Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Voz nacente

lunes, 13 de mayo de 2019
A incesante roda da sucesión xeracional xira e xira e trae novas voces ao panorama literario. Aos nomes de vedraios e consolidados súmanse os de prometedores noveis que comezan a dar mostras do seu talento, asegurando un porvir esperanzador para as nosas letras.

É este o caso de Xosé Carlos Carracedo Porto, de quen souben por colaboracións en prensa (Tempos Novos, O periódico Lalín e Comarca) e, sobre todo, polo seu labor á fronte do valioso fanzine Cicloxénese Expresiva, publicación alternativa, xenericamente mestiza, que resultou unha agradecida terra de acollida para a creación visotextual máis diversa.

Somos de Arxerís é o título do primeiro libro de Carracedo Porto, un conxunto de ducia e media de relatos nos que se descobren feitíos e intuicións que xustifican o interese da lectura.

Arxerís é un territorio imaxinario, un novo Macondo a medio camiño entre o real e ficcional no que o seu autor sitúa as historias duns seus personaxes ben dispares que se ven interrelacionados xustamente por esa pertenza a un espazo comun.

Polo demais, as tramas desta case vintena de contos é do máis variada, aínda que predomina nelas a apelación ao fantástico puro; isto é, á inserción no medio e medio dun contexto perfectamente plausible dun elemento inexplicable pola razón que reconfigura toda a interpretación do relato. Así acontece en “Baiuca”, taberna parroquiana que acaba por se converter, co pasar do tempo, nunha sorte de local habitado polos espectros de vellos literatos e artistas; ou en “A empresa do pasamáns”, no que unha varanda amosa estar ‘viva’ e consegue relacionarse cun empregado; incluso en “O fotógrafo”, onde a ilusión da posible eternidade dun ser vivo deixa en suspenso o final incerto. Noutros textos, pola contra, a inmersión nunha atmosfera de irrealidade ou pararrealidade domínao todo, como acontece en “A clínica libertaria”, na que é a natureza do narrador ―un demente que confunde un centro psiquiátrico co cárcere― a que explica a confusión; tamén en “A rapaza da camisa azul”, estraña historia ferroviaria de tinturas alegóricas; e en “Tic, tac”, crónica da obsesión dunha farmacéutica polo paso do Tempo. Finalmente, hai tamén outros contos que beirean o marabilloso, pois están participados de personaxes non empíricos, como sucede en “Queridos Reis Magos” ou na relación con Satanás reflectida en “Eterno retorno”.

Todas estas realidades inexplicables, mistéricas aparicións, teimas enfermizas e presenzas insólitas conforman un mosaico no que pula por riba de todo unha poderosa imaxinación, que Carracedo Porto acerta a embridar na lóxica interna dos relatos, ben executados estruturalmente.

Especialmente agradecida é a asunción do herdo de grandes referencias da narrativa galega e foránea que o autor sabe incorporar en homenaxes e celmosos diálogos intertextuais. Faise evidente cando un le “O vello canteiro” e lembra, ante o abraio deste polas “enormes dimensións dun mundo maxinado como un enorme e inexplorado océano de contos e aventuras”, no Dieste de “O grandor do mundo”. Ou cando compraba que aquel vello proxecto literario de Cunqueiro que ía chamarse “Cinza na manga dun vello” dá aquí título e motivo argumental para outro dos relatos. Parentescos literarios que poderían estenderse aínda a outros clásicos de noso, como Xosé Neira Vilas, e tamén de alén, como Miguel Torga ou Gabriel García Márquez, ambos os dous, por certo, amentados non poucas veces nestas páxinas.

Vai o cabo, mais non quero pechar sen recomendar outras dúas visitas no volume: o conciso e sabedoiro prólogo “A imaxinación vive en Arxerís”, que serve de lumieira a este volume e asina un fino lector, Luís Reimóndez, e mais as magníficas instantáneas que ilustran os relatos, obra de Fuco Reyes, autor tamén da fantástica ilustración lunar que asoma á cuberta deste libro publicado por Toxosoutos.

Somos de Arxerís é un ilusionante comezo que cómpre agradecerlle ao entusiasmo mozo de Xosé Carlos Carracedo Porto, unha outra voz nacente coa que a literatura galega se anova e se renova.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES