Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bailando na punta dun fuso (4)

martes, 19 de febrero de 2019
.../...

-¡Vaia, muller; estou farto de esperar por ti, aquí en Información! ¿Chamaches a Aisa Bailando na punta dun fuso (4)para dicirlle que hoxe iremos a cear…, o que tivese preparado para o xantar?

-¿Encima chanzas…? ¿Aínda non o coñeces? Pois eu coñézoo tanto que xa me ralla o seu “Trabajar es vivir”. ¡Que ben estaba en Madrid, dándolles “Paso ligero” aos seus soldados!

-Xulieta, esa frase, ese dito, é voltariano, e polas queixas que me levas dado, ese tío é todo menos un combatente contrario ao fanatismo e á intolerancia… ¡Menos mal que para tolerante tesme a min!

Xulieta, á vez que o collía do brazo para saír, ¡por fin!, do Multiusos, deulle un belisco nas nádegas; por riba do pantalón, claro. Saía tan anoxada que utilizou a paciencia do marido para desafogarse:

-Ti, que es medio policía, ¿ese tío non será un infiltrado de Madrid, que nolo mandaron daquela das transferencias, para espreita-la Autonomía? ¡Non hai cousa, non hai asunto, que non considere da súa competencia, así que, no que el asume, os outros xefes séntense usurpados nas funcións respectivas!

-¡Ti, con el, zorrea, pois cando queres sabes facelo! Cando se lle atrase o reloxo, con dicirlle que eu, o teu marido, se vai cansar de esperar por ti…, daquela igual te deixa marchar, aínda que eses informes estean a medio redactar!

-¡Xa, xa; pero unha cousa é predicar e outra dar trigo! ¡Non me atrevo; polo menos mentres sexa novata, mentres sexamos interinos!

-Tes outra solución: Cando sexa a hora de saír e non deades terminado, daquela invítalo a xantar connosco, e dille que os cuscús de fríos non teñen graza! ¿Vale?

-¡Ai, xa; ti ben falas, pero, e se acepta…?

Tanto odiaban ao Xefe que chegaron ata a casa baduando. Aquel xefe, en efecto, era un “rara avis”, un técnico militar pasado a Destinos Civís e destinado a Lugo para unha función similar, ou parecida, á da súa especializade. ¿É que non os había análogos no país, ou foi cousa de Fraga para agradecerlles a certos franquistas os servizos prestados nas trincheiras da Transición? Chi lo sa!
-.-

Pola tarde, ¡tanto que a señora Capuleto botaba en falta á súa anxelical Anxélica, aínda que por compracer á madriña lle puxeran Xulieta!, os rapaces fixéronlle unha visita prolongada, desas de merenda e cea. A madriña insistira no de Xulieta porque lle parecía que para mandar en Lugo…, ¡para seguir mandando!, nada como recolle-la herdanza daquel Xulio, que ademais de Xulio foi César. Nunha ocasión a nena, cando comezou a interesarse polo Quía nóminor Leo das cousas, preguntoulle á súa nai, pero en castelán pois o galego, daquela, só lles estaba permitido ás paifocas da aldea: -Mamá, no hay otra que se llame así; ¿por qué me pusisteis este nombre tan raro cando todas las niñas de las Pepas se llaman Leticia, o Nuria, o Sandra…? ¡Yo no he nacido en julio…! –No, hijita, no, que naciste por San Froilán, como la mayor parte de la gente de este país! –Luego, soy hija del Santo, no? -¡Niña, qué dices? Les cuadran esas fechas por culpa de los días cortos y de las noches largas de este Lugo friolento…, pero de esto hablaremos otro día, cando te vengan las reglas! –¡Ya sé multiplicar! –Suerte que tienes, pues donde hay varios, donde hay dos o tres hermanos, la tabla que les corresponde es la de dividir!

Daquela non houbo máis explicación, e nin falta que fixo, pois aos poucos as compañeiras, as meirandes, contáronllo todo, no máis absoluto segredo…, para que Bailando na punta dun fuso (4)non se decatasen as Pepas, pois elas, as Pepas, virxes naceran e virxes ían seguir!

Nesa tarde falouse de todo, incluso do que medrara Lugo desde que Galicia volveu a ser reino…, gracias a Fraga, que iso sostiñan os Capuleto. A pesares de Fraga, opinaban os Montescos. As prioridades parlamentarias en Lugo, co Rei, coa República, co Ditador, con Fraga…, sempre seguían esta prelación: o tempo, a carestía da vida, os solares, a construción, as remesas dos emigrantes… Só lles faltaba rezar para que continuase a emigración, ese cordón umbilical tan nutricio para a Galicia do interior. En Burgos rezábase, daquela que estivo a Corte no Palacio de la Isla, para que non rematase a guerra; ¡pois en Lugo outro tanto con respecto á emigración! Iso de evacua-las aldeas, iso de pasar directamente do sector primario ao terciario, ese luxo, só se sostiña mentres a nosa xente seguise gardando as vacas en Francia, en Alemaña, en Suíza… ¡Obvio: os suevos, aqueles expertos en vacas, viñéranse para Galicia, así que de Galicia tiñan que volver os pastores, pois, do que non, de que ían face-los queixos?

-Romeu, ti e mais teu sogro, ¿por que non lles ides probar os viños aos da Rúa Nova, a ver se lles chegaron os da última colleita? ¡Agora imos falar do Colexio; e despois diso, de trapos, de trapos e de artistas, cousas que non vos interesan aos homes!

O vello Capuleto non estaba moito por esas:

-¿Falar de trapos e de artistas cando son precisamente as artistas as que menos gastan en roupa, que lles estorban as saias; iso, para desfilar!

O xenro, menos dado á televisión…, aínda!

-Papá, ti, que coñeces ben Lugo, móstrame eses cenáculos conspirativos, eses onde conspiran os teus! Aos meus, que veñen do PSOE, gustaríalles sabelo, infiltrarse…, por se algún día preciso saber onde se cotizan os votos, a como andan; todo iso! Teño entendido que cando veu Portela Valladares en busca dos votos da Fonsagrada, cunha barrica de viño e unha cesta de pan trigo, deixounos atados e ben atados…, máis que Franco aos españois!

-Meu fillo, que xa me estou afacendo a chamarche así, cando te presentes, conta comigo, que vosoutros presumides da vosa clandestinidade nos anos da Ditadura, pero eu estou en condicións de demostrarche que aquí en Lugo, se acaso fóra do señor Calvo, os demais…, nin obreiros nin socialistas! ¡Proceden, todos, do Frente de Juventudes, que cho digo eu!

Na Rúa Nova, aqueles cos que falaron, máis que de política trataron de cheas, de pratos e de servizos excelentes; onde, como, e a canto? A principal discusión foi no das Dúas Portas, que por algo as tiña! Alí concorrían, sen disimulo, as dúas tendencias, e naquela tarde o tema principal foi unha discusión acerca do porquiño asado, pois mentres os do PSOE sostiñan que nada coma o leitôes que serven na Mealhada aqueles vinte restaurantes de Portugal, os do PP, ¡sempre devotos da Vila de Isabel!, porfiaban que o de Arévalo…, bocatto di cardinale!

Fartos de todo, en particular desas tapas que tapan a nosa fame, esas tapas da fama, levantou Capuleto a dereita, ¿cal, se non?, e proclamou, actualizou, a voz en grito, o slogan de Sánchez Carro: ¡Para comer, Lugo! Con isto, amén dunha rolda que pagou, pechouse a discusión, que todos votaron ao seu favor.

-Fillo, ves o que é política? ¡A política é a cousa máis sinxela deste mundo: consiste en abrirlle o apetito á xente…, e despois cada quen que merende onde lle praza!

-¡Será, onde poida, non?

-¡Iso, iso, que non hai nada como saber Dereito para arar torcido!
-.-


-¿Ou te estás cansando de min, ou algo pasa? ¿Esa Adela, segue sen noivo?

Xulieta, coa súa planificación, quería as festas sen música, celebralas cando a ela lle conviña, e para iso, que mellor que petar ás portas nos días axeitados? Pola súa parte, Montesco, ¡do monte!, máis inocente que un cazapo:

-¿Esas temos? ¡Vouche demostrar que aínda así, que este moro atende todo un harén…, en condicións satisfactorias, por suposto!

¡Ben lle aconsellara o Cura que os casou, ben! Pero a súa ignorancia estaba en…, en ignorar que ela tamén se aconsellara! ¡O matrimonio é un oficio que tarda en aprenderse, pero hai que ter paciencia, dedicarlle tempo e esforzos, acaso coma a ningún dos outros! ¿Quen enganou a quen: Eva ao Adán, ou Adán á Eva? Mais, con enganos ou sen eles, seguiron adiante, pois a Biblia, que o conta todo, nada nos di de que acabasen en divorcio; moi o contrario, que ata foron causantes de que aquel incesto dos seus fillos orixinase miles de millóns de criaturas? ¡Se están no Ceo, será de milagre; tantas que fixeron!

-¡Non llo digas a Adela, pois se sabe o que ten que aguantar unha esposa, nunca esposada se ve, nin que llo esixa a Garda Civil! A nada que falei, e ti xa o tomaches por unha insinuación! ¡Estes homínidos…! –Xulieta, xogando a escorrerse.

-Aquí o mal parado son eu, que veña suar, e total…, zocas para a feira!

-¡Tranquilo, home, que xa chegará o día dos patucos, pero, se tan pouca fe tes en ti mesmo, vai facer unha proba de fertilidade…, que se non as fan en Lugo, en Santiago seguro que si!

-¿A ti, fixéroncha?

-¡Aínda non, pero se vexo que tal, antes de facerme vella…, paso por todas!

-¿Sabes que che digo? ¡Que fixen os “cursillos de cristiandad”, pero fáltanme os outros, eses que ensinan a ter contentas ás mulleres! ¿Onde se fan?

-¡Eu que sei; terei que preguntárllelo a meus pais, pois, aínda que con trafulcas, xa chegaron ás vodas de prata! Por certo…, debémosllelas facer, recordarlles que as teñen que facer!

-¡Pois non é mala idea! A extra do Nadal, ¡xa sabes!, para regalarlles os billetes dun cruceiro polos sete mares…

-¡Iso, iso; pero só hai sete mares! Daquela volverán demasiado pronto!

-¡Un mes, máis ou menos; outro tanto coma a nosa viaxe á Lúa, ao San Martiño da Lúa! ¿Pasámolo ben, non si, encanto?

-O peor foi ter que virnos, para tomar posesión…

-O mellor foi virnos para tomar posesión…

-¡Estes homes: o que vos entenda que vos compre!

-¡Non fai falta, pois seguimos regalándonos, que nos damos en prenda…, ás prendas!

As súas porfías sempre as selaban cun bico…, de momento!
-.-

Romeu, farto das singulares comidas que lles preparaba Aisa, a ex - criada de súa sogra, púxose a lembrar aquela afirmación de Montero Rios, ¿outro Montesco?, de que, “Máis discorre un famento cós cen letrados do Parlamento!”. Día si e día non, falafel (albóndegas vexetais a base de puré de garavanzos), robaliza con patacas ao forno, cuscús de lenguado…, ou similares. Discorre e discorre, deu coa solución liberadora: Aquel rapaz, aquel carniceiro, oriúndo de Rábade, fillo dun caseiro de seu pai, e por tanto, ¡un vasalo! Matinado e feito:

-Tes que facerme un favor, e como é o primeiro que che pido, subímoslle a renda a teu pai se non mo fas! –Un Letrado sempre pide esixindo; iso si, dentro da Lei…, para que non o atilen de chantaxista!

-¡Con tal de que non o desafiucen, pois el, meu pobre, sen vacas non sabería vivir…, toda a vida entre animais!

-¡Iso…, que de animais se trata! Vouche traer a nosa cociñeira, Aisa de nome, que é musulmá… e tes que xurarlle, coa man encima dun Al Qurán, que o traerei eu cando veña presentarcha, que para os da súa relixión a carne mándancha á parte, que tes un amigo en Rábade, que non é rabí senón Jodsha, e por tanto está autorizado para facer sacrificio de reses co ritual islamista… ¿Entendíchelo?

-¡Maldito cousa, mais, por ser vos quen sodes, prométolle ensaiar a escena!

Acordado e feito, así que, na fin de semana, e co visto bo da súa amada Xulieta, aló se foi con Aisa. O carniceiro, ben instruído, saudouna cun ensaiado:

-As-salaam-alaykun, Aisa! (Que a paz sexa contigo, Aisa!).

Pola súa parte, Aisa, tan educadiña, que se tal non viña reeducáraa a protocolaria ¡só-ogra! do ilustre Romeu:

-Kaifa-haluk? (Como está usted?)

-Eu, ben; quero dicir, Al-hamdu-lillah! (Grazas a Deus!)

Todo foi segundo o previsto, segundo o guión daquel audaz Montesco, e ao despedirse, o carniceiro renegado non deixou de obsequiar á nova clienta, Aisa, cun fervoroso, “Ma as-salama!”, (Adeus, encanto!).

De regreso, na casa, Xulieta agardaba por Aisa cun precioso vestido dos dela, en raso, ben dotado dun suxestivo escote:

-Mira, Aisa, este vestido meu, que só o puxen o día da estrea, e resultoume ancho…, para ti, para sempre, para que te vexan metamorfoseada neste Lugo tan racista, tanto, que ata distinguen entre os da capital e os da aldea!

-¡Ai señora, vostede sempre tan amable! ¡Baraka-lofik!

E foron felices, pois, ademais das perdices, de alí en diante xa puideron comer carne asada, acotío, ata que se fartaron dela, que entón ordenaron que lles intercalase peixes, os de costume. Para as merendas, ademais dos artigos da Praza, contaban con aqueles queixos da facenda miúda, subministrados polos caseiros da familia Montesco, tantos, os caseiros, que Romeu non acababa de coñecerlles o nome, así que, con chamarlles de “vostede”, asunto arranxado!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES