Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Manifesto 2019

martes, 24 de septiembre de 2019
Un ano máis no Paraninfo da Nosa Esencia, querendo outear bandeiras azuis e brancas e co desexo de manifestar contento por estarmos xuntos, aquí... no lugar da pureza orixinal. Bandeiras de afirmación e dignidades. Que son moitas. E é aquí que queremos darlle por nome “Ara de Prisciliano”, a esta que nos lembra o profeta que se rebelou contra o poder opresor. Sumaremos vontades para un mesmo anceio liberador, neste mesmo lugar en que hoxe estamos, cun sorriso tenro, de confianza e na firme promesa que un día fixeron as divindades ocultas nos tempos de calendarios, cando por castigo converteron aos pobos nestas pedras milenarias. Pedras cheas de pena, segundo a lenda, pois mentres non cumpramos o sagrado mandado de amarnos para poder amar, de querernos a nós e ao noso, para poder querer tamén o que é dos demais, construíndo e sendo quen somos, nese camiño que agarda reposición e acordo. Os penedos –que aí vedes- e que pousan quedos no tempo, levan séculos agardando.

Están sancionados na súa propia existencia mentres non rediman a culpa, mentres non corrixan o tremendo erro. Se non somos quen de recuperarnos a nós mesmos. Si, oístes ben: recuperarnos a nós mesmos do mal que fixemos e que aínda facemos, pois a ameaza é tan cruel que nos expón a perdérmonos esquecidos, feitos xa foulas pequenas, desorientadas nas brisas e nos ventos ruíns do esquecemento, para perdernos para sempre no medio dos outros pobos que si se aceptan como son, e que se queren a si mesmos.

De nada nos valerán ídolos e profetas que se crean en posesión da verdade e que ofendan o entendemento. Os que se enchen de amor a si mesmos, sen entender o proxecto común da Irmandade en Nación, esa que nos comprende a todos. Trátase de chegar, ir e camiñar xuntos. O amor á Nosa Terra non pode ocultar erros cometidos: non podemos medrar na auto-compracencia do que temos, non. Seguiremos declarándonos insubmisos da destrución e de tanto desatino cando é este o que asasina o amor e a tenrura, os soños e as ideas e nos deixa, en troques, máis soidade e máis miseria.

Rebeldes contra aquela xente que non nos quere ver, que non nos considera e son os mesmos que seguen a manter tanta violencia machista. Hoxe máis que nunca ser muller é un risco para a súa vida e para a súa propia liberdade. E non o ven! Non ven a ausencia intencionada de xustiza e de solidariedade. Tampouco ven aqueloutra xente que debe fuxir á forza do seu eido orixinal e, así, entre todos, creamos un vocabulario de éxodos, indefensos, desterrados, expatriados. Son refuxiadas/os (escaparon por mor da guerra, da persecución por razóns de raza, relixión, opinión política, nacionalidade ou pertenza a un grupo social determinado), ou son desprazados (fuxidos do fogar por culpa de persecución e conflito, cando non saíron do seu país). Foxen dunha guerra desigual entre as grandes potencias que se reparten os beneficios do mundo. Escapan da morte certa, da enfermidade e a fame, da violación sistemática, do abuso, da mutilación, da dor.

Son tamén as presas e presos políticos, ...e aquí teño que lembrar –sobre todo- ás nosas e aos nosos, que seguen a abondar nas penas por mor de supostas intencións e de presunción de culpa, ou de supostos grupos organizados inexistentes. Son aqueles comunistas (Victoria Gómez, Ignacio Varela, Mónica Refoxos, Mª José Andújar), independentistas (Eduardo Vigo “Edu”, Roberto Rodríguez “Teto”, Raúl Agulleiro, Carlos Calvo, Adrián Mosqueira “Senlheiro”, os da operación Lusista (Miguel García, Joám Manuel Sánches, Asunçom Losada, Antom García) e un etcétera difícil xa de precisar porque en moitos deles deixaron para sempre a pegada dos verdugos, nunca comprendida por elas e por nós. Os nosos presos políticos! As nosas! Tamén os delitos ecolóxicos que nos fan servos do poder e dos que non senten amor polo propio nin pola terra. E son eses os que aínda hoxe non pediron perdón dos crimes cometidos nas páxinas ensanguentadas pola historia de nós, nesta vergoña.

Desta volta, neste ano e nestas precisas circunstancias que nos envolven, cómpre facer reconto de como van as cousas, reconto deste sentimento común de afirmación e da agardada dignidade para coa nosa realidade. Na análise dos aconteceres, temos que facer posiblemente propósito da emenda. Recapacitar para facer avaliación e autocrítica. O certo é que estamos a perder, con estes gobernos que nos obvian, xa non só dereitos sociais e de benestar, de harmonía e defensa da realidade física senón tamén sinais de identidade que son –baixo o noso punto de vista- imprescindibles para seguir a afirmarnos na autoestima, na honra e no decoro, no orgullo que se enche de nobreza, na seriedade de SER QUEN SOMOS e desde aí, afirmarnos con autoridade para que se nos respecte debidamente. O resto son faragullas de repartos entre os que rouban, faíscas do lume no que arde o contubernio, humillacións dos verdugos que cada vez rebaixan máis as cotas da harmonía e a decencia.

Por iso, desta volta, cómpre saber como se vai producindo o devalo que nos asiste. Cómpre saber como van facendo de nós estes inconformistas insignificados que, ao longo da carreira vital se afirman conscientes mentres aqueles se dilúen en prantos, en pequenas festas gastronómicas, en Xacobeos de pompa funesta, en Cidades da Cultura como mausoleos da memoria irreverente, en Luares de pimpón que fan gala da incompetencia e da falta de rigor debido para coa nosa Cultura; en Panoramas e Combos Donimicanos que rouban as paixóns dos declarados descrasados que sempre prefiren o alleo, descolgados xa –por iniciativa propia- do vínculo da orixe, este mesmo que nós tanto defendemos e que é, en definitiva, o que nos sitúa no mundo.

Cómpre saber como se suceden as cousas, como nos van –a poucos- roubando a Lingua, as motivacións de cohesión social, os nosos modos de diversión, as nosas artes, as nosas enormes paisaxes, as nosas crenzas e credos, os nosos ritos, os nosos xeitos de entender a vida e de ser diante do mundo, a nosa historia, aos nosos mitos, as lendas e os contos, ...o Noso Todo! Trátase, en definitiva, de darnos conta e caer na evidencia destas sucesivas perdas que nos propoñen sibilinamente á domesticación e que nos van sumindo, pouco a pouco, no silencio incrédulo que aínda así, nos vai levando. Eles teñen claro o de invadir e colonizar e desposuírnos da Casa. Demostrarnos que somos tan pouca cousa, que non temos nada. Eles teñen claro que debemos obedecer e calar, non só non falar galego, mellor ternos mudos. Empregarán de contado métodos visibles ou invisibles para ridiculizar, para ofender, para espallar os medos e ameazar.

Trátase do abuso directo sobre das persoas e a súa Cultura, de acomplexar ao Pobo Soberano, avergoñándoo diante do seus e dos alleos. Sumíndonos individualmente, destruíndo pouco a pouco a natureza íntima do ser humano, para levarnos a un caos colectivo. Inducirnos ao coma, deixarnos sen vontade –xa que se hoxe houbese eleccións para proclamarnos donos de nós, ...perderiamos!- e iso dá conta da perda de orgullo e estima, da perda de confianza e ilusión, dos múltiples coitelos que nos acollen para anular calquera capacidade de resposta. Serán capaces de romper aqueles lazos de cohesión social que, por tradición, gardaron sempre as nosas xentes para incluírnos a todos nese grupo social que nos define na nada. Serán quen de romper a nosa economía sosegada, o noso orgullo de ser, a nosa historia, que mesmo han contala doutra maneira para protexerse. Desprezarán a Nosa arte, a Nosa Lingua, ...mesmo hipotecarán o noso futuro en débedas que eles contraeron. Serán capaces de botar sobre del –o noso futuro- o veleno necesario para que non volva rexurdir calquera tipo de esperanza. Traerán de fóra outras linguas de “suposto” máis prestixio, outra arte superior, outros modos, modas e maneiras estrañas, outra interpretación do mundo que nos faga sentir pequenos, invisibles e retraídos...tristes e entregados.

Traerán de fóra outras modas efémeras e novidosas que nos sorprendan, outras especies de árbores que lles dirán máis rendibles –aí tedes os eucaliptos-, inventos para o consumo urxente de máis consumo, aparentes modernidades que caduquen constantemente, comidas rápidas que enganchan e son todo beneficios, anque maten; sementes e graos híbridos de novos vicios, novas drogas moito máis efectivas para a súa arrogante aposta, monocultivos salvadores da economía, que é a súa empresa ou dos amigos, fillas de industrias multinacionais –preferentemente aquelas que noutros sitios non queren, por seren moi contaminantes, ...que máis ten! A falta de planificación forestal, o deterioro da calidade de vida sen planificación forestal nin urbanística, de minas que destrúen a terra e a paisaxe, a vida. E así imos indo ao cego horror dos precipicios e desertos, á despoboación, ao abandono.

Manipulan o inconsciente colectivo e instalan en nós as ideas que lles conveñen. Implántannos condutas agresivas, urxentes, útiles para o esaxerado consumismo, para cambiarnos as ideas e as actitudes desde os medios de comunicación que, agora, tanto adoutrinan. Farannos vítimas dunha opinión pública que previamente moldearon. Farannos dependentes do vicio que crearon e chegarán a crear en nós o re-axuste necesario para negarnos, para adorar o boi de ouro que eles crearon. Cambios necesarios para o seu absoluto poder e dominio. Só manteñen oposición certos grupos rebeldes minoritarios e innovadores que serán considerados indesexables polas mesmas masas antes manipuladas e que –constantemente- terán que dar conta da súa perversa condición de discrepantes, ás veces –como din eles- alentadores da rebeldía en terrorismos inventados.

Aí estamos, aí, nese conformismo de aceptar os gustos programados, as ideas suxestionadas, a información seleccionada. Ás veces fano sibilinamente, como se fosen poñendo chips que nos condicionan e privan de liberdade, mesmo para escoller fóra do que eles programen. Debemos, pois, arredar deste colonialismo para recuperar o xuízo, e poder adoptar as nosas decisións, que terán que ser adaptadas aos novos métodos que corrixan e endereiten aconteceres. De aí, a necesidade de organizar a defensa diante do abuso, a mentira, o roubo. Pois xa teñen avanzada a nosa colonización. Pero hai un segundo momento, trátase de desfacer e destruír o visible, mesmo alterarnos a vista para sermos guiados a modo de rabaño desconcertado, traendo de fóra ideas e máquinas que apuren ben no exterminio do aparente e do que non vemos. Facernos crer en democracia, cando en realidade somos espectadores pasivos do que eles deciden, ou non temos unha monarquía que ninguén trazou? Un sistema asistido dunha xustiza que aínda evoca o franquismo. Xustiza lenta, balorenta e chea de contradicións. Falta de vontade para asistir aos débiles, urxente para favorecer aos crápulas.

Infíltransenos nos nosos soños con urbanizacións enormes, con modas continuas, con edificios raros e lonxincuos, colonizando os modos de vida ao tempo que destrúen lugares de concentración, núcleos de vida sosegada e tranquila nas aldeas e o rural, masificando as vilas, plantando aquelas árbores de fóra, moito máis agresivas e produtivas que asisten aos empresarios amigos das fábricas contaminadoras, construíndo no medio da nosa Natureza, con paisaxes de especial atención, sen ter en conta o seu valor e o necesario coidado para a diversidade, enchendo de lixos e porcalladas os arredores. Tiran os velenos por eles producidos e fano agachados das cidades, nos montes. Son residuos que a eles lles sobran, das súas empresas ou empresas dos amigos, con elementos infectados de enfermidades novas e de morte. Apropiáronse de nós e proxéctanse sobre de nós: acaban con nós!

Sucede así que perdemos a vida propia en favor deles, dos seus negocios. Tamén perdemos a vida dos ríos, das fontes, das fragas, dos contornos míticos que daban gusto aos nosos ollos e corpos. Alá irán os nosos mares enchidos de vertidos contaminantes. Alá quedarán os contornos do horizonte entre eólicos enormes de empresas saudís. Velaí as desfeitas en pro do seu beneficio ou dun turismo recorrente que é propio das economías da fame. E diso non nos informan, non nos permiten saber os efectos que poden provocar. No seu fanático acordo, levarán por diante o noso rural, alá irán as nosas pequenas evolucións sociais que se fomentaban na cooperación e dentro de pequenos grupos, onde o mesmo grupo é toda a humanidade, onde existe un cerebro común e social que procura a evolución, onde gustamos de ser como somos e temos o control da nosa propia evolución, sentíndonos cidadáns da Terra.

E nun terceiro momento: virán por onde xa non vemos. Será lentamente, silandeiros, sen facer ruídos, amigos perversos da traizón onde se trama o crime, onde se produce unha atracción cara ao que non é noso, descubrindo as nosas ansias e carencias, abondando nas aspiracións comúns, na busca de proveitos materiais: pan para hoxe, fame para sempre! É o auto-engano. Pero é igual, eles seguirán na teima de acabar con todo, de profanar o sagrado eido da harmonía, e farán todo aquilo que intencionadamente se nos oculta e que está detrás dos pactos asinados coas grandes potencias do exterminio, empresas especuladoras, organigramas do roubo, das mafias, das drogas, das grandes liñas de condena para profanar os subsolos da paisaxe, alí onde xa non sabemos, onde afondan para catas indecentes de explotación e exterminio, as minas, a contaminación a gran escala, os plásticos, a compravenda de residuos contrarios á vida, a corrupción mesma do home polo home. Veñen roubar. E aí, nós xa non contamos para nada. Lévano por catro patacóns, deixando atrás unha paisaxe de ruína total, de deserto, de pobreza e miseria, de abandono. Son capaces, de colocar bombas no medio da nosa alma. A eles interésalles o seu beneficio. Máis nada. Así –con autorización legal ou sen ela- róubannos e invádennos, colonízannos novamente. Como se nada pasara.

E queda unha cuarta fase, que é aquela que vén por cada un de nós, directamente por nós, directamente en corpo e alma. Colocan explosivos que destrúen a nosa vontade de ser quen somos. Engánannos facéndonos crer que o que fan, fano polo noso ben. Que é necesario. Fannos pensar que axudan nesta Galiza baleirada, neste rural que foi fonte de resistencia non so vital, senón cultural. Esta nosa Galiza rural na que eles agravaron os problemas que xa había. Pois si...fano sen medidas para reparar a caída demográfica, ou dando solucións urbanas para un rural de mínima expresión social, con desprezos de falta de inversión durante séculos, con localización de industrias contaminantes –arredadas así das súas cidades preferentes; con contaminacións en forma de gases, de lodos, de todo tipo de impurezas que na cidade non querían, con minas que acaban coas fontes e coa pureza da natureza, con travesías que pasan e non paran, con postes e conducións de muíños eléctricos que xeran o caos e arruínan a beleza, con eucaliptizacións abrasivas e tan dolorosas, poñéndonos no fuxir moi lonxe a buscar o pan e o alimento no alén dos nosos horizontes. Mobilidade laboral, din eles. Bótannos do noso. E así a baixo prezo abondan no noso patrimonio perturbado e mísero e, como non, axudados de calquera xustiza que non mira o que fan, no seu dereito a convértense en terroristas da Nosa Existencia, da Nosa Cultura Enteira, sóltannos da raíz e deixamos o arraigo da Nosa Casa.

Coa desculpa da modernidade póñennos na fame. E prívannos da nosa memoria e así da nosa capacidade de sementar porvir. Coidan que non sexamos quen de xuntar forzas, de irmos xuntos nun anceio. Contrólannos. Lévannos por onde queren. É así como chegamos a este estado de desequilibrio absoluto, de grandes fortunas por un lado e polo outro de grandes masas de xente que non chega á fin de mes, incluso tantos que pasan privación de alimento e asistencia. Soldos mínimos, traballos en precario, servizos públicos –sen recursos- que se van convertendo en privados, ... Así serían os primeiros pasos, xa dados, para acabarnos e extinguirnos. Algo que xa ocorre na realidade. E de tal xeito van pasando as cousas, de tal xeito imos levando o calendario que nos preguntamos moitas veces, para recoñecernos, que é o que somos e que é o que non somos, que é o que nos falta por ser. Parece resultar claro, ...que será o que nos falta por facer, para ser quen somos ou quen xa deberamos ser? Que fará falta para que deixen de decidir por nós? Isto é, que é o que deberamos ter feito, desde hai moito tempo, para non chegar a onde estamos?

Somos un pobo, que unidos somos quen de erguer das nosas propias cinzas. Si, somos quen de reconstruírnos en nós mesmos desde os códigos da memoria, desde os elementos que nos integran e fan presentes diante do mundo. Desde a nosa propia Cultura, anque hai signos que debemos recoñecer e outros que debemos aprender a vadear. Pero se xuntos somos quen de vencer, por separado estamos perdidos. E esa é a súa vitoria, a vitoria dos que dividen e matan, dos que fan de nós un rabaño de ovellas. Non hai que ser moi listos. Algúns non convencen, non convencerán nunca. Non son quen de seducirnos no creto e na ilusión. Precísase dun modelo aberto e inclusivo, de soberanía propia para precisar a nosa acción política, económica e social, para redefinirnos nación e buscar solucións forxando dinámicas de entendemento, antes de illamentos e egocentrismos múltiples que todos sabemos. Hai que atopar eses lugares de encontro e acción conxunta.

E, neste transcender, ocorren cousas curiosas. Por exemplo, hai quen é quen de poñerlle odio aos lugares, mesmo odia as percepcións recibidas e os amores. Faino por exceso de xenreiras e prexuízos, por falta de sensatez e coñecemento, por falta de perspectiva que nos dea a verdadeira dimensión que proxectamos no mundo. Porque aos recantos e aos seus habitantes –calquera que sexan- non se lles pode aplicar o odio, senón en todo caso o menoscabo e os trastornos propios dos que se senten afectados, e nunca xamais vincularnos aos feitos que alí se desenvolveron. Porque non ten sentido, e aínda así... supoñen unha concepción lesiva dos feitos. Colonizados en fondo e forma, castrados e encastados nas mesmas mentes contraditorias mentres prodigan a súa fábula do roubo e din que aplican a inviabilidade diante do infinito camiño que nos agarda, ...de submisión. Fannos crer estraños na propia casa, na nosa propia terra. Vulnerables, mentres nesa confusión nos veñen cobrando a factura. Por iso as nosas aldeas, as nosas orixes están sendo desposuídas do propio, ninguneadas! Os que mandan non nos queren e non se queren tampouco a si mesmos.

Rexeitan a procedencia, a Lingua, a Historia, a Paisaxe. Non teñen honra de ser, non se senten satisfeitos! Coa Nosa Lingua e a Nosa Cultura fixéronnos ambivalentes e trivalentes, iso pretenden, que é ese xeito sutil de desposuírnos. Nós, desde aquí, pobres de nós, nada tivemos! Parecemos orfos de nós e aínda andamos agachados de tanto complexo que nos meteron. Non sabemos apreciar todo canto temos. Sentímonos pobres e desprotexidos, vítimas do que somos. Nun bucle suicida que eles nos presentan sen saída. A eles, os que nos meteron ese falso complexo de culpabilidade, fáltalles tan só, tapar as fragas e as fontes, abrir a terra, sacarlle os metais de cuarzo e de lignitos, os silicios que queren os chinos, para volvernos miserables sen dereito á vida, enriba dun deserto. Que tapen tamén as fontes, niso andan, virán emporcallarnos de lixo e de negocios cuantiosos para as empresas dos seus amigos, que son de lonxe, lonxe, quizais de ningures. Aquí quedará a merda e a insolvencia. Vede Sogama e arredores. Mirade Cerceda. Vendéronnos a merda, e teremos que pagala, mentres quedamos tamén co baleiro dos nosos costumes milenarios, rodeados de lagoas contaminadas durante moitos anos.

Alá quedaron os Irmandiños, loitadores en honra, perdidos en supostas lendas, case contos de tolos. Pasamos, de súpeto, a unha vida mellor, din eles. Fixémolo sen darnos conta de nada e abandonando o Noso, o de sempre. Perdémonos nun triste golpe do espírito, perdendo a alma e a testemuña do que fomos! A carón pasamos en ringleiras, facendo unha recua de burros “moi ordenados e fermosos” atados uns nos outros polo rabo, no balbordo do esquecemento, na ausencia e a fuxida, na audacia dos que mandan e nos odian. Imos calados no tránsito silandeiro. Mudos diante da perda da nosa propiedade, dos nosos sagrados eidos, aqueles que calquera deus ou deusa agropecuaria concedeu para nós, para estar á par da terra e poder ser fieis a ela. O agasallo dunha deusa todopoderosa e sobrenatural que non fixo satisfeitos do moito que temos, conformes coa natureza, conciliados coa historia que nos precedeu para ensinarnos a non retroceder e a mirar cara adiante con orgullo e esperanza, sen deixarnos convencer polos cantos das sereas mordaces e perversas doutras deidades sen xénero, para que non puxeramos cancelas aos soños, nin nos incomodaramos entre nós, nin coas vilas e aldeas, cos recantos marabillados que se nos sitúan en outonos pardos, en douradas cores de solpores, en sorprendidos amores que agardan sempre un novo amencer esperanzado, de veludo diante da nosa Casa, en orgullo de nación.

Atopámonos así na bisección da luz, aí onde rompen as cores do Sol. Onde os nosos ollos alternan sombras prodixiosas das árbores e plantas, dos animais que en nós confían para convivir e gozar, tamén nas augas das choivas que irán destecendo aconteceres de lúas mentres baixan e dormen os camiños do mar, no verdor intenso da nosa clorofila onde agroman xermolos que pronuncien con namoro as nosas verbas, unha a unha, sacadas para sempre do abismo dese roubo, do abandono! Para que nunca xamais nos poidan ameazar co insalvable silencio, na negra escuridade sen retorno, no esmorecer dos abrentes. Ten que ser, temos que suceder e ser quen de poder botarnos a rolos “libertarios” polo herbal abaixo, espidos e revivindo as ilusión dos tempos vindeiros. Sen deixarnos levar en tanta noite que se esconde por detrás do noso anonimato, na quietude do abandono, encollidos e sen ser donos, no desesperado berro, no tremer da voz, de arder nun novo Medulio, antes da morte, de non ser ninguén entregados á incineración, antes de escravos ou verdugos –que para nós, o mesmo sería- soterrados e sen lápida, lonxe do sagrado mandado, antes de sermos suicidas e en pecado absoluto de non querernos, non crer en nós; forasteiros na nosa Terra, nómades en busca da nada, do silencio, do total esquecemento.

Non merecemos –sequera- chorar a mala sorte, a desconfianza nin a envexa. Castigados por cometer o peor crime que calquera pobo poida cometer: o de non quererse nin aceptarse como é. E a seguir penando, neste formato de pedras, tapando as augas do río máis marabilloso, o máis puro e limpo desde o nacemento. Nós, xa profanadores neste eido sagrado de Irimia, permitindo a eucaliptización brutal e a cegueira dos que nin ven nin miran, e viran de costas a este prodixio da ausencia fuxidía, dos equilibrios nos sendeiros dos abismos. Seguiremos, sen nome, silenciados e mudos, mentres a tarde sangre nas cordas cansas da nosa gorxa e sen voz, nos laios e xemidos dun lume purificador que os queime, un lume vello como as lendas, como aquel Medulio de preferir a morte. Amamantar a morte e nesta errática eucaristía de consentir que nos destrúan, mentres o coro canta: amén, amén, amén.

Así é como son as cousas. Pero nada nin ninguén nos poderá roubar a esperanza. Unha esperanza de Irmandade, que loita para ser, para sermos: para existir na dignidade do Noso Pobo, da Nosa Lingua. Na afirmación dun porvir cheo de Liberdade identitaria. Ogallá xorda en nós a idea, desde esta fraude ou fracaso, desde esta cega posición que tanto tempo nos fai perder, para que poidamos apostar pola vida e pola satisfeita disposición de vivila en harmonía con nós mesmos. AFIRMÁMONOS GALEGOS DE NACIÓN E DE POBO en propiedade, donas do noso eido fundamental de existencia, e tamén deste amor, que é GALIZA, única Patria. Non entendemos outra orixe nin procedencia diferente, anque nos canten cantos de sereas con outras voces lonxincuas e diversas. Anque nos conten contos de adormentar e confundir!

(Texto do MANIFESTO DE AFIRMACIÓN E DIGNIDADE, ano de 2019. “A TERRA VOLVEUSE CINZA E IRRECOÑECIBLE, MOITO MÁIS TRISTE”, de Baldomero Iglesias Dobarrio-Mero, lido colectivamente polos asistentes preto do Pedregal de Irimia o 21-9-2019).
Iglesias, Baldomero
Iglesias, Baldomero


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES