Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pobreza relativa e pobreza absoluta

lunes, 10 de diciembre de 2007
Pobreza relativa e pobreza absoluta.
A diferencia entre aquí e Mozambique.


O Instituto Nacional de Estatística publicou a finais de novembro a súa última Enquisa de Condicións de Vida. Nela afirma que case o 20 por cento da poboación que reside en España estaba por debaixo do límite da pobreza relativa no ano pasado; un 4,6 por cento superior ao do 2005.

Non nos resulta estraño que a taxa de pobreza sexa meirande no caso das mulleres (21,2 por cento) que na dos homes (18,5 por cento), nin que os grupos máis afectados pola pobreza relativa sexan as persoas de 65 ou máis anos; ou que a porcentaxe sexa moito máis grave nos desempregados (37,6 por cento) que nos que teñen traballo (9,8 por cento) aínda que sexa precario. Tampouco é novidoso que a porcentaxe de pobres sexa moito máis alta entre os que teñen educación primaria fronte aos que a teñen superior. En fin, as comunidades con menores ingresos seguen a ser Estremadura e Andalucía, fronte a Navarra e Madrid, as que os teñen meirandes. Os galegos quedamos cunha taxa de pobreza de 23,2 fronte á de 38,6 de Estremadura; é un consolo... pero Navarra e Euskadi téñena só dun 9,8.

Con todo, e aínda que nas distintas comunidades do estado hai casos de pobreza estrema, sobre todo as persoas que viven na rúa ou en chabolas, o límite da pobreza relativa sitúase no estudio en ingresos inferiores a 6.860 euros anuais; bastante mais alto que o promedio dos países industrializados europeos, Xapón ou Canadá (14 dólares diarios por persoa). E moi lonxe da situación mundial onde máis de mil millóns en Asia ou máis de douscentos millóns en África subsahariana teñen que vivir con menos dun euro ao día (¡365 ao ano!), e máis de cen millóns en América Latina e o Caribe teñen que contentarse con menos de dous euros diarios (¡730 ao ano!). Unha situación que é cada vez peor. En 1960 a proporción entre ricos e pobres era de 1 a 30 (un norteamericano ou europeo valía o que 30 haitianos); 30 anos despois ¡pasou de 1 a 60!. E segue aumentando, porque cada día medra a riqueza dun pequeno grupo máis ricos que Epulón, e medra a pobreza dun grandísimo grupo máis pobres que Lázaro.

É por iso que un pensa que, aínda que é importante sopesar os datos que apuntabamos ao comezo e seguir a loitar por un mellor reparto da riqueza en Galiza e en España, tendo en conta non só a situación dos más pobres, senón tamén os apuros de tantas familias para chegar a fin de mes, non esquecer que estamos nun estado, España, que din é o terceiro do mundo onde mellor se vive (The Economist), só por detrás de Suíza e Alemaña e moi por diante dos poderosísimos EE UU. Non que sexamos os que temos máis cartos, evidentemente, senón que vivimos cun nivel esperanza de vida e de consumo moi alto.

Non nego que os pobres do noso país poidan sufrir psicoloxicamente como os de Mozambique, Somalia, Afganistán, Haití, Sudán, Ruanda, Guatemala ou Nixeria... pero o seu Índice de Sufrimento Humano (formado pola suma de esperanza de vida, o suministro calórico diario, auga para beber, inmunización infantil, matrícula nas escolas secundarias, PNB per cápita, taxa de inflación, tecnoloxía das comunicaciones, liberdade política e dereitos civís) é escandalosamente inferior. Por iso, coido evidente que a pobreza en España é “relativa”, mentres que a de miles de millóns de persoas no mundo, Asia, África e América Latina, é absoluta.
Pérez Prieto, Victorino
Pérez Prieto, Victorino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES