigo da ama de casa é o sol, que se empeña en facernos ver o mal que quedaron os mobles e o chan cando entra a trasluz pola fiestra e amósanos o pasillo con algunha que outra boliña de material sin identificar e que fuxe en canto ve que se achega unha basoira ao seu carón.

Seguindo coas actividades cotiáns da casa chegoulle a hora á colada. Poñer a lavadora non é do que máis me amola. O único que teño que facer é estar atenta a cando o aparato empeza a centrifugar, porque ten moitos anos e está tocado dos rodamentos e fai un ruido que mete medo, e, ás veces, ata da un paseiño polo cuarto de aseo e atranca a porta. (O cuarto de baño é un mundo no que non penso entrar).
En vista do dito, estou pensando en fundar un partido político que leve ao poder ás sufridas amas de casa, para que podamos cotizar e teñamos a nosa ben merecida e gañada xubilación.

Desculpen vostedes, pero teño que deixalos que hoxe non hai quen me faga a comida. Un bico.
Naseiro, Estrella
Naseiro, Estrella


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES