Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Meu respectado bispo, entre contrastes

miércoles, 09 de enero de 2008
Meu respectado bispo, entre contrastes Onte á tardiña achegueime por alí, polo pazo episcopal. Era algo máis ca orballo o que daquela estaba a caer, e pensei que tal cousa era, onte, un agasallo para a terra nosa moi sedenta. Pero tamén matinei que Frei Xosé era merecente dunha transitoria calma doce que acomodase un paso lento dos que se achegaban a dicirlle adeus a aquel corpo que nolo fixo coñecido. Calma e paso lento, coma se quixeramos negar por un pouquiño máis de tempo a realidade inexorable. Entrei no pazo onde nunca tivera estado. E tampouco me cadraba moito relacionar o seu indubidable franciscanismo cun pazo medieval, pero honrei a súa memoria coa comprensión do que a vida lle impuxo sen el desexalo. E cheguei ao gran salón de cor vermella onde a súa faciana, serea por baixo da mitra, despois de ter amosado tanto sufrimento, desentendíase do boato para volver a mostralo, tal cal, coa sinxeleza do santo de Asís que tan atraínte o fixo para as xentes máis sinxelas que atopaba nas rúas de Lugo. Esas xentes que alí estaban, mesturadas entre curas novos de alzacuellos brancos, ofertando bágoas de lembranza para aquel home que se fixo querer pola súa ollada acolledora máis ca pola indumentaria obrigada. E así, entre tales contrastes, deixei, silencioso, á beira do seu cadaleito, as mesmas palabras dunha oración que tivera feito para meu pai:

Acolle nas túas mans, Señor da Vida,
a vida deste irmán que foi tan noso.
Distinta, irrepetible, cada vida
faise eterna no misterioso fondo
do teu amor que garda os noso días
mentres dorme na terra o noso corpo.
Aínda sen saber cando nin como,
temos certo que ha vir a primavera
coa forza luminosa dun sol novo
que fará reverdecer a terra,
e aqueles que o amor ten no recordo
terán na túa paz ledicia eterna.

Amén
García Cendán, Bernardo
García Cendán, Bernardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES