Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cando as pontes indicaban o valor de Vilalba nas comunicacións de Galicia

viernes, 12 de abril de 2019
A finais do século XIX, para que as feiras de Vilalba continuasen con éxito e fosen motor da economía vilega, precisábase favorecer o tránsito de persoas e mercadorías tanto con reparacións en camiños, estradas e pontes como construíndo outras vías adecuadas aos novos medios de locomoción.

Don Antonio Peña Novo ocupouse do asunto indagando o trazado dos vellos camiños e os cambios neles producidos coa chegada das estradas finiseculares, nun tempo no que Cando as pontes indicaban o valor de Vilalba nas comunicacións de Galiciase agardaba polo ferrocarril.

Hoxe retomamos o asunto e fixámonos que hai cincocentos anos, ao igual que hai cento cincuenta e ao igual que nos tempos actuais, Vilalba era un cruce de camiños. Facemos memoria dos máis antigos. O primeiro ía a Mondoñedo e ás costas lucenses e asturianas. O segundo á Feira do Monte, á Ponte de Outeiro e a Meira. O terceiro á ponte de Rábade e ao camiño real a Castela pasando por Fontefría e pola feira do Barrazoso (Gaibor - Begonte). O cuarto a Baamonde, Sobrado e Compostela seguindo o itinerario dos peregrinos. O quinto a Betanzos comunicando coa feira de Momán. O sexto dirixíase polo val do Eume ás Mariñas Coruñesas e a Ferrol, e del, na Fontepisón (Santaballa), apartaba un ramal a Viveiro. Engadimos un sétimo que se dirixía ao norte, á Balsa Pequena, que pasaba o río Eume pola ponte Bermuz, e que enramaba co camiño de verán que comunicaba Mondoñedo con Ferrol indo pola serra da Carba.

Vías e camiños citados nos séculos XIV e XV
Estes trazados viarios, cos seus ramais, xa se citan en papeis dos séculos XIV e XV, ao igual que torres defensivas de camiños emprazados en Castromaior, Goiriz e Vixil-Boizán que apoiarían ao castelo de Vilalba no control dos distintos itinerarios. Os documentos tamén se refiren a portos, pasos, pontellas e pontes das que se manteñen hoxe magníficos exemplos, coma a ponte de Saa ou a vella de Martiñán, e outras que precisan coidados como a Ponte Rodríguez (Boizán) ou a vella da Santa Eufemia (entre Santaballa e Lanzós). Sacar ladróns dos camiños e cruzar enxoitos ríos e regatos eran condicións necesarias para que circulasen os viaxeiros e para favorecer o comercio.

Non resulta estraño que nos últimos anos do XIX fose prioritario o ter transitables as vías de comunicación, facer estradas con firme de pedra e manter as pontes erguidas, reparadas e limpas, filosofía que se aplicaba tanto aos longos percorridos ás costas ou á Meseta como ás distancias menores que comunicaban parroquias veciñas.

Se nos fixamos nas pontes que salvaban o Trimaz, río que enche e reborda cando chove tres días seguidos, ao sur do lugar da Pena Parda (Burgás-Xermade), hoxe admiramos dúas pontes de factura tradicional erguidas con recursos pétreos próximos e trazadas con planos que asinaría calquera enxeñeiro ilustrado.

Grandes chantas de catro metros
A chamada Ponte Vella, salva os oito metros de ancho do río con dous vaos alintelados separados por un piar central con tallamar e cóbrese cunha calzada formada por dous pares de enormes chantas de catro metros de longo cada unha, trabadas entre si, e que polo ancho permitían o paso de carros cargados. Esta ponte substituíu un porto e pasos por onde se pasaba cando o río levaba pouca auga. A chamada Ponte Nova, augas arriba Cando as pontes indicaban o valor de Vilalba nas comunicacións de Galiciada anterior, de calzada máis estreita (1,20 m de ancho), presenta o mesmo deseño coa particularidade de que se accede a ela a través de dous longos estribos empedrados con longas e grosas laxes de cuarcita tamén trabadas entre si. Ambos estribos, de 65 m de longo o norte e 43 o sur, conservan sete e seis ollos auxiliares que permiten o paso da auga e evitan a presión sobre a calzada cando hai cheas.

Tanto unha ponte coma a outra unen as dúas beiras da parroquia de Burgás que o Trimaz separa.

Augas abaixo, comunicando as parroquias de Santaballa e Distriz (Vilalba), a carón dun muíño arruinado, sitúase a pontella dos Pardos, único medio de pasar o río ata a década de 1950, cando se construíu a ponte moderna que hoxe está alcatranada.

Actividade económica
Na contorna da vila, os pasos fluviais mostran actividade económica ao seu redor. Na ponte da Santa Eufemia, por onde se trazou a primeira estrada que viña de Ferrol, aínda se pode ver un muíño a carón de onde houbo unha ermida con dedicación á santa. Augas abaixo quedan dous máis. O primeiro é o do Polo e o segundo o do Freire, case abeirado á ponte dos Freires que construída a finais do XIX permitiu modificar o trazado da estrada de Ferrol á ponte de Rábade.

No lugar e ponte da Madalena un muíño de catro moas xa se documentaba en 1753 e do seu pé partían tres dos antigos camiños que saían da vila. Augas abaixo, nos Pasos, tamén a carón dun muíño, o río vadeábase no verán mediante ‘pasos’, bloques de pedra separados na canle do río que se saltaban dun a outro. Máis abaixo no Rañego, outra vez vemos a conxunción de ponte e muíño, nesta ocasión perfectamente conservados.

Transporte
Xa na unión do Madalena e Trimaz, no Ladra, permanece a ponte e muíño dos Novos, acaroados a onde houbo en tempos un porto, Portovixil. Vese, pois, que a construción de muíños preto de pontes, pontellas, pasos e portos é frecuente, o que nos leva a considerar que a facilidade dos accesos para transportar cereal para moer ou o xa moído era unha condición para emprazalos. Estes lugares non se reducían ás principais vías de comunicación, senón tamén naqueloutros camiños coidados e logo empedrados que comunicaban as parroquias no rural, como nos casos da pontella dos Pardos e da pontes Nova e Vella da Pena Parda. Pero a conservación é imprescindible e por veces urxente, porque logo virá máis inverno que traerá outra chea e o río arrastrará as pedras.

E os muíños
Hai muíños ben conservados, hainos que resisten como poden o paso do tempo e hainos que foron caendo no abandono ata perder a súa estrutura. Entre os primeiros pode citarse o do Rañego, restaurado polo Concello vilalbés na pasada década e hoxe empregado en actos variados; entre os segundos, o da Magdalena, que o Concello estudou comprar e que logo desistiu; entre os terceiros, os situados nas beiras do Trimaz na parroquia de Burgás.
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES