Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas a Antón

lunes, 17 de diciembre de 2007
Lugo, 14 de Nadal de 2007

Meu apreciado Antón:

Cando dous amigos se atopan e non teñen moito de que falar, o tema de conversación é, como sabes, o tempo, iso do clima. Tamén nesta última tempada, xa te decataches, eu comezo as cartas falándoche diso; pero non é que non teñamos outros temas para conversar, non, é que, efectivamente, hai unha grande preocupación por esta seca que estamos a sufrir. Na última carta dicíache eu, todo eufórico: chove, meu Antón, chove na Chaira, chove neste outono, e convértese en noticia o que debería ser normal, que en outono chova. Pero non, non era para saltar de ledicia: caeron catro pingas, volveu o sol frío das xeadas, e este venres, hoxe, mentres che escribo, estou a me volver cada vez máis triste, porque non se ven nin neboeiras nin auga no horizonte, non hai máis ca sol, tal coma si estiveramos en Castela. Tamén a ti, meu amigo, che resulta preocupante. Así mo dicías onte polo teléfono: que andabas por Santiago, seco tamén, a matinar nas túas leiras, agora nas mans dos teus veciños, que foron collendo esa cor parda das terras sen auga. Tristura. Pero deixemos xa o tempo e falemos doutra cousa.

Falemos da noticia que ti me comentabas onte cando pasamos case corenta e cinco minutos colgados do móbil. Tres cuartos de hora: ...claro, como pagaba eu... E iso que ti non querías ter móbil e mesmo protestaches, airado, cando a túa filla te agasallou cun deses teléfonos pequenechos. Quen diría, véndote falar, que chegaches a te emperrenchar cos teus fillos por che aportaren ese aparello que ti crías inútil pero que agora non soltas da man en todo o día. En fin, hai que ver que entreitizos nos imos facendo cos anos, non che parece?.

Pero volvamos á noticia de que me falabas. Parece ser que os pais de alumnos dun colexio privado de Ferrol andaban moi anoxados porque o equipo directivo fíxolles unha enquisa aos alumnos de primaria para saberen a importancia que eses pequerrechos lle daban á fala galega. A cousa ten a súa importancia porque é ben sabido que, por máis que estuden a lingua na escola e, en moitos casos, tamén a falen os pais na casa, os rapaces e rapazas, sobre todo as rapazas, non se apean do castelán por nada do mundo. En Ferrol, claro, na cidade, tal como era de supoñer; pero tamén comeza a acontecer no noso mundo rural. E isto ti, meu Antón, non cho das explicado: que ten o galego de malo para que sexa tan menosprezado pola xente nova?. Iso xustamente é o que desexaba saber a directiva do colexio ferrolán. Porque eles pensan que tal menosprezo non debe acontecer a causa do idioma en si mesmo senón polo significa socialmente falar nunha lingua ou noutra: suponse que unha das linguas dignifica e a outra acomplexa a quen a fala, o que, tecnicamente, se chama diglosia. E, para asegurarse de que esa é a enfermidade lingüística que padecen os seus alumnos, fixéronlles a citada enquisa. E por iso, entre as moitas preguntas que, sobre o particular, lles fixeron, había unha que sacou de quicio aos pais deses nenos. A pregunta era, máis ou menos, a seguinte: pensas ti que os que falan castelán son máis intelixentes que os que falan galego? Pois ben, eu non sei o que responderon, porque o xornal non daba os resultados da enquisa, pero a idea de lles facer esa pregunta a min pareceume moi oportuna. Evidentemente, o galego serve para a vida tanto como a castelán, e en Galicia aínda serve máis, porque, mesmo sen querer, as palabras e os xiros e as expresións sáennos máis en galego, por moito que pretendamos falar en bo castelán. Ti, Antón, sempre te pos todo irónico cando lle escoitas dicir a esa rapariga que tés de veciña, tan castelanizada, iso de “mira, no lo doy hecho”ou “ese chico te es muy simpático” ou tantas outras frases. E riste a cachón con esa señora empigoretada que sae no programa de Gaioso poñendo no seu castelán particular o que non quere dicir en galego. Xa me contaron que, cando a estás a escoitar, sempre lle preguntas á túa muller: “esa señora, non se che amita a fulana?”, e aí, onde eu digo fulana, ti non te privas de poñer nomes de moitas vilalbesas que andan polo mundo convencidas de que falan un castelán que nin en Valladolid. Así que eu volvo á pregunta: se o galego serve para a nosa vida tanto ou máis ca o castelán, por que os nosos nenos e nenas menosprezan o galego e non falan máis ca nese mal castelán?. Non será que se doen desa enfermidade chamada diglosia?, non será que cualifican ao castelán de máis fino, máis da capital, mentres que o galego resulta máis paleto, máis da aldea, mesmo máis bruto?. Volvo a preguntar: non será que eses nenos e nenas pensan que a xente intelixente fala en castelán, como é debido?, Pois ben, para sabermos se iso é así, teranse que facer enquisas nas que se fagan preguntas coma esa que tanto incomodou aos pais naquel colexio ferrolán: non será que tales pais teñen mala conciencia?. Curiosamente, non hai moito que ti, meu Antón, me comentabas o caso duns amigos teus que sempre falan galego, pero, cando montaron un comercio de modas nunha vila, a poucos quilómetros da nosa, fixeron a publicidade en castelán, porque, dicían eles, non vaia ser que as mulleres poidan pensar que este comercio é para xente da aldea. Dixen mal, non para xente da aldea senón para xente aldeá, porque os da aldea son os que compran, pero queren facelo nos mesmos comercios onde se adobían as da cidade. E, por iso, cómpre non parecer aldeá, por máis que se habite na aldea. É dicir, as cousas de luxo teñen que anunciarse en castelán. Así é de triste e de falso, pero moi real. Da pena.

E nada máis. Cóidate, e ata o venres que ven, se Deus o quer.
Teu amigo
Bernardo
García Cendán, Bernardo
García Cendán, Bernardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES