Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Camiños abertos

miércoles, 24 de abril de 2019
As últimas semanas trouxéronnos a boa nova do regreso literario de Beatriz García Turnes, quen publicou da man da Editorial Galaxia O ouro das lúas, novela incorporada á Colección Costa Oeste.

É noticia ben feliz, como digo, pois García Turnes non daba ao prelo título ningún desde que se estreara aló polo 2001 coa prometedora Valdamor, distopía que deixara entón un inmellorable sabor de boca.

Volve agora a autora cunha narración que nos traslada a un tempo pasado, de concreción incerta, onde o orbe coñecido se rexe polos designios dun vasto imperio que se estende dende o Occidente do Templo das dúas Lúas do que parten as protagonistas desta historia ata o Oriente do Templo do Sol Nacente, capital do imperio, ao que viaxan nunha longa peregrinación chea de peripecias, episodios e encontros, que fan deste relato unha aventura incesante que se renova páxina a páxina.

O ouro das dúas lúas é tamén unha novela de iniciación, un bildungsroman no que a personaxe central, a moza Tide, consagrada ao servizo do Templo das dúas Lúas e a súa máxima sacerdotisa Ura, deixará a adolescencia para entrar na mocidade plena e no coñecemento das luces e sombras da vida adulta mercé á propia viaxe e o que nela experimentará. Por tanto, dáse dende o comezo ata a fin desta peregrinación todo un proceso de maduración da personaxe, que regresa transformada nun novo ser, máis consciente e sabedora das cuestións verdadeiramente transcendentes da existencia, como ela mesma confesa nos parágrafos finais da obra: “Para ben ou para mal, eu xa non era a mesma Tide que saíra do confín occidental da Terra ao comezo da primavera. E debo dicir que había cousas en min que me gustaban máis ca as daquela nena que deixara atrás, aínda que tamén outras que me gustaban menos. Tanto tiña. Nin podería recuperar as segundas, nin me habían de roubar as primeiras”.

Luces e sombras que vai atopando no seu camiñar, cheo de incertezas, de estraños designios, de reviravoltas do destino e situacións inesperadas que alimentan a poderosa intriga deste relato, que arrinca cun equívoco, pois semella que o motivo do traslado das protagonistas ten un móbil relixioso, mais pronto se descobre que son moi outras as razóns da viaxe e que as loitas polo Poder e a ambición desmedida toldan os días dos máis inxenuos e desfavorecidos.

Disto último é doado deducir que O ouro das lúas ten igualmente unha lectura parabólica, pois hai moito de crítica social, de denuncia do asoballamento por parte dos poderosos adiñeirados respecto dos humildes e pobres. Mais tamén se engade como motivo central a problemática de xénero, coa defensa do papel da muller e da reivindicación dun rol diferente para esta.

Como en toda aventura que se prece, a historia adórnase tamén cunha paixón amorosa, amizades entregues, desconfianzas e cobizas, medos e mortes, decepcións e admiracións e innúmeros segredos que van sendo develados ata chegar ao climático final, pechado no seu sentido, pero con posibilidades dunha continuación futura.

Escrita cunha prosa fluínte que cose con finura descrición e diálogo, reflexións e pasaxes de arrebatadora acción, O ouro das dúas lúas ten a virtude de engaiolar polo mistérico e transportarnos a un tempo remoto, cheo de resonancias fascinantes, para convidarnos a repensar o papel das relixións, a lacra das inxustizas sociais, o valor da amizade, a importancia do coñecemento, a forza descomunal do amor ou a capacidade de superación ante a adversidade, entre moitos outros asuntos formulados. Porque a vida ten decote para todos nós os camiños abertos, levándonos dunha a outra meta, como a protagonista aprende no remate da súa andaina: “Agora volvía estar no camiño e, aínda que era un camiño de volta, non o era de retirada. Eu tiña un obxectivo que me guiaba, que lle daba sentido á miña viaxe. Non acababa unha aventura, senón que iniciaba outra”.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES