Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A berros

viernes, 13 de septiembre de 2019
Semella que este país vive a berros. E que moitos descoñecen o significado de decibelio, polisílaba que mide os estragos do ruído. Berros que atordan ou palabras que educan. No milagre da comunicación as palabras van e volven. E para que un poida falar, outros escoitan. Pero neste territorio de feiróns e galiñeiros entras nunha cafetería a tomar café, a botar unha ollada á crónica de desastres e balóns do xornal, e polo mesmo prezo asistes a un rebumbio 'musical' que ninguén escoita pero corrixe o horror vacui desa cousa estraña chamada silencio.

Cada pouco saen do lavavaixelas vasos, tazas, culleriñas cun estrondo de bombardeo bélico. E de súpeto, neste escenario de silencios exiliados, a familia de cada día chega coa mochila ben cargada de ruído. Nenos que berran e corren. Vestidos coa camiseta do Barça rememoran nun espazo pequeno o cainismo español. Porque alguén recrimina para que saquen esa camiseta e poñan a do Madrid. ‘Aquí non queremos cataláns!’. A berros. Meus nenos, ben entrenados, séntense o embigo dun mundo onde, como todo o mundo sabe, non hai normas nin límites. Por qué os pais non interveñen para apaciguar esta doméstica guerra civil? Porque eles, adultos ancorados na adolescencia, encirran cheos de entusiasmo, rin a gargalladas, asubían, aplauden. E berran.

Así non hai maneira de ter unha conversa amable, unha certa discreción nas formas, esa cousiña barata e agradable que é a cortesía. No País do Ruído non ten sitio o silencio. Ninguén escoita a ninguén. O cerebro é unha ola a presión sometida ás agresións dos decibelios. Que pensen outros!, berran a berros. “Lonxe de nós a funesta manía de pensar”, pensan sen pensar os que viven a berros. Xusto cando estabas a ler a noticia das turbas fanatizadas aquí e acolá. Mahoma, Deus, Yahvé teñen que estar avergoñados dos seus bobos medievais. Hai relixións terribles que viven a golpe de dogmas e berros. Ou a reunión entre o xefe do goberno central e do autonómico incapaces de atopar unha fenda por onde coar diálogo, transación, acordos, sentidiño común nunha terra que vive a política a golpe de berros e dogmas. E que recorda a pintura negra de Goya onde dous brutáns inmobilizados se acometen a fungueirazos.

Alegría! Volve o terremoto forza 9 na escala do lavavaixelas cos camareiros colocando pratos, tazas e culleriñas con infinito entusiasmo. A música 'chundarata' rebenta nas pantallas dunha televisión idiota que idiotiza. Segue a guerra civil futbolera con palabras grosas entre nacionalistas de aquí e acolá. Meus anxos pequerrechos berran, saltan, barullan e corren entre clientes, mesas e camareiros. Pagas e calas, fuxindo do ruído mentres a vida segue, áspera, insufrible. A berros.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES