Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas a Antón

viernes, 01 de febrero de 2008
Lugo, 1 de febreiro do 2008

Meu amigo Antón:

Debo de che dicir que onte chamoume a túa señora esposa, non sei se estás ao tanto. Leveime unha grande sorpresa porque creo que a é a primeira vez que me chama polo teléfono para parolar un pouco, aínda que, cando temos ocasión de nos ver en persona, falamos demoradamente de todo, e con moito gusto. E ti, xa te imaxino, estarás a darlle voltas, devecendo por saber cal foi a causa desa chamada da túa dona. Curioso como es, non has parar ata que cho diga ela ou eu, así que, co permiso dela, voucho dicir eu nesta carta. Veleiquí. Onte a túa muller estaba diante do televisor cando víu aparecer unha cara coñecida dos telexornais: era a do portavoz da Conferencia Episcopal ao que hai poucos días tamén fixeron bispo, e apareceu xa coa cruz pectoral e co anel episcopal na súa man dereita. Pero non foi iso, a súa vestimenta, o que puxo inqueda á túa muller, poida que nin sequera se tivera fixado nesas cousas. O que a inquedou foi que, polo que dicía o novo bispo, parecía entenderse que, o día das eleccións, os católicos non van ter máis remedio que darlle o seu voto a un partido de dereitas.

Ela, a túa compañeira, non me dixo, nin eu lle preguntei, por quen adoita votar, pero, polo molesta que estaba, ben se podía entender que non son precisamente as dereitas o obxecto da súa predilección. E preguntábame se, de verdade, o voto que pedía o novo bispo era obrigatorio para os católicos. Evidentemente, díxenlle que non, e creo que tamén cómpre dicirllo a todo aquel que teña esa inquedanza. A opinión do bispo novo e do conxunto de bispos sobre este asunto é moi respectable, claro, pero non é ningún dogma de fe ou de moral que obrigue sen máis. Por riba de todo está a conciencia de cada quen, e, se a actuación dos partidos de esquerda non lles gusta moito a algún dos bispos, tamén somos moitos os católicos aos que non nos satisface nadiña a política de dereitas. Eu non creo trabucarme se digo que, dentro do episcopado, aínda queda un grupiño que vota á esquerda. Todos os partidos teñen moito de apreciable e tamén moitas cousas que non resultan tan positivas. Todos, digo todos, non só os de esquerda. E tamén é verdade que as dereitas, cando tiveron o poder, non modificaron as leis que fixeran os de esquerdas con malestar dos bispos. Así que, meu Antón, ao final non sei o que fará a túa muller, pero creo que lle din, alomenos, un pouco de tranquilidade, como é o meu deber.

E agora, a gozar da festa do carnaval. Cando falo disto, ti sempre me recordas aqueles vellos tempos da túa adolescencia, e tamén da miña, cando os curas se volvían tolos a avisar da maldade de tales festexos. Prohibíanse, por suposto, as mascaradas, pero os nenos e tamén os mozos non faciamos moito caso e sempre atopabamos pola casa uns trapiños cos que nos tapar corpo e cara para saír á rúa a, por uns días, facer de todo bromas e bricadeiras. Ti mesmo, Antón, sempre me traes á memoria aquel conflito no que se veu metido o párroco de Vilalba cando puxo todo o seu poder en prohibir o “enterro da sardiña” que un fato de mozos vilalbeses tiñan preparado con moito entusiasmo. Ata mobilizou ás forzas do orde público. Ti lémbraste ben porque eras un daqueles mozos, mentres que eu era só un neno, pero quedoume gravada na memoria aquela escena de vervos enmascarados diante da casa do cura, a cantar latinorios burlescos, sen facerlle moito caso aos requirimentos dos gardas civís que, por certo, tampouco se molestaban moito en dispersar a comitiva. Foi unha pena que se provocara un conflito persoal moi serio co clero por unhas cousas que, vistas desde hoxe, suscítannos a risa porque non eran máis ca unha forma de diversión que xa viña do fondo da nosa historia e que, ademais, nacera da mesma orde relixiosa: o carnaval non era máis ca aproveitar a ocasión de rir e troulear naqueles días que precedían á seriedade da Cuaresma. E, curiosamente, os mesmos mozos que organizabades o enterro da sardiña, estabades logo todos, serios e relixiosamente conmocionados, participando nas procesións de Semana Santa que a min tanto me teñen impresionado. Quen me ía dicir a min que, pasados os anos, un cura, amigo e compañeiro, ben considerado polos colegas, como é Xosé Manuel Carballo, había colaborar na recuperación das entroidadas nunhas zonas das súas parroquias. As cousas hai que comprendelas con calma, porque, a cotío, non adoitan ser tan perversas como nos farían ver os nosos prexuízos. E supoño que non hai que buscar máis conflitos que os que a vida xa nos impón de por si.

E nada máis por hoxe. Coida a saúde e divírtete algo. Ata o venres que ven, se Deus o quer.
Bernardo
García Cendán, Bernardo
García Cendán, Bernardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES