Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas a Antón

martes, 15 de enero de 2008
Lugo, 11 xaneiro 2008

Meu amigo Antón:

Onte, despois do funeral do bispo de Lugo, frei Xosé, perdinte de vista e non puiden despedirte nin comentarche algunhas cousas. Teño que recoñecer que, ao longo de toda a cerimonia, estiveches comedido, como cumpría, tendo en conta a enorme seriedade do que estabamos a celebrar. Así que non me arrepentín de ter intermediado para que os do rigoroso “servizo de orden da catedral” che deixaran estar canda min nunha zoa do templo desde a que podiamos contemplar o que acontecía alí dentro. Aínda así, a túa ironía está tan exaltada que, por veces, non fuches quen de reprimir algún que outro comentario que me facías chegar, baixiño, ao meu oído. Eu mandábache calar, pero teño que recoñecer que algún día haberá que escribir un libriño coas túas observacións que, habitualmente, non andan moi desencamiñadas.

A ti arrepíante as mitras dos bispos. Parécenche algo anacrónico que xa non significa nada para os que acudimos ás misas. Poida que teñas razón, pero, se recordas de que xeito ía vestido un prelado cando eu e máis ti eramos novos, o de hoxe é unha simplificación total; pero, claro está, ti non vías un bispo máis cun par de veces na vida e, por tanto, non te parabas a considerar estas cousas. Malia todo, repito, poida que teñas razón no asunto das mitras: a min tampouco me gustan. E ademais, como agora perderon significado para os crentes, non deixan de ser máis ca un disfraz: supoño que algún día no Vaticano haberá alguén que se pare a considerar a maneira de volver a simplificar todo ese boato.

E, falando da cerimonia, a min alegroume moito que fora toda en galego. Non esperaba menos dos organizadores, tendo en conta que frei Xosé sempre manifestou un grande amor e respecto polas cousas da nosa terra: amaba a nosa lingua e empregábaa a cotío. Estaba ademais moi interesado en todo canto se escribía sobre ela. A min, persoalmente, chamoume en repetidas ocasións, despois de ler algún dos meus artigos sobre o particular, para recadar datos que lle permitisen convencer aos seus curas da pertinencia do seu emprego, cousa que, desgraciadamente, non acadou moito. Así que, digo, non esperaba menos dos organizadores; pero tampouco me sorprendería que non tiveran en conta os desexos do defuntos, porque, aínda non hai moito, algún funeral por monseñor Araúxo, o que foi bispo de Mondoñedo, foi oficiado en castelán, cando ben sabido é o que ese bispo tivo que sufrir pola defensa da nosa lingua. Non sei por qué, pero aínda temos un clero moi reactivo contra esa cousa tan evidente. En efecto, non se entende moi ben que o cura estea falando cos fregueses no adro e dentro da igrexa sempre en galego, e, despois de poñer a indumentaria litúrxica, cambia sen máis para o castelán. Alguén entende esta contradición?. Así que, repito, alégrome, e sei que ti tamén te alegras, de que os organizadores das exequias adoptaran a boa decisión de empregar nelas a nosa lingua, aínda que lle causara unha certa dificultade de verbalización ao cardeal de Sevilla que presidiu a cerimonia. Pero ti, meu Antón, axiña notaches as rebaixas. Primeiro, detectaches de inmediato a lingua dos cantos: todos en castelán e algo en latín, non sei por que. O cantante que elixiu a música supoño que é galego, pero non debe exercer. E iso, a pesar de que un dos mellores autores de cantos en galego, ben fermosos por certo, foi un franciscano, compañeiro e amigo de Frei Xosé, o padre Feijoo, creador do Orfeón Terra Nosa. E despois da música, os diferentes avisos e comentarios: tamén todos en castelán moi pulido aínda que, inconscientemente, galeguizado, claro. Coma se os asistentes non entenderan como ían facer para recibir a comuñón, se non se lles explicaba en clara e pura lingua castelá. E ti mesmo, Antón, me comentaches que, ao remate do funeral, nun momento en que eu tiven que saír, parece ser que unha persoa, que debía ser cura, púxose a facer unha semblanza do falecido na que se resaltaba o seu amor polas cousas de Galicia, pero o discurso non apeou un castelán aquilatado, con algo de acento, o que che fixo pensar que, se cadra, o que falaba non era galego. Non che sei dicir quen era, pero eu si puiden escoitar a un laico que lle deu publicamente as grazas a Frei Xosé, e fíxoo en galego. Era un laico, claro.

Ti e máis eu gozamos moito tamén co son do órgano, ese magnífico instrumento que tanto axuda a rezar a sentir fondamente a palabra de Deus. Por certo, preguntábasme ti, cando amañarán o órgano da nosa igrexa de Vilalba e lle poñerán un organista?. Temos que nos enterar....

E por hoxe nada máis. Deixemos aquí, nesta carta, a nosa homenaxe a este bispo que foi, máis ca nada, unha boa persoa, de doado acceso e achegado á xente máis sinxela, o que xa non é pouco.

Cóidate, e ata o venres que ven, se Deus o quer.
García Cendán, Bernardo
García Cendán, Bernardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES