Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A corrupción como degradación social

viernes, 05 de julio de 2019
É esta unha complexa temática que, polo esmagamento que os políticos se fan mutuamente, están logrando estender unha nube de inmunidade a algunhas formas corruptas, como os favoritismos e clientelismos, na mesma sociedade. E aínda que ao cidadán preocúpao a corrupción, tan pronto se incorpora a un partido determinado, nel xa non quere ver máis que corrección e honestidade, e os que están libres dos vencellos partidistas semellan aceptar con debilitada preocupación, e máis ou menos disimuladamente, que a corrupción sexa algo inevitable no ámbito da política.

Pero hai aspectos solapados na mesma que tal vez conveña resaltar, sobre todo polas súas ignoradas consecuencias, debido a que na sociedade é onde facemos a vida coas demais persoas, o que comporta que a SITUACIÓN de cada unha delas sexa, realmente, unha CO-SITUACIÓN, unha CON-VIVENCIA, e isto significa que non son como outras cousas que están aí inermes, senón que afectan á situación de cadaquén, que eles/as mesmos/as se crean, á de cada un de nosoutros. Pola mesma convivencia aféctanos na nosa realidade radical, de tal modo que os comportamentos duns e doutros sonnos, á vez, alleos e moi co–persoais. Velaquí o gran enigma: Vivimos como alleos vinculados á propia realidade persoal de cadaquén.

Sen entrar en arrevesados razoamentos, partamos aquí de que somos animais necesitados de SOCORROS, por iso, como diría Zubiri, a vida non é só decorrente e inter–corrente, senón tamén, desde o punto de vista dos demais homes e mulleres, SOCORRENTE, e, xustamente por sentir esa necesidade de socorro, as persoas humanas estamos CONSTITUTIVAMENTE abertos aos outros, que tamén necesitan, radicalmente, de nosoutros. E isto fai que os homes se encontren xa nunha UNIDADE PRIMARIA, que nin é obra da vontade nin da mesma razón, o que leva a Zubiri a afirmar o seguinte: “O que queda en claro é que o carácter formal e primario, radical, do fenómeno do nexo entre os homes non é unha unión senón unha unidade perfectamente natural”.

Logo, se esa UNIDADE natural é prioritaria, é un prius, respecto as UNIÓNS que os homes/as mulleres podan constituír mediante a razón e a vontade, calquera comportamento que se produza no ámbito destas “unións”, secundarias e CONSECUTIVAS, ten unha evidente tradución na “unidade natural”: Se nos prende lume a chaqueta que confeccionamos para a nosa protección e non o extinguimos a tempo, quedarán pegadas na pel, no corpo. Da mesma maneira as distintas formas de corrupción das unions deixan pegadas nesa unidade natural prioritaria da especie humana, soporte das unións sociais, erosionándoa, e dunha maneira especialísima cando se producen no ámbito institucional dunha sociedade politicamente organizada.

Deixo estas breves achegas nas mans de vostedes, dos lectores, para facilitarlles unha comprensión crítica dos distintos procesos de corrupción, sobre todo a nivel infra–estrutural, moitos deles moi coñecidos e outros solapados en condutas que pasan por correctas. A propósito, encabézase un pertinente e breve artigo, publicado na revista dixital “Tendencias21” (htt://www.tendencias21.net), co título seguinte, en tradución miña ao galego: “A corrupción é un proceso cíclico de degradación social. Representa un risco pertinaz debido a natureza humana”. Neste artigo dáse conta dalgunhas investigacións e atribúese a corrupción á evolución social, propia da natureza humana. Recoméndase vixilancia permanente para manter ao día a transparencia da función pública. Permítanme, pois, extrapolar isto á “unidade natural” referida no parágrafo anterior, á que “desnaturalizan” certos comportamentos sociais dos integrantes, das persoas humanas, arbitrándose un SOCORRO impropio e con medios censurables, viciando o principio da CO-SOCORRENCIA.

Na actualidade, prestixiosos investigadores fixéronse eco da enorme transcendencia deste proceso de degradación social, e ocúpanse de investigar certos aspectos da mesma. Parece que os pioneiros traballan en Australia, no Instituto Internacional de Análises de Sistemas Aplicados (IIASA), confirmando que a transparencia para combater a corrupción é clave. Sosteñen que nos afecta a todos, impide o desenrolo equitativo dos distintos sectores sociais, socava os valores da democracia e, incluso, algúns considérano o maior problema do mundo, e cuantifican o seu costo mundial en 2’6 BILLÓNS de dólares anuais. Destacan tamén que AS EMPRESAS E PERSOAS PAGAN MÁIS DUN BILLÓN EN SOBORNOS CADA ANO.

É sorprendente que ao mesmo home, á mesma muller, non lles preocupe en exceso poñer en risco a súa DIMENSIÓN SOCIAL e romper o equilibrio e estabilidade necesarios para CON-VIVIR nun ambiente socio–político, mantendo – como diría Zubiri – un vivir non só decorrente, senón tamén “socorrente”, que implica unha indiscutible solidariedade, sostible desde o funcionamento correcto das estruturas unitivas e operativas da razón e da vontade. En caso contrario, é escusado dicir que todo isto tradúcese en comportamentos negativos, antisociais e perturbadores do equilibrio non só social, senón tamén persoal, dun alcance imprevisible, que ao seu vicioso amparo xéranse perversamente solapadas unións degradantes polo seu matiz “anómico”.

Os investigadores, non obstante, acusan unha sensibilidade especial ante as diferentes formas de corrupción, como o evidencia a entrega profesional para acadar teorías que podan encadrarse nas esixencias da epistemoloxía científica. Así utilizan como modelo social de estudo do suborno, por exemplo, a teoría evolutiva dos xogos, que, segundo parece, está inspirada na “xenómica” de poboación, considerando os cambios da frecuencia xenética da mesma, que espertou o interese de sociólogos, antropólogos e filósofos, porque axuda a explicar as condutas ALTRUÍSTAS na evolución darwiniana, e, por conseguinte, tamén as egoístas, a contrario sensu.

Aínda así, os estudosos deste fenómeno social coinciden en desconfiar da eficacia das medidas de anti–corrupción tomadas na actualidade e falan de que se vixíen aos mesmos gardiáns da comunidade. Pero…quen vixía aos vixiantes?. Di, a este respecto, un dos máis destacados investigadores neste campo, ULF DIECKMANN, que a transparencia sobre a integridade das institucións é clave para combater a corrupción, e a vixilancia intensiva contra a corrupción debe manterse incluso cando os niveis desta parecen ser baixos. Trátase dun investigador do IIASA, cunha garantía de preparación en Física e en Bioloxía, solicitado por numerosas universidades en Alemaña, Francia, Holanda, EE.UU., etc.

E termino invitándoos a reflexionar sobre o contido destas dúas seguintes consideracións; a primeira relativa ao “proceso cíclico” referido no encabezado do artigo citado, e a segunda, dirixida á corrupción solapada:

1ª.- Se as medidas anti–corrupción son eficaces, estabilizase a sociedade e, como consecuencia, debilítanse aquelas, reaparecendo a corrupción: Estamos en presenza dun proceso de retro–alimentación da corrupción, no que tamén caen os políticos que utilizan as formas da mesma para, preventivamente, asumir familiarmente os problemas dunha inestabilidade que eles mesmos crearon. Isto esixe vixilancia permanente!.

2ª.- É mester reflexionar ata onde se pode cualificar como corrupción todo este galimatías postelectoral no que nos teñen inmersos os nosos políticos, debilitando a gobernación do país e realizando gastos para acomodar esixencias partidistas, de escasa utilidade pública: A ausencia nos pobos soberanos de respostas constitucionalmente adecuadas, propicia o risco de conducilos polo camiño dos hábitos dunha convivencia caótica, rachando coa dimensión social do home e co principio de UNIDADE NATURAL e cedendo xerarquía á irracionalidade nas unións, en aras dun uso impropio da autoridade e da liberdade, nunha xa cuestionada democracia, utilizada para xustificar e solapar toda clase de extravagancias partidistas, que os líderes, disimuladamente afanosos de complementar co accidental as súas carencias substanciais, pasan o tempo ensaiando todo tipo de astucias.

Son formas de corrupción solapada?!!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES