Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Veñen e van…

lunes, 07 de enero de 2008
Veñen as palabras e van, como as ondas do mar, coma o arrecendo a amorodos nunha tarde entre amigos ou coma o aroma a menta fresca sentindo bulir as bolboretas no estómago mentres acudimos á cita coa persoa soñada noutro tempo. Veñen á mente os sons compartidos, as cancións bailadas entre o balbordo de xente descoñecida. Veñen e van as promesas, os anceios da vida desexada para un futuro inminente. Veñen e van as ilusións, as utopías, mentres durmimos profundamente para espertar á mañá seguinte impregnados dun novo sabor: o dos bicos dende a distancia, enviados pola persoa amada que hoxe está lonxe, para darnos os bos días, sen máis, coma se cada xornada fose outro 14 de febreiro.

Veñen e van os recordos, coa alma doida cando nos sentimos esquecidos, cando nos sabemos perdidos nalgún momento da vida. Escapan os soños entre as nosas mans… Voan as esperanzas cando por algunha estupidez se esvaecen os instantes compartidos, fuxen as muxicas que noutrora nos facían erguernos máis felices, con máis forza e seguridade en nós mesmos, sentíndonos ata máis atractivos diante do espello. Pois… a felicidade, o amor, a primavera, maniféstanse por fóra se nos renovamos por dentro cargándonos de novas enerxías positivas.

Coa primavera e os días luminosos, coa chegada do bo tempo, aumentan as gañas de vivir, pero tamén aparecen sensacións opostas: de cansancio, dor de cabeza, trastornos do sono e do apetito, etc. Trátase de algo que afecta máis ás mulleres que os homes, con idades de entre vinte e corenta anos. Débese marcar un horario de sono e afrontar a situación primaveral do cambio coa mellor fórmula, a infalible: o bo humor, pois a astenia primaveral é algo que perturba dun dous a un dez por cento da poboación. Unha saída da monotonía programando unha viaxe polo noso interior pode ser unha alternativa. Visitar o mar, mergullarnos na estampa dalgunha fotografía do pasado revivindo a viaxe doutro tempo, desfrutar dunha xornada de maxia e boa música ou deixarnos engaiolar pola última recomendación cinematográfica son opcións para ter en conta. O caso é non caer na desilusión, na desesperanza.

Veñen e van as imaxes, as lembranzas, os agarimos sentidos unha mañá de outubro e que revivimos agora no mes de maio. Veñen e van as palabras perfumadas, os sabores que arrecenden ao auténtico. Miro cara ao mar e vexo vir entre as ondas as horas felices do futuro, os instantes soñados na hamaca dunha illa. Sinto que veñen e van as alegrías, as ilusións, como a primavera.
Fernández, Ruth
Fernández, Ruth


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES