Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As alegrías de marzo

jueves, 04 de abril de 2019
Hai uns días falabamos das penas e pesares por unha libraría que se pecha (Andel en Vigo), hoxe queremos falar dunha que se mantén (Couceiro en Santiago).

A libraría Couceiro acaba de cumprir 50 anos. Medio século que pasa voando pero son moitos días e meses termando dun comercio cultural. Pasando dunha zona da cidade a outra, do barrio -na rúa de San Pedro- ao ensanche compostelá e de aí ao casco vello, a ocupar a casa na que os López Facal (esa saga tan relacionada coa cultura e a dignidade do país) viviron e estudaron.

Toda unha casa, na praza de Cervantes, catrocentos metros en cinco plantas, dedicada ao libro, maioritariamente ao libro galego (na actualidade, con menos atención ao portugués, despois de ter sido pioneiro na comercialización deste libro en Galicia).

Cando abrimos a súa páxina web lemos: “Algo máis ca unha libraría 1969 – 2019 Cincuenta anos de soños”.

Couceiro nace agardando os días do rexurdir, facéndose portavoz das novidades editoriais a través do boletín Bendado, dándolle nome tamén á libraría doutro irmán Couceiro na Coruña, focalizando a oferta nas obras galegas e portuguesas a partir de 1983. Nesta etapa comezan a incursionar no labor editorial publicando os facsímiles de Retrincos e Sempre en Galiza de Castelao, unha aventura que continúa a sumar títulos cada ano.

En 1986 incorporan unha sección de libro vello e abandonan os artigos de papelería e libros de texto.

A libraría actual continúa coa filosofía que ano a ano foi pousando nos andeis, cunha concepción de espazo cultural e centro de difusión da cultura galega. As visitas guiadas á libraría pensadas para centros de ensino queren mostrar o mundo do libro e a súa evolución, o funcionamento dunha libraría e un obradoiro de encadernación artesanal. Os sábados, cando non chove, a libraría sae á praza para achegar os libros e a cultura á cidadanía.

Unha libraría por pisos. Na soto a infantil porque as cores tiran deles e eles das familias; no baixo as guías (unha vocación que lle ven de estar na entrada do Camiño de Santiago), novidades e libro de fondo; no primeiro andar está o libro galego, en galego ou sobre Galicia; no segundo andar están os libros que van dese o século XV ata o actual, rodeando aos participantes nas presentacións, rodas de prensa, encontros con autores /as, obradoiros de escrita ou clubs de lectura; no terceiro andar atoparemos unha selección de distintas temáticas como arte en xeral, cociña… e o obradoiro de encadernación para restaurar as obras que chegan en mal estado. Neste andar, poderemos ver, tamén, as magníficas vistas sobre a praza.

Couceiro é unha libraría que traballa cos medios, desde hai moitos anos, María Couceiro fai as súas recomendacións na prensa escrita ou audiovisual.

Unha libraría familiar que xa vai pola segunda xeración, coa fillos Pablo e María facéndose cargo pero coa compañía do pai e a tía botando unha man.

Esta, tamén é unha libraría premiada, o último deles é o SERenidade da cadena SER. E unha libraría agradecida que decidiu festexar este cumpreanos compartindo atranques de entroido, música e contacontos con grandes e pequenos. E para que ademais das imaxes e as palabras nos quede a lembranza entre as mans agasalláronnos cunha bolsa deseñada por Pepe Carreiro, a publicación Lembranza compostelá e o fascsímil Vigilia reservada de Picadillo tal como corresponde a este tempo posterior ao entroido. Por se fora pouco unha boliña de pan da moa para que se vexa que os libros tamén veñen cun pan debaixo do brazo. Pan e lectura. Alimento do corpo e do espírito, da realidade e da fantasía. A cidade recoñecendo ás boas xentes que por aquí pasaron e o recetario acorde coa época de coresma que acaba de comezar. De todo nos dá Couceiro, ata o sorriso co que nos recibe, cando entramos nun templo do saber e nos sentimos acollidas. Parabéns por estes cincuenta anos e... veñan máis cincuenta, máis e máis!
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES