Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Querido amigo

viernes, 11 de enero de 2008
Querido amigo, onde esteas, cando me vexas coa ollada triste, coas pupilas sen brillo e apagadas, cando me albisques coa cabeza baixa e a voz cortada, pásame a man pola testa, agarímame o cabelo e bícame na fronte.

Querido amigo, cando sintas que o meu peito latexa máis lentamente, que os meus pasos son tan pequenos coma os dun pícaro que comeza a andar e que arrastro sen gañas os pés cara a un futuro sen alento, dame a man e convírtete no meu apoio, no pilar da casa para que esta non se derrube.

Querido amigo, cando me atopes triste e soa fronte ao mar, ou nunha cadeira ollando a vida detrás dunha fiestra empapada pola chuvia, senta ao meu carón e fálame de todo o que sabes que me gusta. Di que me coñeces tan ben que intúes o que eu preciso. Axúdame a camiñar pola vía do progreso, lonxe das rúas onde reina a frustración e o desalento.

Pero, querido amigo, cando me vexas feliz alégrate pola miña sorte e cántame o vilancico de calquera canción que me faga bailar, tira fogos artificiais e fagamos do cotiá a festa da vida, nun continuo fluir de coñecementos, a través da transmisión das nosas sensacións.

Querido amigo, ten sempre presente o que somos un para o outro, o que sinte o noso corazón cando estamos xuntos, o que debuxamos na mente para sorrir un chisco máis cada amencer.

Querido amigo, por moi afastados que nos atopemos sentirémonos preto un do outro cando de beizos alleos escoitemos pronunciar os nosos nomes, ti o meu, eu o teu.

Querido amigo, coida de min se en perigo me cres, corre na miña busca e protexe o que queres cos teus brazos fortes, sen deixar que o vento afuracanado me fira no rostro, sen permitir que o frío me estrague a voz.

Querido amigo, se me sintes lonxe búscame nas raiolas do sol durante o mes de xullo de cada ano, ou bícame na distancia cando os dous fiquemos á mesma hora mirando as estrelas cada noite.

Querido amigo, escribe palabras bonitas nas cartas que remitas e pronuncia fermosas voces cando regreses, sen esquecer que as almas xemelgas sempre se buscarán, por moita distancia que a vida poña por medio. Lembra, querido amigo, que as partículas afíns tenden a reencontrarse, para formar o todo que nun comezo debeu de ser o cosmos.

Querido amigo, olla o ceo e segue coa vista aquela estrela fugaz que fará dos nosos calados desexos unha firme realidade. Cada un de nós pedirá algo en silencio sentindo a Vía Láctea sobre as nosas cabezas. Cada un de nós desexará contar co outro cando faga falta, porque esa é a base dunha amistade.
Fernández, Ruth
Fernández, Ruth


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES