Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas a Antón

lunes, 10 de diciembre de 2007
Lugo, 7 dic 2007

Meu amigo Antón:

Chove, meu Antón, está a chover nesta mañá de outono tardío. Non debería ser noticia que no fin do outono chova en Galicia e máis na Chaira, pero, xa ves, tamén na Chaira é noticia o cambio climático que dicía meu primo. E se a chuvia nos convida a quedar na casiña, e se, ao quedar na casiña, nos dera por non facerlle caso ao televisor, os máis vellos, e non navegar tanto polo Internet, os máis novos, e no canto de televisor e ordenador, nos dera por coller un libro, unha novela xeitosa, xa non falo dun ensaio ou dunha obra de historia; se aproveitando que por fóra hai chuvia e dentro da casa temos a temperatura acolledora dun niño onde acomodar o corpo, se nos dera por ler... Se nos dera, pero moito me temo, amigo Antón, que son moitos, moitísimos, aos que non lles vai dar por ler, e moito menos por escribir, nin mesmo unha carta, nin mesmo unha mensaxe coidada polo correo de Internet.

E, sen embargo, malia este meu pesimismo, o caso é que en Vilalba e en moitos lugares da Chaira non deixa de haber mozos e mozas que devecen por escribir poemiñas e mesmo narracións. Estou a pensar agora mesmo no certame de poesía proposto polo xa recoñecido Belén de Begonte. Teño entendido que son moitos os que mandan a concursar poemas de seu, e tamén teño entendido que, en xeral, a calidade dos escritos presentados non é mala. E, se agora é o Belén de Begonte, noutras épocas é o concurso profesor Benxamín Paz de Vilalba, ou o que propón a Casa da Xuventude, e, xa non digamos, o premio do Certame literario de San Ramón. Isto, por aludir aos que temos máis preto de nós, porque, por aí adiante hai moitos máis concursos aos que non deixan de se presentaren escritores chairegos que soñan con futuro. En definitiva, o que quero dicirche, meu Antón, é que, para que exista un Agustín Fernández Paz, ten que haber moitos que traten de chegar a selo.

Despois do que deixo escrito, estou a imaxinar a túa cariña irónica, cos ollos a medio abrir, coma un chinés, e a preguntarte que diaños me pasa hoxe par poñerme a che falar destas cousas. Pois ben, explícome.

A primeira razón é ese Informe Pisa do que tanto se está a falar estes días. Trátase dun estudo que un organismo mundial efectúa para comparar o nivel de educación das distintas nacións. E resulta que nesa pescuda España non queda moi ben parada, nin Galicia tampouco, e seica un dos fallos máis notables é que, polo visto, os noso estudantes non saben ler. Quer dicir, saben ler mecanicamente, descifrar as palabras, pero non chegan a comprender o que significan esas palabras que descifraron, é dicir, non comprenden, e, polo tanto, o esforzo escolar está a fracasar. Entendes, Antón?. A verdade é que na Universidade tamén notamos algo disto.

E se isto acontece, cómpre deducir que o máis da xente non le dabondo, e moitísimos non len nadiña. Nin o xornal, agás algo de deporte. E tal cousa non se vai solucionar só desde a escola. Precísase que a sociedade estimule aos rapaces, e aos vellos, e aos medio vellos, para que vexan que a lectura fai gozar. Como nos dicía a ti e máis a min o Santiaguiño Mato, en paz descanse, que nunca vía a televisión, pero lía, ao día, unha ou dúas novelas, daquelas que escribía Lafuente Estefanía. E, de non contar con algunha nova, non deixaba de repetir a lectura das vellas. A xente da miña idade, dicíanos, aprendemos dos vellos que o máis grade pracer é o da lectura, e eu comprobeino. A sociedade estimulábao. E a sociedade estimula promovendo cultura. Atención, xente do Concello, a primeira cousa é a cultura, promover a cultura, dar oportunidades e facilitar as cousas. Mediante o teatro, por exemplo, ou concursos como os aludidos, ou pequenas publicacións locais onde os que escriben vexan o seu nome. Ti, Antón, dirás canda min: vós, alcalde e concellais, dade medios a todos e non só aos do voso partido. É a vosa obriga, e veredes os resultados. A escola non chega.

Outra razón pola que quixen falarche hoxe, amigo Antón, da afección á lectura é porque acabo de ler dun tirón un precioso libriño de Agustin Fernández Paz, vilalbés coma ti e coma min, que publicou co título de O único que queda é o Amor. É un conxunto de contos moi suxerintes, ambientados moitos deles na nosa vila, que se len dun tirón e que, amais de entreter, dan que pensar. Seguro que, se despois de me escoitar esta carta, calquera rapaz ou rapaza, ou vello ou vella, ou de mediana idade, se deciden deixar por unhas horas o televisor ou o Internet e se poñen a ler este libriño, hanme agradecer o consello. Así que, veña, Antón, o libro xa o tes porque eu mesmo cho mandei en agasallo de Nadal. Só che queda poñerte a lelo. É unha obriga con Agustin e comigo.

E por hoxe nada máis.
Ata o venres que ven, se Deus o quer.
Bernardo García Cendán
García Cendán, Bernardo
García Cendán, Bernardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES