Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas a Antón

lunes, 21 de enero de 2008
Lugo, 18 xaneiro 2008

Meu amigo Antón:

Espero que te ergueras hoxe de mellor humor que o que tiñas onte pola tarde cando me chamaches polo teléfono. Estabas moi anoxado con Touriño. A quen se lle ocorre, dicías, facer un xuízo do novo bispo de Lugo antes de coñecer o seu estilo e o que pretende realizar? Que queres que che diga? Eu tamén penso que o presidente dos galegos, por moi magoado que se sinta polo que dixeron os cardinais en Madrid, debería ter a prudencia de non xulgar antes de tempo, sobre todo cando o fixo desde unha tribuna pública e coa distinción que lle outorga ter o posto institucional que ostenta. El pode sospeitar o queira e, se lle peta, pode manifestar as súas sospeitas mentres toma un café cos seus amigos. Pero o que non deixa ningunha dúbida é que as súas sospeitas, ou as miñas, ou as túas, Antón, non deixan de ser pre-xuizos, porque o elixido (ou proclamado) aínda non foi consagrado nin tomou posesión do cargo nin, polo tanto, tivo ningunha actuación que nos permita cualificar a súa función episcopal. Son prexuízos, xuízos antes de tempo, que poden ter sal e pementa para laretar en conversas privadas ou para un xornalista espabilado que busca impacto cun artigo de opinión, pero non para unha conferencia pública do presidente da Xunta. Que Alfonso pertencía a algún movemento da Igrexa que tende a ser conservador parece certo, aínda que non ao Opus Dei, como lle escoitei a algún conspicuo comentarista. Que sexa sobriño de seu tío é unha evidencia, e tanto ti coma min podemos corroborar que parecen levarse moi ben entre eles. Ata aí, de acordo. Agora ben, que Alfonso non teña formación, información e personalidade máis que suficiente para pensar e actuar por si mesmo, esta sería unha presunción inxusta que só se poderá afirmar co paso do tempo. Así que, meu Antón, cadro contigo en que o Presidente falou de máis antes de tempo. Pero aló el... E ti non te anoxes. Deixa pasar o tempo.

Tamén andabas cabreado porque a noticia de onte era o debate que ían ter (e que xa tiveron) os candidatos do PSOE, Xosé Blanco, e o do PP, Xosé Manuel Barreiro, na Televisión de Localia-Lugo, sen intervención do Bloque, sen explicación. O caso é que tanto ti coma min non iamos poder seguilo porque na nosa vila somos unha boa parte da veciñanza os que non damos collido esta emisora nin as outras dúas ou tres que funcionan en aberto, sen ter que pagar. En canto afectado, como ti ben sabes, xa lle escribín varias cartas, abertas e publicadas, ao alcalde para que empeñara a súa influenza cos responsables das antenas repetidoras e acadara que todos poideramos ter ese servizo. El, o alcalde, non me fixo caso ningún como era de esperar. Supoño que sospeita que non conta co meu voto, e, polo tanto, non quere darme unha satisfacción. Así que lle pedín intercesión a varios bos amigos meus, que son xente do PP, e nin por esas. E, sen embargo, trátase dun servizo público do que tamén moitos do seu partido carecen. Se eles llo pediran, ao mellor algo podería intentar, ou ao menos explicar por que non o fai ou por que non o logra, non che parece, Antón?. Pois nada, silencio total. O curioso é que moitos deses veciños falaron comigo para agradecer aquelas miñas cartas. Pero non fixeron máis ca iso, agradecer. Cando lle propuxen a algún deles, ti incluído, facer unha carta conxunta, axiña atopastes escusas. Ti tamén, que tes sona de votar á dereita, aínda que non sei eu... Tamén ti, canda eles, poderiades reclamar, pero tampouco. Seguro que nin ti nin eles sabedes que institución ten forza de decisión para solucionar o asunto, e eu tampouco, por iso acudín a quen ten a posibilidade de se informar e actuar, é dicir, ao que está á fronte dos servizos públicos, pero, xa ves, os nosos veciños sofren e calan. Será que teñen reparo ou medo de que os teñan por protestóns ou inconformistas? Non o sei, pero a min faime pensar que estamos en democracia, pero os modos democráticos aínda non entraron en nós.

Así que, meu Antón, sigamos agardando, que é o que nos queda.

E nada máis por hoxe. Cóidate
García Cendán, Bernardo
García Cendán, Bernardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES