Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As mulleres de Ínsua e o liño. Dez anos dun proxecto de recuperación etnográfica

jueves, 09 de mayo de 2019
Quero comezar este artigo agradecendo a todas aquelas persoas fixeron que o venres, día 3 de maio, estivese en Vilalba presentando o libro “AS MULLERES DE ÍNSUA E O LIÑO. Dez anos dun proxecto de recuperación etnográfica”.

En primeiro lugar a Miriam Fernández Otero, autora deste volume, á cal coñezo dende rapaza, por facerme privilexiado coñecedor desta magna obra antes xa de que saíra da imprenta. Ao Instituto de Estudos Chairegos, co cal teño relación directa dende hai polo menos oito anos, pola súa incesante actividade para divulgar a cultura chairega e por extensión, a cultura e a lingua de Galiza, e por editar este fermoso libro de Miriam.

Non quero rematar esta primeira rolda de agradecementos sen citar á Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Ínsua, porque sen o seu labor incansábel durante estes 12 anos, o libro nunca chegaría ao prelo, e en especial á súa presidenta, Lourdes, por tantos anos de amizade e confianza e por facerme partícipe do seu proxecto.

Aínda que son chairego de adopción, as miñas orixes proveñen doutra chaira, a do concello do Corgo, topónimo que como ben explica Miriam no presente libro e segundo o dicionario da Real Academia Galega, significa “represa natural ou artificial no curso dun río, utilizada para curtir o liño”. Aínda que só sexa por ese motivo, porque nunca de novo vin o traballoso ciclo do liño, sempre tiven unha especial curiosidade de cara a esa fibra téxtil. Foi aló polo 2005 cando un grupo de corgueses decidimos fundar a Asociación Cultural Arumes do Corgo, e en marzo de 2008 organizamos unhas Xornadas sobre Oficios Tradicionais dedicadas ao tecido, por espazo de cinco días.

Como continuidade daquela xornada, uns anos máis tarde contariamos coa demostración los labores do liño grazas á colaboración da Asociación de Mulleres de San Bartolomeu de Ínsua. Para quen estea interesado no tema, infórmovos que na vella reitoral da parroquia de Anseán, do Corgo, hoxe local veciñal, ten a sede un pequeno museo sobre o liño con obxectos cedidos polo ceramista e etnógrafo Lolo da Vila e pola tecelá Carme Pano, membros activos de Arumes e amigos das mulleres de Ínsua. Para quen teña curiosidade sobre o tema existe un pequeno vídeo explicativo na propia páxina web do concello do Corgo.

Pero se comento isto, non creades que é para falar de min, nin para vendervos turisticamente o meu fermoso concello, senón para introducirvos de xeito sutil nunha vella reivindicación das mulleres de Ínsua: o posuír un local de seu que faga de centro de interpretación do liño. Un espazo que sirva de lugar para expoñer os utensilios e tecidos, para reunirse e traballar ou simplemente como lugar de almacén dunha infraestrutura que segue medrando co paso do tempo e que ten que gardarse nas casas das socias por non ter cabida no local actual.

Se o Corgo logrou colocar no mercado da etnografía ese pequeno local onde se amosa a ampla colección de aparellos deste matrimonio de Anseán, e aínda que non ten un horario de atención ao público, recibe de xeito altruísta varias excursións ao longo do ano, ¿imaxinádesvos o que se podería facer en Ínsua, onde o ciclo do liño segue repetíndose ano tras anos e onde ese pacífico batallón de mulleres, capitaneado por Lourdes, atesoura tanta experiencia no traballo co liño? Un Centro de Interpretación do liño en Ínsua sería un complemento fantástico á xa variada oferta cultural e museística da Chaira e unha lección para todas as parroquias rurais galegas que insisten en non morrer neste agresivo mundo globalizador. Aquí a tan só uns quilómetros podemos ver outro exemplo grazas ao magnífico traballo da Liga Santaballesa.

Un espazo onde traballar e ensinar ás novas xeracións os pormenores dun traballo histórico con moita ciencia. Un museo etnográfico cheo de vida que sexa local de encontro para as persoas interesadas en manter ese interesante patrimonio material e inmaterial. Un lugar onde transmitir un secular bo facer de xeración a xeración e onde os/as nosos/as maiores poidan desfrutar dun envellecemento activo. Un lugar, en definitiva, onde integrar a todos e todas e para reivindicar que as actividades tradicionais poden ser tamén xeradoras de emprego e de economía. Mentres centos de parroquias contan con rehabilitados centros sociais, normalmente antigas escolas, para realizar (con sorte!) unha comida ao ano, outros colectivos, como as mulleres de Insua agardan a ter ese modesto espazo onde ensinar ao mundo o proceso do liño.

Fago xa un chamamento para que o Concello de Vilalba e a Deputación de Lugo tomen en serio este proxecto e que no vindeiro mandato municipal, tendo en conta que en menos dunha semana comezará a campaña das eleccións locais, poidamos gozar dun centro vivo onde mergullarnos nuns traballos, os do liño, que foron extinguíndose xa na primeira metade do século XX en case todo o rural
galego polos múltiples motivos que Miriam nos explica no seu libro.

Centrándonos logo no volume que nos xuntou hoxe aquí teño que comentar a ilusión que me fixo a chamada de Miriam e Lourdes, a comezos de ano, para presentalo. Aquel mesmo día a autora pasoume por correo electrónico un orixinal e antes de deitarme non puiden evitar levar o portátil para a cama e botarlle un ollo ao índice, ao acertado limiar de Chema Felpeto e á introdución de Miriam. A sorpresa foi maiúscula ao ver como a autora encetaba o libro coa cita de alguén moi, moi especial para min, gran amigo das mulleres de Ínsua e do IESCHA, Xosé Manuel Carballo Ferreiro, que nos deixou no outono de 2017. “Todos somos cidadáns do mundo, pero sómolo dende algures, senón é un xeito de non ser de ningures”. Acertado inicio dende logo, porque elas reivindícanse da ínsua vilalbesa, formada polos ríos Ladra e Labrada, como galegas comprometidas que decidiron salvagardar do esquecemento todos os traballos, sabedoría e etnografía arredor do liño.

E volvendo ao libro, e en concreto á súa autora, quen mellor para escribir un tratado sobre o liño que Miriam Fernández Otero? Ela reúne dúas calidades que poucos teñen. Por unha banda posúe, como graduada en Historia da Arte, especializada en Xestión do Patrimonio Cultural, os coñecementos teóricos para poder facelo. Pola outra, ten algo que moitos outros autores sobre a materia non teñen, a experiencia. Isto que acabo de dicir semella curioso nunha muller dunha xuventude abraiante, máis é totalmente certo. Miriam, filla da incansábel Lourdes Otero, mamouno dende ben nena, sendo partícipe activa de todas as actividades realizadas pola Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Ínsua dende o 2007 ate o de agora.

O libro é toda unha xoia para todos os amantes da etnografía galega. Describe o proceso do liño tal cal se viña realizando na parroquia de Ínsua, estendendo, conforme se avanza na lectura, o ámbito xeográfico de estudo a toda Galiza grazas aos múltiples contactos que tiveron como asociación con persoas, entidades e institucións das catro provincias galegas nos seus 12 anos de vida.

O libro describe o nacemento, obxectivos e a actividade dunha asociación que quixo buscar unha solución para os problemas do rural galego dende unha óptica feminina e comprometida. A continuación, Miriam analiza, no que sería a parte máis teórica do libro, a planta da cal se extrae a fibra téxtil protagonista e fai un percorrido histórico, ben documentado, do cultivo do liño no mundo e en Galiza.

Na seguinte parte do libro, Miriam describe pormenorizadamente as distintas
fases do cultivo e da transformación da planta (sementeira, mondado, arrincado, ripado, enlagado...), coa experiencia propia da asociación e as variantes doutros lugares, adobiado cos testemuños de veciños e veciñas que foron protagonistas dese traballo na súa infancia; persoas como María Mato, Trinidad Otero, Eutimia Vázquez, Celso Otero, Susa Díaz, Celia Otero, Josefa Miragalla ou Mari Currás.
A continuación a autora fai unha recolleita da rica e variada cultura popular arredor do liño, dende as festas, as cantigas e os refráns ata os contos ou as lendas. E, como resultado de todo traballo investigador que se prece, o libro remata cunhas conclusións, un glosario (que axuda a entender a ampla terminoloxía empregada nos traballos), unha bibliografía e uns anexos onde se recollen distintos testemuños así como un resumo de prensa destes primeiros dez anos de vida da entidade.

Un libro que reivindica un rural vivo, un rural orgulloso das súas tradicións, unha rica lingua capaz que facer fronte aos desafíos do presente pero que perde falantes por mor dunhas administracións públicas que en vez de velar pola súa salvagarda, van poñendo innumerábeis cambadelas agardando que morra por inanición. Un libro fortemente feminista que demostra que na unión das mulleres está o futuro dunha sociedade máis xusta, máis plural e igualitaria.

Non teño máis que agradecer, que outra vez máis as mulleres da asociación contasen comigo para a presentación, así como o entusiasmo e dedicación que poñen en todas as súas tarefas. Elas demostran que o rural galego está vivo e ten moito que ensinar a esta sociedade da información e da comunicación. E como non a Miriam, que leva aceite de liñaza mesturado no seu sangue, por tan magnífico traballo.

Coa presentación deste libro comeza outro laborioso ciclo do liño: é hora da sementeira! Remato, agora si cuns versos de Manuel María e cunha cantiga das recollidas por Miriam no seu libro, referidas ao comezo deste ciclo:

O melro

No tempo de botar o liño
agochado na silveira
canta o melro, melriño
a vida Primaveira.
Se chove, chove amodiño
sobre da flor da cerdeira.
E o melro, melro, melriño
canta de moitas maneiras!
Terra Chá (1954)

Teño unha roca en Gontán
un fuso no Chao da Veiga;
i o liño por sementar
cando me has vir, costureira.

Sementemos entre todos a liñaza dun rural galego vivo, porque como di o refrán “Inda ten que nacer o liño estranxeiro para ser coma o galego”. As mulleres de Ínsua, o IESCHA e Miriam levan xa moitos anos intentándoo.
Outeiro, Mario
Outeiro, Mario


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES