Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Contra a morte do galego

martes, 18 de diciembre de 2007
Na educación infantil a presenza do galego é deficitaria, algo que tamén acontece no primeiro ciclo do ensino primario e, de igual xeito, as estadísticas amosan datos que non sonnada alentadores cando se descubre que se está a producir unha desgaleguización no paso da familia á escola. ¿Que acontece logo? Precísase unha actuación urxente para avanzar na loita por manter viva a lingua do berce, coa que nos amamantaron, na que pensamos e soñamos. Os estudos tamén demostran que o alumnado está máis castelanizado que o profesorado, se ben se trata dun sector con pouco dominio da lingua de Galicia.

Esquecemos ás veces o idioma do berce, aquel no que fomos arrolados e no que recibimos os primeiros aloumiños, mentres a sociedade insiste na importancia de aprender segundas linguas. O inglés, o alemán, o francés... Entanto olvídase a miúdo o idioma propio, ese que nos identifica, a ferramenta que nos representa e coa que exercemos o papel de ser galegos e pola que sinten morriña os que están afastados das súas raíces. Parece ser aí, lonxe da orixe, onde renace o amor polo galego, cando o destino e a distancia obrigan a deixar atrás a terra e a lingua de Castelao. Paremos un intre a reflexionar sobre a situación actual da lingua nai, esa na que fomos educados, na que escoitamos os primeiros contos dos nosos pais, a lingua que nos une a todos os galegos dentro e fóra das fronteiras xeográficas como un sinal de identidade. Hoxe o galego sen verse asociado ao rural, á marxinación e á incultura, como aconteceu nun longo período da nosa historia, nada ten que ver co atraso e a ignorancia, senón coa propia idiosincrasia dos auténticos galegos. Pero precisa da defensa e da promoción de aqueles que o sinten como algo seu para que se produza un contaxio lingüístico e cada vez máis falantes empreguen o idioma propio. Cada un dende o seu posto, dende o rol que ocupe debe traballar o que faga falta para que cada día agromen novas ideas para manter viva a lingua de Galicia.

A desaparición do galego séntese como unha ameaza. Os seus falantes teñen que loitar para cambiar ese futuro. Non é unha utopía, a lingua e a cultura do lugar onde nacemos é o patrimonio que debemos conservar para o futuro, sen deixar que a nosa esencia de ser galegos de perda. É preciso loitar, sen armas, coa fala, movendo o músculo da boca. Oxalá a defensa do idioma se leve a cabo cada día, amosando que o galego goza de boa saúde. É imprescindible o fiel compromiso.
Fernández, Ruth
Fernández, Ruth


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES