Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas a Antón

viernes, 25 de enero de 2008
Meu amigo Antón:

Non é frecuente que veñas visitarme en Lugo, ao meu despacho da Facultade desde onde che escribo estas cartas semanais, pero o luns pasado déchesme a sorpresa de aparecer por aquí, e tamén, debo confesalo, sorprendíchesme nun momento no que non estaba eu traballando senón que andaba moi divertido ollando no ordenador un bo fato de fotos que un antigo alumno me mandou nun CD. Ti, non fai falla dicilo, aproveitaches a ocasión para andar laretando entre os nosos amigos de como pasan o tempo os que traballan na universidade. E abofé que, estou seguro, vas ter esa teima para unha boa tempada, e eu non vou ter máis remedio que aguantar e conformarme.

Pero non me importa, porque ben paga a pena soportar as túas bromas en troques do que me gustou pasar o tempo vendo aquelas pálidas fotos dos anos sesenta, nun branco e negro esvaído, collidas naquel vello mosteiro-seminario de Lourenzá onde eu era profesor. As cariñas daqueles estudantes de hai corenta anos non as teño esquecidas, pero resúltame difícil apoñer un nome a cada unha delas. Así que a miña diversión, cando ti chegaches, consistía en lembrar algún nome, e, sobre todo, descubrir naqueles nenos as personalidades que chegaron a ser na altura deste tempo en que vivimos: acabaron en funcións moi variadas, desde mestres, albaneis, policías ou construtores até xornalistas tan coñecidos como Cheda ou Bieito Rubido ou catedráticos en diferentes áreas, como Ferreiro ou Pepin Rey, e mesmo un bispo como o noso Alfonso. Non me dirás, meu Antón, que non da para pasar unhas horas gozosas o escudriñar naquelas cabeciñas de once e doce anos os adultos actuais que se atopan nas máis variadas funcións sociais. Así que creo estar desculpado desa suposta perda de tempo no meu despacho universitario.

E agora, meu amigo, xa que estou a falar destas cousas, aproveito para che dicir que, como ti ben sabes, tamén me da moito gozo axudar na preparación desas exposicións de fotos antigas de Vilalba que organiza o Instituto de Estudos Chairegos cada dous anos, polo San Ramón. Gozo, efectivamente, porque me parece moi bonito recuperar o rostro daqueles vilalbeses que se foron de entre nós e deixaron moi vivo o seu nome na memoria de Vilalba. Xa se sabe que o nome mantense máis tempo que a figura: sabemos como se chamaba e quen era, pero, en ocasións, xa non lembramos como era. E, xustamente por iso, se temos ocasión de volver a poñerlle figura a cada nome que lembramos, a satisfacción da nosa lembranza faise máis forte. A min, por exemplo, dáme moita mágoa non ter ningunha foto da miña avoa Carme ou do meu avó Bernardo. É como se os tivera coñecido menos, aínda que os seus nomes estean na miña cabeza e na miña pregaria ao mesmo nivel que os outros avós, pero teño que recoñecer que a viveza do recordo é algo menor.

Pero, dirás ti, Antón, con esa ironía maliciosa que tes sempre nos ollos, a quen dos que están a escoitar a radio lle poderán importar estas cousas que che contei? Pois ben, non o sei: ao mellor non lles importan nada a ninguén, pero, se cadra, hai alguén a quen poida dicirlle algo, no caso, por exemplo, de que eles, coma min, teñan de cando en vez a tentación de pasar un cachiño do seu tempo a ollar fotos antigas, non tanto por melancolía senón polo gusto de revivir ou de recoñecer aquel pasado do que estamos feitos nunha boa parte da nosa personalidade. Así se nota cando un vai ver a exposición de vellas fotos no San Ramón e observa como se alegran os visitantes mostrándolle aos seus fillos e netos o que era aquela terra na que eles viviron e se fixeron persoas. Ao cabo, un síntese máis da familia canto máis se lembra dos seus, en nomes e en figuras. E tamén, un síntese moito máis de Vilalba canto máis se lle axuda a lembrar e recuperar na memoria aqueles rostros cos que se atopou tantas veces ao longo da vida. Ata ouso dicir que, cando volvemos ver a cara dos que foron noso veciños, parece que nos veñen máis facilmente aos miolos as anécdotas e contos que deles recordamos e contamos cariñosamente.

E, por iso, amigo Antón, aproveito esta carta para lle pedir aos que se senten vilalbeses de sempre, no nome do Instituto de Estudos Chairegos, que non teñan reparo en nos prestar vellas fotos coas que realizar a vindeira exposición aló polo verán. Por se alguén ten reparo en que se perdan, ti e máis eu asegurámoslles que, se as deixan un día, cópianse inmediatamente e ao día seguinte xa se lles devolven. Porque agora os ordenadores fan milagres.

Remato, pois, agradecéndoche, Antón, que viñeras verme o luns pasado e que me deras ocasión de che escribir esta carta, xa que, con ela, púidenme dirixir aos noso conveciños para que nos axuden a facer viva a lembranza dos que viviron entre nós, e así facer tamén máis viva esta Vilalba que queremos e que con frecuencia criticamos. Ata o venres que vén, se Deus o quer. E, mentres, segue a coidarte como adoitas facelo.

Unha aperta.
Bernardo

García Cendán, Bernardo
García Cendán, Bernardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES