Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Memoria da imprenta en Mondoñedo

lunes, 14 de octubre de 2019
Nos arredor de 500 anos de historia da imprenta en Mondoñedo, anotamos en letras de molde unha data capital; o 16 de setembro de 2019, luns dos Remedios, inaugurouse na Casa dos Cóengos (entre a Catedral e o Seminario, a carón da casa natal de P. Veiga) o Centro de Interpretación 'Imprenta Mondoñedo. Jesús López Díaz (Suc. De Mancebo)'.

Foi un día singular por moitos motivos pero sobre todo porque Fernando López González, propietario da única imprenta en activo, teimudo promotor deste proxecto desde hai uns 40 anos, viu cumprido un soño. Unha arela que constitúe a véspera ideal para celebrarmos o ano que vén o 150 aniversario dos comezos da Imprenta Mancebo.

Século e medio de historia des que o apelido Mancebo iniciou en 1870, na rúa Batitales (hoxe Lence Santar) con Hermenegildo Mancebo, seguido do seu fillo, Edesio, a partir de 1887, na rúa Progreso, a partir de 1931 con Jesús López Díaz co nome de Suc. de Mancebo, e a través do seu fillo, Fernando, ata a actualidade. Dáse a circunstancia de que a Imprenta Suc. de Mancebo mudou de emprazamento en 2001, regresando á rúa Imprenta, a poucos metros do centro museal e no lugar case exacto onde debeu estar a primeira imprenta no s. XVI. Para E. Lence Santar, primeiro cronista, a tipografía primixenia instalarase nesta mesma casa e lugar.

Da longa e frutífera historia da imprenta en Mondoñedo (un incunable anterior a 1500, Breve forma de confesión de Alonso de Madrigal, ou Agustín de Paz, impresor da Descripción del Reino de Galicia do Lic. Molina) conta este museo con abondosa información gráfica e textual: paneis con fotografías, selos, cabeceiras de xornais, carteis, programas de festas... un amplo abano de mostras do traballo desenvolto grazas a este invento revolucionario que democratizou definitivamente o coñecemento.

Porén, as estrelas do Centro de Interpretación son catro máquinas xa en desuso pero que representan un testemuño fidedigno da evolución técnica deste oficio desde mediados do s. XIX e, de paso, da historia da imprenta apelidada Mancebo entre 1870 e 2019.

Unha máquina plana H. Jullien fabricada en Bélxica en 1872, unha Minerva Hispania semiautomática, que xa fixera bos oficios en Gráficas Bao de Lugo, e unha guillotina manual que mercara no seu día Edesio Mancebo, cedidas as tres por Fernando López González; e unha linotipia cedida por Gráficas Lucenses. Tamén vai dar que falar un moble chamado 'chibalete' que conta con varias gabetas contendo unha ampla mostra das tipografías históricas da imprenta mindoniense.

Amais do empeño xeneroso e fundamental de Fernando, o entusiasmo dos operarios Suso Robles, Josefa Cruz e Reme López, e o altruísmo inabarcable de Alicia Tella-Villamarín (falecida hai unhas semanas), este centro puido abrir as portas grazas a unha combinación de vontades que axudaron a financiar a rehabilitación do edificio e a musealizar os fondos por parte da Xunta de Galicia, a cesión do Cabido ao Concello por 25 anos da planta baixa do edificio e a aposta municipal por destapar as esencias da historia e da cultura locais.

Imaxino e desexo que, amais de contemplar a excelente exposición que se inaugurou, tamén, co auxilio didáctico axeitado, se poida recrear o inmaterial asociado. No 'chibalete' desa memoria intanxible que Fernando López atesoura gárdase o olor primordial e espiritual da nosa tinta impresa.

(Antonio Reigosa é Cronista oficial de Mondoñedo).
Reigosa, Antonio
Reigosa, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES