Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nova novela de Fernando Ontañón: 'Mi vida en otra parte'

jueves, 11 de abril de 2019
O escritor Fernando Ontañón (Santander, 1972) presenta nos próximos días o seu cuarto libro de narrativa. “Mi vida en otra parte” (Ed. Bala Perdida, 2019) é o título desta novela que o consagra como unha figura esencial entre os narradores da súa xeración. Trátase dunha novela curta que, baixo a súa aparente levedade esconde unha Nova novela de Fernando Ontañón: 'Mi vida en otra parte'enorme forza emotiva e unha profundidade reflexiva pouco habitual na literatura actual.

A narración discorre basicamente na Coruña, onde vive o escritor, e ao longo da trama aparecen lugares moi significados e reconocibles desta cidade; hai tamén unha viaxe iniciática ao faro do fin do mundo, suceso de gran transcendencia na trama novelesca. O relato ten unha protagonista feminina, Antía, da que imos coñecendo detalles da súa existencia en dúas etapas fundamentais da súa vida: na sua adolescencia, marcada polo acoso e o maltrato escolar e polos seus inicios no amor e o sexo, e na súa madurez cando, logo de moitos anos ausente (Madrid, Nova York) e convertida nunha escritora de éxito, regresa á súa cidade natal para recibir unha homenaxe e para reencontrarse cos seus demos interiores e cos personaxes que marcaron o seu tránsito á idade adulta.

A primeira etapa preséntase de forma máis narrativa, cunha enorme verosimilitude. Hai escenas de bullying que se visualizan cunha tremenda violencia, momentos intensos de iniciación ao sexo e á vida, e diálogos ben trenzados, moi cinematográficos (a ver si alguén se decata de que aquí dentro hai unha boa película). A etapa de madurez é máis analítica; a protagonista recorda e reflexiona, en primeira persoa, sobre as peripecias da súa vida, sobre os azares que trenzaron o seu destino ata convertela na persoa que agora é, un ser adulto que aínda non foi capaz de vencer os temores e frustracións dos seus anos de formación.

É un texto moi literario no que se percibe o alento dos escritores que o autor admira e ama, pero en ningún momento cae na pedantería. O texto está moi traballado, hai párrafos de gran intensidade literaria, metáforas sorprendentes e certeiras, frases contundentes como puñetazos. As referencias e as citas aparecen no relato de forma natural e non impostada. Os poemas dos escritores Manuel Vilas e Julio Llamazares, polos que Ontañón sente especial reverencia, forman parte importante da historia; Vilas aparece ata como personaxe nunha memorable escena da novela. Tamén a música está moi presente, como en todas as obras deste autor. Neste caso son as cancións de Lou Reed, e as súas letras, as que acompañan aos personaxes desde o principio ata o final da novela.

A vida, nos seus inicios, preséntase ante todos nós como un territorio de múltiples posibilidades, unha senda con numerosas bifurcaciones. Imos elixindo, ou o azar vainos levando e, cando chega o tempo de resumir, dámosnos conta de todo o que puido ser e non foi, dos acertos e os erros, das decisións e as renuncias que marcan o noso destino, das cicatrices que acumulamos ao longo do camiño. Sobre isto reflexiona a protagonista na súa idade madura, sobre o sentido da vida, sobre o amor e a amizade, sobre o valor do éxito e o fracaso (“o fracaso non existe” di Manuel Vilas). A novela sobrevoa a súa aparente facilidade e convértese nun texto profundo e suxerente, emotivo, conmovedor. Esta novela confirma a Fernando Ontañón como un excelente narrador. A súa lectura non defraudará a ninguén. Non podo predecir si será un éxito de vendas (así o desexo) pero os seus seguidores quedamos, xa, á espera da súa próxima entrega narrativa.

http://pablovaamonde.blogspot.com/

“Mi vida en otra parte” sae á venda o 10 de abril. O autor presentará a novela o vindeiro venres 12 de abril, ás 19.30 horas, na librería Berbiriana da Coruña (Rúa Santiago, 7. Porta Real). E en Santiago o venres 26 de abril, ás 19.30 horas, na librería Cronopios (Rúa de Alfredo Brañas, 24).
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES