Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A ONG das canas

viernes, 22 de marzo de 2019
Chegan ata onde non o fai o Estado. Son casa e tenda, escola e fonda, hospital e gardería. Avós e xubilados espremen as matemáticas como un máster de economía.
O goberno fai declaracións e a oposición oponse pero non hai propostas nin acordo no Pacto de Toledo. Que o pacto para as pensións o presida quen nin cre no público nin sabe de matemáticas é para tremer. E os pensionistas tremen: fillos con traballos precarios, netas no paro. As súas casas son refuxio onde os cartiños das pensións terman da vida. Nas televisións goberno e oposición atordan con ruído abondoso é barato.

Mentres dona Celia Villalobos exerce de nada a gaditana Carmen García, con setenta anos, xa está de pé ao goberno da casa. Vive da xubilación do marido enfermo. Coa paguiña, esta ministra de facenda sen soldo, paga recibos de tres casas e alimenta oito bocas. Estira a ola de potaxe engadindo patacas ao terceiro día. Faino tan ben que a comida é saborosa, abundante e ben condimentada. Como ela, en España oito de cada dez pensionistas axudan coa paga minguante aos fillos. Sen eles a economía doméstica de moitas familia afundiría.

Só é outro exemplo do afastamento da política do país real: as pensións soben un pouco pero os partidos consolidaron para altos cargos o 'nivel 33'. Na función pública o máis alto é o 30. Este sobresoldo discriminatorio creado polo art. 33-90 establece que os que pasen dous anos nun alto cargo cobran uns 180 euros mensuais máis ao regreso á función pública. 500 cargos do Estado e moitos máis nas Autonomías.

E mentres, o 30% dos fogares dependen dos avós. Ao rol tradicional da sabedoría, engádese o de canguros por necesidade e despensa para centenares de miles de familias. E iso que teñen máis de 65 anos e chegan mal a fin de mes. A gaditana Carmen e miles de avoas admirables terían moito que ensinar aos políticos.

Protagonizan a diario o milagre dos panes e dos peixes mentres o goberno se afana en 'dar máis aos que máis teñen. E aos que teñen pouco, ese pouco lle quitan'.

Ao contrario que os cartos turbios de empresarios corruptores e políticos corrompidos, os das pensións non son un agasallo, son cartos limpos que olen a suor. Case un millón de pensionistas vense na obriga de manter aos fillos nun país inviable: fillas e netos con carreiras, másters e idiomas cobran menos que o avó. E vense na obriga de buscar a sopa boba petanto na porta do convento das avoas, dos avós. A ONG das canas.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES