Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Responsabilidade cidadán

jueves, 31 de enero de 2019
O hábito que nos leva a utilizar os tópicos por unha certa comodidade coloquial, fuxindo dalgunha crítica que dea garantías de certeza, fai que atribuamos, ás veces, cun criterio exclusivista, responsabilidades a outras persoas, sen nin tan sequera pensar ata onde debían ser compartidas por nós, e non nos excluímos. Xustamente por isto non é nada estraño escoitar lerias acerca da culpabilidade dos políticos investidos dalgún poder, nada alleas a nosoutros pola condición de cidadáns e de membros da SOCIEDADE CIVL, que deberíamos asumir en orixe e en xeral. Introducimos, con algunhas preguntas, a temática desta colaboración, previa a explicación dos termos.

Explicamos que entendemos por “cidadán” e por “sociedade civil”. A condición de cidadáns témola todos, pero aquí estamos referíndonos aos integrantes persoais do pobo consciente e que quere exercer a súa soberanía, non só a que constitucionalmente lle está atribuída, que ten limitacións, senón á constitutiva, como fonte daquela e indispensable para o desenrolo da propia realidade persoal. E non se trata dun mero xogo de palabras, xa que os políticos soen ter reservas ideolóxicas cando utilizan este termo. Ademais co sintagma “sociedade civil” designamos a totalidade dos cidadáns conscientes da súa condición como tales, salvo os que viven alienados, estraños á inquietude por defender a dignidade de persoa naturalmente social. E estimamos necesaria esta precisión para sortear as polisemias do uso político e partidista destes conceptos.

Cando os cidadáns atribuímos ós políticos, con responsabilidades de goberno, a inestabilidade das sociedades ás que pertencemos, a súa incompetencia ou a súa inconsistencia e inexperiencia persoal, ¿lembramos se os votamos considerándoos idóneos para asumir as funcións derivadas dos cargos dos que eran candidatos?. ¿Coñecíamos, acaso, a escala de valores socio–político–económicos que profesaban, sempre solapada pola que insinúan como cebo electoral?. E se a aceptamos, por suposto implicitamente, por que a cambiamos na crítica?. Xa que, se a cambiaron eles, descoñecíamos a súa inconsistente responsabilidade orixinaria. E aínda que este é un cantar que non soe espertar en xeral o noso interese, vamos ter que escoitalo, porque o ritmo do cambio dos tempos marca as continxencias que neles aniñan.

¿Deberían as “sociedades civís”, vista a panorámica que ofrecen as de todo o mundo, afectadas de profundas inestabilidades, que, de vez en cando, desembocan en terribles convulsións para–bélicas, dotarse de algunha clase de organización e dun certo nivel de xestión, algo así como nos están ensinando as numerosas ONGs?. ¿Terían que valerse dos partidos seleccionados polos cidadáns nas correspondentes eleccións?. ¿Podería entenderse esta organización como un instrumento de control desde fora da estrita xestión política?.

¿Sabe, ou ignora, a maioría dos cidadáns que esta formulación, con diversas matizacións, ven a ser consecuencia da incerteza de calquera contestación afirmativa á seguinte pregunta resaltada con maiúsculas?. ¿AS DISTINTAS ORGANIZACIÓNS SOCIO-POLÍTICAS QUE HOXE HAI NO MUNDO OFRECEN ALGUNHA GARANTÍA DE QUE SEXAN SOSTIBLES NO FUTURO, E AÍNDA QUE O FORAN, PODE MANTERSE A ESPERANZA DE QUE CUBRAN AS NOSAS ASPIRACIÓNS HUMANAS, COMO A LIBERDADE, A SOLIDARIEDADE E A XUSTIZA DISTRIBUTIVA, ELIMINANDO A INDIGNIDADE DA POBREZA?. Máis ou menos así o pregunta o Dr. Monserrat, catedrático xubilado da UAM.

A crítica radical que as redes sociais dirixen ós partidos políticos, cada vez máis desprestixiados, ¿non pon de manifesto unha corrente de opinión coincidente co sentimento da maioría dos cidadáns – incluso militantes non alienados polo doutrinario dogmatismo político do partido ao que pertencen – de evidente desapego deles e dun escepticismo estendido pola excesiva dedicación ós seus problemas internos, en prexuízo dos do pobo?. E cando se argumenta que “sen partidos non hai democracia”, ¿non se esperta en moitos cidadáns a dúbida de que sexan o mesmos líderes que manipulan os partidos, coas súas arroutadas de matiz ditatorial, os que están propiciando sistemas de gobernos antidemocráticos?. ¿É isto o que está arrastrando a moitos intelectuais a articular un pensamento coordinativo, no ámbito dunha asomada forza civil, capaz de disipar os nubeiros partidistas?.

Ofrecémoslles aquí, para que podan verificar a incoación dese movemento intelectual, algunhas obras de interese. “Hacia un Nuevo Mundo. Filosofía Política del protagonismo histórico emergente de la sociedad civil”, de Javier Monserrat, UPC, Madrid 2.005; “Hacia una sociedad civil global”, J. Luis Vidal Beneyto, Taurus, Madrid, 2.003; “Global Civil Society”, 2.007, SAGE Publicacións, diferentes autores, London; “La Sociedad Civil Global”, 2.005, Mary Kaldor, Tusquets Editores (traducida do inglés ao español).

Como sería inadecuado traerlles a este espazo os proxectos articulados por estes intelectuais, limitámonos, principalmente, a ofrecerlles algunhas ideas, recollidas dos traballos do Dr. Monserrat, quen pensa que o mundo debe seguir gobernado polos políticos e “son eles os que deben constituír a plataforma fundacional do proxecto UDS”. Pero…en que consiste este proxecto?. Trátase dun proxecto universal de desenrolo solidario, que aínda está en estado de emerxencia, e “non ten unha presenza social inequívoca, clara e precisa”. O Dr. Monserrat escrebe que é un proxecto de acción en común, un desenrolo lóxico da nova sensibilidade emerxente, que non rompe nada, senón que “deseña posibilidades viables de actuación dentro da orde establecida”, para corrixir disfuncións incoherentes co interese xeral. E ata parece que o subconsciente dalgúns políticos lévaos a traizoar a reserva dos seus sentimentos de desvinculación de certas esixencias partidistas.

Recentemente, Errejón, co–fundador de Podemos, di que os partidos non son fins, senón medios para acadar obxectivos. (Entrevista na Cadea 6, no programa de debate da noite do 19-1-19). Esta precisión parécenos acertada, no suposto de que non se considere aos partidos como “medios” para o sostemento economicamente pomposo das familias dos que os lideran ou para a apropiación indebida de recursos. Así pois, os obxectivos deben ser claros.

Son os intelectuais os que se fixeron eco dunha posible nova organización da “sociedade civil”, como un necesario paso no movemento cidadán “para cambiar o rumbo da historia mediante un control eficaz do poder político”. “Ata agora, nos últimos quince anos – escrebe o Dr. Monserrat -, a “sociedade civil” cobrou un novo e sorprendente “protagonismo” para resolver os problemas humanos cara a o respecto á persoa e ó compromiso pola solidariedade: falamos de todo tipo de asociacionismo civil, movementos cidadáns, grupos relixiosos ou de intervención política e das numerosas ONGs. Esta enorme actividade civil, antes insólita, mostra que efectivamente se está producindo o espertar de algo novo”.

Mary Kaldor, citada na achega bibliográfica que lles ofrecemos máis arriba, considera que a “sociedade civil”, xa non pode entenderse limitada as fronteiras dun estado. Os excelentes medios de comunicación abren numerosos enlaces con outras organizacións e, incluso, con institucións de ámbitos mundiais.

Existen moitos exemplos, e fai referencia ós disidentes de réximes opresivos, como os campesiños centroamericanos, os activistas contra as minas anti–persoa, etc., que poden comunicarse con outros grupos semellantes en todo o mundo e, por conseguinte, establecer unha certa coordinación das súas accións, non só ante os gobernos do propio país, senón tamén ante os organismos internacionais. ¿Son un exemplo as loitas contra a política de Maduro en Venezuela…?.

E desta maneira vanse abrindo novos horizontes para loitar pola liberdade humana, e tamén por algo moi importante, como é o intento de superar as guerras da única solución aos problemas globais. Xustamente por isto, os cidadáns e a mesma “sociedade civil” poden adquirir a condición de actores nun certo proceso de toma de decisións internacionais. De todos nosoutros depende que non aborten.

Aquí en España, os independentistas cataláns, intentan aproveitarse dunha interpretación do “procés” enfocada unicamente ao éxito das súas aberrantes pretensións nacionalistas; pero nada ten que ver co movemento da sociedade ao que facemos alusión neste artigo, que emerxe, non para que os políticos convulsionen e manipulen ó pobo, senón precisamente para evitalo, mediante o control do poder político mal utilizado. Debería evitarse que as actitudes cínicas non se estenderan como catalizadoras das accións manipuladoras dos cidadáns, e isto talvez cunha adecuada información responsable a cargo dos actores sociais.

Abocados como estamos a que este poder político altere os instrumentos democráticos, cambiándolles os obxectivos, apropiándose da lexitimidade da que os inviste a soberanía popular e poñendo en perigo a estabilidade socio–política do mundo no que vivimos, o cidadán non pode, por conseguinte, eludir a súa responsabilidade e debe coidarse de ponderar as súas decisións electivas e organizativas, para co–exercer responsablemente un control eficaz do mesmo, cernándolle un afán expansivo ó poder executivo, que parece ir en aumento, e esixíndolle que propicie a satisfacción das lexítimas aspiracións do pobo, debidamente proporcionadas ás circunstancias. Todo cun respecto exquisito aos outros dous poderes, corrixindo o recurso a utilización de prácticas indirectas e solapadas.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES