Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas a Antón

miércoles, 26 de diciembre de 2007
Lugo, 21 dec 2007

Meu amigo Antón:
Efectivamente, estamos de remate. Remate desta primeira parte do curso académico e, moi preto xa, o remate do ano. Non sei se haberá carta o vindeiro venres. Por se acaso, aproveito esta para che desexar un bo 2008. Observa: trocamos o sete polo oito. O sete é número cabalístico, deses números misteriosos que nunca se sabe o que encerran, pero o que encerren mete o medo no corpo. O oito xa é un número máis vulgar, máis rechoncho, gordechiño, coma se fora de bo comer e de bo beber, poida que algo coloradiño de máis, pero, en todo caso, pachorrudo e de bo acomodo. Se a forma do número oito é así, agardemos que tamén sexa de bo agoiro para a nosa estabilidade ao longo dos trescentos sesenta e cinco días que nos agardan. Así que, Antón, aí cho deixo dito: de non termos carta o vindeiro venres, os meus desexos para ti, para Carme, a da emisora, e para cantos nos escoiten, queda xe expresada. E, por suposto, tamén agardo e desexo que a xa próxima noite de Nadal non deixe de haber nas mesas algo de coello, tal como nos recomendou o goberno. Xa non son moitas as familias que esa noite ceen bacallau con coliflor, tal como era habitual na miña infancia. Os vellos costumes xa andan algo perdidos. Malia todo, haberá algunhas mesas nas que, seguindo a tradición, non deixen de amosar o capón, ou, alomenos, algo similar, pois o verdadeiro pito alimentado artesanalmente xa resulta algo caro de máis para moitas economías, e, ao mellor, despois de ser pagado como tal, resulta que non é capón de verdade, pois hai xente convencida de que tamén nisto hai trampas dabondo. En todo caso, desexo que as mesas teñan, nesa noite, algo de extraordinario. Pero o que máis desexo é que no entorno delas haxa encontros tranquilos e bullangueiros, e que as familias teñan a ledicia de se atoparen xuntas. Se, por riba, son crentes no misterio de Xesús, que nel atopen o sosego, a esperanza e a forza do Espírito.

Agora mesmo veño de estar na feira do capón. Era unha tristura. Esta feira vive do que foi máis ca do que é. Cando eu cheguei, había unha hora que se abriran as portas do feiral e xa non había case que nada: unhas poucas cestas capoeiras esparexidas. Non sei que fixeron os organizadores, pero agora, seica, os capóns xa veñen vendidos e a feira xa non ten xogo. Algúns malpensados cren que a penas hai control que asegure a calidade dos pitos; parece ser, dixéronme, que o engorde xa non ten nada de artesanal nin de coidado no tipo de alimento, de xeito que, ao final, a efectos de sabores na mesa, tanto da mercar un capón na feira coma mercar un bo pito que se oferta por fóra. Tamén atopei amigos criadores que se queixaban de que algúns do concello andan a xogar co nome dese produto, de maneira que, ao longo do ano, poñen no mercado algún pito pequecho e vulgar ao que lle dan o nome de caponciño ou caponcete ou non sei que, o que redunda no desprestixio do gran capón que era o de antes, o de verdade. Algún máis explicoume que, a forza de faceren trampas, han acabar co éxito dunha feira que garda o nome, pero xa non a substancia. Por certo, todo isto tivéronmo que dicir a media verba, porque, como ti, Antón, observaches moitas veces, alí, no espazo da feira, hai tal barullo que a xente ten falar a berros e, aínda así, a penas se escoitan. E, por riba, os organizadores teñen tan pouco coidado que, xustamente no lugar onde é preciso escoitarse para facer o trato de compra, xustamente alí, poñen uns músicos a facer un bruído que axoula e non hai xeito de se entender.

Cadro contigo, Antón, en que hai que coidar moito estes eventos, como é a feira do capón, coñecida por Galicia adiante e mesmo máis aló. De seguir facendo así as cousas, a min paréceme que a poñen en perigo, pero, en fin, eles teñen a responsabilidade, que eles respondan.

Remato contándoche unha anécdota que me fixo moita graza: collín un xornal que distribuían gratuitamente na feira e vin que tiña un titular moi rechamante aludindo aos capóns. Pero, xusto debaixo do titular, víase una foto duns rapaces que, seica, van concursar nese asunto de miss e mister, para ver quen é o máis guapo. Supoño que a relación entre o capón do titular e os rapaces da foto é algo puramente casual, pero non deixa de ser sorprendente. Pero a min o que me máis me choca é que aínda haxa rapaces e rapazas que se presten a ese xogo de concursos de guapuras. Será que os tempos cambiaron tanto?. E aínda me chama máis a atención é que sexa o propio concello, chamándolle cultura, o que promocione e potencie esas cousas. Pero, xa digo, será que os tempos teñen cambiado de tal xeito que permiten esas banalidades?. Eu non o entendo moito, poida que porque xa vou indo vello.

Bo Nadal, Antón.
Unha aperta
Bernardo
García Cendán, Bernardo
García Cendán, Bernardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES