Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

En plenitude

miércoles, 06 de marzo de 2019
Con case medio século de andaina literaria tras de si, a traxectoria de Helena Villar Janeiro é unha das máis extensas e intensas do panorama galego das últimas décadas.

Narrativa e ensaio, escrita infantoxuvenil e xornalística, investigación literaria e didáctica da literatura, todo e máis ten feito con ben esta luguesa que é, antes nada e por riba de todo, poeta.

Precisamente aos eidos da lírica pertence o seu máis recente título: Poesía mínima, unha selecta de medio cento de haikus que publica da man de Alvarellos Editora.

Poesía mínima é, en realidade, un poemario visotextual, pois a carón dos haikus Villar Janeiro dispón cadansúa imaxe fotográfica en estreito e complementario diálogo coa composición, que, dalgunha maneira, resulta dunha amplificación simpatética da esencia comunicante que encerra a propia instantánea.

Pois ben, a modulación formal desa esencia lírica adquire a forma de poema tradicional xaponés, de haiku que se adapta á idiosincrasia creativa e antropolóxica galega mais coa observancia dos moldes estróficos orixinais, alternando no tríade os versos de cinco, En plenitudesete e cinco sílabas respectivamente, mais con liberdade na concreción emotiva, pois aínda que nos poemas de Villar Janeiro é posible detectar certos usos do kigo nipón, a presenza do kireji figura diluída.

No que si hai converxencia é na plasmación nestes versos de toda a forza do abraio e a emoción que condensan os haikus orientais. Nestes poemas, como nos dun Basho, un Onitsura, un Buson ou un Issa, hai unha contemplación epifánica da natureza, unha procura da esencialidade do ser a través dos momentos mínimos ou os espazos en iluminación, unha poética de intres e relanzos que nos van descubrindo o fulgor das estacións, a fugacidade reveladora dos froitos, a expresividade estética do mar e as ribeiras, a soidade e recollemento interiores ascensionais, a ascética da contemplación e, sobre todo, o naturalizado pasar do Tempo e o limes transicional da Morte.

Como selo particular, as roupaxes desta arte oriental adórnanse en Villar Janeiro coa xenerosa presenza dos ecos clásicos. E velaí como “A deusa Xea/ amósanos os peitos/ petrificados” ou, falando da cala, “De tan fermosa,/ puxéronlle os paxaros/ Lámpada de Eros” ou como “A Ave Fénix/ renacida esta tarde,/ que alto voaba!”, mesmo a lembranza de como “A resistencia/ protexe os seus Penates/ do esquecemento”. Un fluír do grecolatino que, noutras ocasións, se transfunde coa tradición de noso, poño por caso, cando “Chega na chuvia/ e sempre sen barqueiro/ nin remador”.

Non quero esquecer unha outra bondade que acompaña esta Poesía mínima: o feito de se presentar en edición trilingüe, con versións en castelán (da propia autora) e inglés (do tradutor e cantautor Paul Baker). Como nun fiel espello, a melancolía que destilan estas luzadas líricas galegas de Villar Janeiro vísanse duplicadas nesoutras dúas linguas, abrindo así o deleite a aqueles que, por instalación natural ou opción, cheguen a esta poética dende outras expresións idiomáticas.

Extrema concentración expresiva, sutileza no dicir e transcendencia no ollar alíanse nestes visopoemas de Helena Villar Janeiro, creadora en plenitude, que fai boa en Poesía mínima a máxima de que menos é máis.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES