Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Pepiño Estévez

viernes, 06 de septiembre de 2019
Cóntase que a estación de tren que hai en San Clodio de Ribas de Sil fora dar alí porque os habitantes de Quiroga –lugar en principio establecido para o seu emprazamento- rexeitaran, mesmo ás veces con considerable vehemencia, a veciñanza de tan descomunal e escandalosa maquinaria, aterradora, cando non asasina, de persoas e animais domésticos, parando alí, preto das casas, da igrexa, mesmo á vista de nenas e nenos, bafexando ameazante mentres se produce, entre fume mouro e fragores metálicos, a carga e descarga de estrañas mercadorías e xentes descoñecidas, incluso pola noite...

A estación tivo que se asentar na outra beira do Sil onde, é de supoñer, os aborixes eran máis ousados, ou menos prudentes, ou, se cadra, estaban adoutrinados doutro xeito. Manuel María, quen aseguraba contundentemente que todo isto que contamos fora realmente así, implicaba a membros destacados da familia de Ernesto Guerra Da Cal como incitadores da insurrección quiroguesa e por veces parecía como se desa maneira pretendese algo semellante a unha xustificación da actitude do pobo de Quiroga debida, en gran parte, á evidente preponderancia dos seus instigadores... e xa, de paso, curarse en saúde porque, como dende eiquí é doado comprobar, a estación de tren está en Rábade porque as xentes de Outeiro tampouco non a quixeran xa que -dicía o Manuel- Gumersindo LaverdeRuíz se encargara de convencelas de que as galiñas todas da contorna, espantadas pola ruidosa presenza dos convois, fuxirían espavorecidas e non habería ovos, nin pitos para cociñar o día da festa, nin sequera con que facer un caldo reparador para as paridas...

Un día preguntara eu a Manuel María se tan “ferrocarrileiras” coincidencias, ademais da ascendencia quiroguesa do poeta tantas veces por el aludida, non terían algo que ver coa enorme afinidade e estreita relación de amizade que mantiña con Pepe Estévez. Pois agora que o dis... E aproveitou o ambiguo da súa propia resposta para levar a conversa –o monólogo para sermos máis precisos- ós eidos nos que Xosé Estévez labra, e era de oír canto o Manuel sabía da súa vida e mais da súa obra, do seu inxente traballo, da importancia capital dos seus estudos, da entrega e dedicación coas que pescuda nos referentes históricos que até eiquí nos trouxeron, do que esta nosa nación debe ser para todos, do seu vocacional oficio de dobre embaixador de Galiza en Euzkadi e de Euzkadi en Galiza, da súa formidable bonhomía e honradez compartida entrañablemente con MaribelGoñi, compañeira na vida e no respecto...

E eu, que non vou repetir agora, porque é de todos sabido, canto bo do noso amigo dixera daquela Manuel María, asentía vehemente, cando me era posible, para que houbese constancia da miña conformidade con todo o por el expresado, conformidade, ti, Pepe, ben o sabes, que cantos eiquí estamos subscribimos e que hoxe queremos simbolizar nesta navalla que tamén é sinal amizade, admiración e homenaxe ó mestre que hoxe nos reúne á beira do pai Miño. Esta da que un día eu dixera, e quero agora repetir, que ha ser a navalla que utiliza o patriarca para partir o pan no xantar de familia, e o mozo namorado para gravar dous nomes propios na cortiza do ameneiro que se reflicte no río e non da que ameaza, intimida ou manca, a que se comparte para a merenda ó abeiro do pendello despois de rematado o traballo, a que mondará a mazá de sobremesa para avoa, a que enfeitará con xeométricos debuxos o caxato do vello e a cadeira do cativo, a que será motivo de conversa e axudará no relato de lembranzas e antigas aventuras... A que labra o pao que será despois bailarete brincador, ou asubiadora frauta de sabugo, ou festiva tarabela, ou aradiño de xoguete que leve timón e chavellae unha rella furadora feita dunha lata vella, ou que será apoio e defensa daquel que anda nos camiños, ou esteo doutras esperanzas...

Esta que ti, amigo PepiñoEstévez, ben mereces ter hoxe.

(Palabras de Paco Martín sobre Xosé Estévez, que recibirá o domingo, 8 de setembro de 2019, Cabodano do Manuel María, na Campa de Santa Isabel, a NAVALLA DO MANUEL).
Martín, Paco
Martín, Paco


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES