Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Galicia ausente

martes, 27 de agosto de 2019
Aproveitando o día festivo do pasado 15 de agosto alá me fun a un fermoso lugar do Morrazo, desde o que ó lonxe se albisca a ría de Vigo cando empeza xa a estreitarse, envolta cada vez máis pola luxuriante vexetación que mansamente a acolle nunha mutua e emotiva aperta.

Estamos en Galicia. A Galicia tradicional, mariñeira e labrega que mutuamente se complementan creando beleza, riqueza e modos propios de convivirmos e de estarmos neste país. A calor apertaba e seguramente non había mellor refuxio ca unha popular e asemade elegante casa de comidas, ben incardinada no entorno local. Como eu era un dos agradecidos convidados, non podía rexeitar tal convite, pois atopármonos xuntos familiares e amigos é sempre un galano meirande cá selecta inxestión ou consumición dos excelentes produtos do país.

De tales produtos temos dabondo, ben sexan do mar azul ou da verde e agarimosa terra interior. Lampexaba entrementres o rei sol tralas contras entornadas do local, teimando inmiscirse entre nós coma un máis dos convidados. Mais acordamos que desta vez fose el quentar e dourar máis ben a pel virxe dos veraneantes que naquel intre encherían a praia de Samil.

Non pertence de todos modos á temática destas liñas levantar só acta encomiástica do excelente menú que alí nos ofreceron. Apunteime pola miña parte ó bacallau á brasa mentres que outros do noso grupo preferiron a croca da terra interior. Excelentes ámbalas dúas escollas. Agora ben -e aquí empeza, digamos, propiamente o conto- debaixo dos pratos dos diversos comensais había cadanseu papel de 30x40 cm. de medida, a modo de pano de mesa, no que, onda un par de debuxos ou deseños, se podían ler estas corteses frases: "Buen Provecho / On Egin / Bon Profit / Bon Appétit / Gutten Appetit". Aparentemente todo normal (á parte de que lle sobrase unha te ó "Gutten" alemán). Mais había un pequeno detalle -unha ausencia, máis ben- que me fixo axiña exclamar nun ton de voz para todos intelixíbel: "O de sempre!..." Porque é iso o que está a pasar en boa parte deste país e o que dá ó tempo cumprida razón do título destas liñas, "A Galicia ausente".

En moitos grandes temas pero tamén en pequenos pero significativos detalles deste noso país. Como calquera pode ver, un modesto "Bo proveito" ou calquera outra expresión semellante galega están alí clamorosamente ausentes, ó contrario do que ocorre por exemplo co "On Egin" vasco ou co "Bon Profit" catalán. Galicia xunto coa súa propia lingua fanse así invisíbeis e inexistentes. Despois, e grazas ás informacións do Sr. Google, puiden saber que os tales papeis proceden da empresa "Bersan Papeles y Manipulados S. A.", radicada en Valencia. Cumpriría xa que logo informalos sobre a existencia dun vello país chamado Galicia que ten unha lingua propia e oficial polo menos tan digna como o son o éuscaro, o catalán ou o castelán.

A cousa, porén, non rematou aquí, pois á hora do café (un bo e caseiro café de pota), a súa consumición, no canto de me facer esquecer o tema, aviveceuno polo contrario sorprendentemente aínda máis. Razón? Pois resulta que -como se todo o que estaba a ocorrer non fose máis ca obra dun demiño gracioso que por alí andase solto- decateime para máis inri de que, artisticamente inscrito nos pratiños do café, se podía ler a seguinte información: "Temos un arume especial"... Supoño que o artista desa incitante frase querería dicir "aroma", pois o arume, alomenos desde os tempos do himno galego do gran Pondal..., non é nin máis nin menos cá folla do piñeiro e tal folla seguro que ó café non lle vai nada ben... Pobriña lingua a nosa, tan ausente, tan deturpada!
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES