Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 08 de marzo de 2019
Desbordado polas présas

Desbordado polas opcións. Desbordado polas présas. Aconteceu hai uns días, cando o ceo asomaba con nubes de algodón e, ós cachos, mares de néboa facían poñerme en tensión ó conducir camiño da aldea da muller, alá na parroquia de Macendo. Ó chegar, axiña empezou toda a carallada agrícola desta época. É dicir, que o paisa que escribe logo tivo que dobregar o lombo para poñer unhas gavias con verza do país (o Pingas de Orballopaduán e a muller, todo hai que dicilo). Esta, como é a que manda, tanto na súa casa coma na dos demais, dixo de botar as patacas logo de poñer a horta. Algo cedo pero, que carallo, hai que aproveitar ó paspán, non vaia ser que asome o mal tempo e se alongue a sementeira dos tubérculos. Así é que, antes de xantar, aínda houbo tempo para sementar tres regos. Logo, media hora cunhas cabezadas e volta á faena. Con présas. Porque sabía que me quedaban aínda algúns asuntos que tiña que resolver: ver o Huesca-Sevilla ás seis e pico, porque todo o mundo sabe que no equipo aragonés xoga ese veciño e crack chamado David Ferreiro; ver o clásico Real Madrid-Barcelona; ver algunha película (se a había) e escribir o Recuncho Hebdomadario para este xornal. Por iso é que baixei o carrelo e deixei que os cadrís apandasen co sacho. Vaia se apandaron!

Os heroes de Barbadás

Chove. Tamén choveu toda a tarde. E non obstante, os heroes de Barbadás saíron a desfilar pola Avenida de Celanova, pola Valenzá. Así hai que chamarlles: heroes. Porque hai que ter peito para botarse á rúa en tales condicións. E botáronse. Para facer a delicia dos espectadores que, estes si, estaban acochados baixo paraugas, balcóns ou lonas de terrazas. Tarde desapracible para un desfile de Entroido que, ante as Pingas de Orballoadversidades, os galácticos, velutinas e diversos seres mitolóxicos puxéronlle boa cara ó mal tempo e, animados por músicas e bailes, tiraron cara á adiante e racharon a escuridade dunha tarde xarota e moi chuviosa. Chove. Chovía no desfile. Unha auténtica carallada. Principalmente para eses nenos que van como van vestidos e cos traxiños enchoupados e o frío arrabuñando nas súas peles. Emporiso, eles, co sorriso nos beizos, lanzaban caramelos e emocionábanse ó atoparse con amigos, con veciños, con coñecidos. Chove. Chovía no desfile. Porque a pesar dos pesares celebrouse e haille que dar todo o mérito a todas esas comparsas que lle botaron peito ó asunto e se dixeron que: aquí, de medo, nada! Tiraron para adiante. Baixo paraugas algúns, pero a maioría, baixo unha chuvia que non foi capaz de aguantar un día máis sen aparecer. Pero á que venceron con ilusión, ganas e sorrisos.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES