Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cento cincuenta anos do nacemento de Noriega Varela

jueves, 23 de mayo de 2019
Este ano de dous mil dezanove, cúmprense os cento cincuenta anos do nacemento de Antón Manuel Xesús María Noriega Varela. Naceu en Mondoñedo o 17 de outubro de 1869.

No curso 1883-84 ingresa no Seminario mindoniense, onde con algunhas interrupcións fai toda a carreira eclesiástica. Así cursou catro anos de Latín e Humanidades, tres de Filosofía e dous de Teoloxía. Fixo a chamada “carreira breve” moi frecuente naquelas datas, que consistía en cursar a Teoloxía en dous anos. O 30 de agosto de 1895, xa rematados os estudios, a nai de Noriega Varela dirixe unha solicitude ó reitor do Seminario na que lle pide que poida seguir no Centro “como ejercitando para ser promovido a las sagradas órdenes en el curso inmediato venidero”, mentres non lle vén de Roma a dispensa “ex defectu natalium” (Noriega era fillo de solteira e daquela era un impedimento para ser cura). A dispensa non lle veu e Noriega abandona o Seminario, facéndose mestre de primeiro ensino.

En 1901 Noriega ten o seu primeiro destino como mestre: a escola de patronato da fundación Villapol en Fondós, en Foz. En 1911 foi trasladado a Calvos de Randín, na provincia de Ourense, a onde chega en carro de bois. Calvos de Randín é o desterro para Noriega. Freixeiro Mato di, referíndose a estadía de Noriega en Calvos de Randín, que “pasa horas de amargor, afastado dos amigos e sometido el e a súa familia a un clima dificilmente soportable para quen vén da beiramar”.

En outubro de 1913 pasa a rexenta-la escola de Outeiro, en Trasalba, onde entablará amistade con Otero Pedrayo e outros intelectuais ourensáns como Vicente Risco ou Basilio Alvarez. Terá tamén unha grande relación con poetas e escritores portugueses, coma Teixeira de Pascoaes, Raúl Bradao, Joao Verde, Julio de Lemos... Da súa época en Trasalba son os mellores poemas de Noriega.

Recibirá varias distincións: en 1921, é nomeado membro do Instituto Histórico do Minho; en 1923, da Academia das Sciências de Lisboa; do Seminario de Estudos Galegos en 1926 e membro numerario da Real Academia Galega, en 1928.

En 1926, pide traslado de Trasalba e é destinado á escola de A Graña de Vilarente, no concello de Abadín, onde fará grande amizade con Aquilino Iglesia Alvariño. A última escola que rexenta é a de Chavín a onde chega en 1931 e onde estará ata a súa xubilación, en xaneiro de 1940. Despois dunha breve tempada na cidade de León, establécese en Viveiro, onde terá lugar o seu pasamento o 27 de marzo de 1947.

Noriega escribira nun dos seus poemas: ¡Ai, Dios! E ha chegar a hora / de salir pra dormir fóra... O funeral tivo lugar tres días despois na parroquia de Santiago e o enterro no cemiterio de Altamira. En 1944 fóralle concedida a Cruz de Alfonso X, o Sabio, pola súa dedicación ó ensino. En 1946 tamén tivo en Lugo outra homenaxe.
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES