Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Casa Museo Álvaro Cunqueiro. 'Mondoñedo: mito'

viernes, 01 de marzo de 2019
En Mondoñedo celebramos como un milagre a inauguración da Casa Museo Álvaro Cunqueiro e compartimos a nosa ledicia cos admiradores da súa obra. Ponse así cabo a unha vella aspiración da tribo mindoniense, a de dispor dun lugar onde convidar a lectores, investigadores e curiosos da memoria do gran xenio das letras galegas e universais. Unha ilusión adiada, nunca esquecida, que agora, no alborexar deste 2019, invita a franquear as portas deste novo espazo cultural.

Desde o seu pasamento, acontecido o 28 de febreiro de 1981 en Vigo, sempre se lle procurou acomodo en Mondoñedo ao espírito de Cunqueiro. Aquí naceu, medrou e madurou, foi distinguido coa Medalla de Ouro, como Fillo Predilecto e Cronista Oficial. Aquí descansan os seus restos mortais, a súa imaxe en bronce eterno preside a nosa praza principal e rememorámolo cada cabodano. Pronunciar o seu nome provoca resón no silencio que respiramos.

Tense dito e escrito que Mondoñedo sen Cunqueiro non existiría. Probablemente! Mais tamén se pode asegurar que Cunqueiro sen a cidade na que naceu non sería; ou non sería quen é. Cunqueiro e Mondoñedo son dúas realidades retroactivas; mentres que a cidade lle prestou o escenario para as súas fabulacións, el agasallou a Mondoñedo coas súas inimitables imaxinacións.

Conflúen pois, felizmente, nesta Casa Museo Álvaro Cunqueiro, a memoria vital e de creación do mestre e o anhelo de Mondoñedo por perpetuar o fulgor da exuberante historia que atesoura. Mondoñedo non é (non pode ser) sen Cunqueiro; e Cunqueiro non é (non pode ser) sen Mondoñedo!

Breve historia desta casa

"Ahora tengo en los ojos toda la melancolía y en el oído todo el silencio de Mondoñedo."

Segundo testemuñan os achados arqueolóxicos, a actual casa nº 13 do Cantón Grande ciméntase sobre estruturas de época romana. Doutros restos que foron aparecendo nos traballos de rehabilitación intúeselle ao edificio unha orixe medieval, iso si, moi afectada polo gran incendio que arrasou Mondoñedo “de noite a primeira durmidura“ o 6 de novembro de 1425. Algunhas pinturas renacentistas, certos materiais e a disposición de muros e estruturas delatan que foi sometida a varias reformas desde o s. XV ata a actualidade.

A familia de Álvaro Cunqueiro residiu nesta casa máis dun século. Pilar Moirón Agüera, orixinaria de Riotorto, tía da nai de Cunqueiro, chegou aquí en 1898. Rexentaba "Géneros de punto", unha tenda de lencería situada no baixo. Con ela vivían dúas sobriñas, as irmás Eugenia e Josefa Mora Moirón, nai de Álvaro, que o fixo ata que casou co boticario Joaquín Cunqueiro Montenegro en 1908. Durante un tempo, pola altura de 1932, tamén estivo domiciliado nesta casa o Rexistro da Propiedade de Mondoñedo.

Tras o falecemento da tía Pilar a casa pasou por herdanza á sobriña, Carmen Cunqueiro Mora, e nela viviu cos seus irmáns, Pepe e Álvaro, a partir de mediados de 1949. Álvaro ata 1961, cando se traslada a Vigo e despois esporadicamente nas frecuentes visitas que realizaba a Mondoñedo. Hernán José (Pepe) e Carmiña ata os seus respectivos pasamentos, Pepe en 1992 e Carmiña en 2006.

Os herdeiros de Carmen venderon a casa aos actuais propietarios quen a cederon ao concello de Mondoñedo para o seu uso como Casa Museo Álvaro Cunqueiro.

Desde a ventá que dá ao oeste

“... y sea la primera noticia de Mondoñedo que doy en mi oficio de Cronista de la Muy Noble, Muy Leal y Muy Fiel Ciudad, que en el breve huerto que fue de Lence —como el de Lope “más breve que cometa”— han florecido hermosas clavellinas.”

Álvaro Cunqueiro, logo dos convulsos anos de estadía en Madrid, "caído ya en el surco de los vencidos", en palabras de J. Caro Baroja, regresa a Mondoñedo en 1947. De primeiras instálase na casa natal, a carón da Fonte Vella, e na primavera de 1949, xunto cos seus irmáns Pepe e Carmiña, consumada a ruptura do seu matrimonio, nesta da praza da Catedral.

Aquí remoeu Cunqueiro a friaxe das soidades daqueles días e temperou en silencio as amarguras e os fracasos dos anos precedentes. Mais tamén foi no ventre desta casa onde Cunqueiro imaxinou e saboreou o abullar do seu rexurdir como escritor en galego.

Aquí leu moreas de libros, escribiu centos de artigos “sacados da memoria que non da imaxinación” e ducias de cartas que lle permitiron recompoñer vellas amizades e fabricar outras novas. E tamén foi nesta casa onde concibiu e deu a luz obras, hoxe consideradas transcendentais, como Dona do corpo delgado, Merlín e familia, As crónicas do Sochantre, O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca, Escola de menciñeiros...

Desde a ventá do faiado que dá á traseira do edificio, a que mira ao oeste, a carón da que Cunqueiro lía e escribía, imaxinou, viu e sentiu o latexar do mundo.
Por este ollo viu pasar as estacións e canda elas o voar libre das aves canoras, das plantas, das flores e dos froitos, o viaxar da lúa, das estrelas ou das constelacións que ollaba coa mirada limpa, e as nubes, nais das chuvias deste reino de chuvias anainadas por vendavais virtuosos de asubíos. Case non existe escrito desta longa estadía mindoniense no que non mencione, sequera de pasada, este cuarto ou o que desde alí vía e sentía.

Canda as primeiras neves do ano escoitaba calar a mañá e o Bosque de Silva, unha foresta pintada seguramente por Claudio de Lorena, o cantar do reiseñor e o do paporrubio anunciando a primavera, e o do cuco predicindo o verán das andoriñas.

O seu fillo César lembra “aqueles anos de meu pai en Mondoñedo como os de meirande curiosidade intelectual da súa vida, cheo de ganas de falar e de tertulia“.

Aquí nesta casa renaceu o Cunqueiro que lle deu brillo e esplendor definitivos á lingua e á literatura deste país. Foi ao abeiro destas catro paredes, con Mondoñedo como música (ou silencio) de fondo, onde se foron moldeando no seu prodixioso maxín os personaxes e as tramas dunha obra literaria plena, singular e irrepetible.

Como en Ávalon, quen visite esta Casa Museo Álvaro Cunqueiro será recompensado co arrecendo das mazás sempre maduras; unha casa-illa da fantasía para custodiar a súa memoria e agachar en cada recuncho o tesouro encantado da súa literatura.

Procúreno!

(Antonio Reigosa é Cronista oficial de Mondoñedo)
Reigosa, Antonio
Reigosa, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES