Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xabier P. Docampo, irmao de loita e soños

jueves, 05 de septiembre de 2019
A palabra “irmao” converteuse en nós nese xeito de convivencia fóra de normas, na loita dos soños e na esperanza, aquela que algún día nos traia luz desde a mesma terra, onde nace a utopía, entre dores e sorrisos partillando a vida. Compañía e calor, amizade. E polo medio tamén lendas e cantigas, versos e relatos desta nosa mesma Lingua.

Entramos aí, entón, nesa dimensión máxica que nos conforta, nesa tonalidade menor que expresa mellor os sentimentos. E imos indo co sosego en perspectiva, mirando como pasa o tempo, tecendo e destecendo entre ilusións, como Penélope, os aconteceres de cada día.

Reaccionamos ás nosas soidades e temores envolvéndonos en nós, nesta tribo solidaria de “irmandade”, de conxunción perfecta e amores, de amizade, de arrouparnos diante os medos.

Xuntos facemos voces na harmonía perfecta de sabernos acompañados e compracidos. Coro e orquestra feliz, dun cantar antigo como a luz e como a auga, como o aire que alentamos.

E xuntos, en suave voz, facemos esa cantiga alaranxada que nos comprace tanto. Esa cantiga de entendernos vulnerables, para emitir un canto fondo que chegue ás entrañas, na voz tenra e acolledora que cantaba aqueles versos: “Dime amor, en que mar están as bágoas que chorei porque as dores feitas sal, quéroas ir ver”....

Entón, tamén, xuntos, farémoslle fronte aos medos –eses que tan ben coñecías- e, anque somos un atado de arrepíeos, seguro poderemos rir deles e reducilos á indefensión da razón. Nesas formas ondulantes de cantar e irmos indo, acadaremos a prudencia necesaria para non precipitarnos, reaccionaremos á parálise e ao illamento, e sentirémonos con forza para dar resposta desde o pensamento e o corazón, coas artes necesarias de celebración, da identidade que mata dúbidas que nos poidan ameazar, arrepoñerémonos para o esclarecemento e, ao fin, saír da tanta noite.

Todo nace na palabra “irmao”,
a mesma que entre nós cruzamos.
A mesma que estende a mao
pra valerlle aos magoados
navegar na mesma nao
na que os soños anainamos.
Pola auga, polo aire, polo chao,
mao de irmao que hoxe estrañamos!

(Lembranza de Xabier P. Docampo, que Mero fará o domingo, 8 de setembro de 2019, cabodano de Manuel María, na Campa da Santa Isabel de Outeiro de Rei, na entrega de A NAVALLA DO MANUEL á familia de Xabier).
Iglesias, Baldomero
Iglesias, Baldomero


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES