Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Caudas literarias

jueves, 17 de enero de 2019
Hoxe é día de Reis. Deixamos atrás, por tanto, o ano vello, o que tamén significa que fica no ar unha cauda máis de lecturas. Se cadra é bo momento para facer balance do que ese ano que marchou nos trouxo, literariamente falando.

O tempo que escapuliu foi abondoso en apostas narrativas de interese. Publicaron textos novos escritores xa consagrados: Manuel Rivas deu á luz os relatos “estremeiros” de Vivir sen permiso e outras historias de Oeste (Xerais); Suso de Toro apostou por unha novela que cuestiona o papel da realidade e o destino en Fóra de si (Xerais); Xavier Alcalá narrou as peripecias dun emigrante galego antiheroico por terras da Patagonia en The Making of (Galaxia) e Antón Reixa relatou a súa intensa vivencia logo dun tráxico accidente de coche en Michigan, acaso Michigan (Xerais).

Xunto a eles regresaron voces tamén ben consolidadas: Cid Cabido cun relato altamente irónico da vida “pseudo-caralla-intelecto-bohemio-contrariosa” duns mozos vigueses dos oitenta en Tres pintores (Xerais) ou a recuperación do texto póstumo de Anxo A. Rei Ballesteros Dezanove badaladas (Galaxia), espello da vida baleira, sórdida e desesperanzada da mocidade compostelá de finais dos sesenta.

Complementando a ampla oferta narrativa alternaron os textos hibridados de prosa e verso de Susana Sanches Arins en Tu contas e eu conto (Através) coa narrativa blablacar e cuestionadora do sentido da Arte e da verdadeira identidade que traza Ana Cabaleiro en As ramonas (Galaxia); a prosa lírica de memoria nostálxica e sentimentos mancados perfilada por Antonio Piñeiro en A través do fume (Galaxia) coa escrita filosófico-mítica do Orfeo canta (Axóuxere) de Roberto Abuín; a aventura trepidante de O exército de fume (Xerais) de Manuel Gago coa narración de reivindicación feminista das Senlleiras (Galaxia) de Antía Yáñez; a novela fragmentada de vidas cruzadas de Non o saben as estrelas (Xerais) que asina Diego Alfonsín e os sorprendentes relatos de Rosalía Fernández Rial en Bonus track (Galaxia); en fin, a solidariedade familiar e a heroicidade da matriarca rural galega de A madriña (Fervenza) de Maica Caramés Gorgal e a epopea mariña de Xurxo Souto en A gran travesía de Chiruca Macallás (Xerais).

Non menos vital se amosou a poesía, que deixou obras de mérito como a primeira mostra de comic poetry galega concibida por Yolanda Castaño na antoloxía dos versos que titulou O puño e a letra (Xerais); a escrita en clave de bit poético de Celia Parra e as súas Pantallas (Galaxia); a lírica neosurreal de alta tensión vital recreada por Xosé María Vila Ribadomar en O corpo en extinción (Toxosoutos); a poética do baleiro, a casa (des)herdada e a identidade de Pilar Pallarés en Tempo fósil (Chan da Pólvora); a dicción do corpo, a intelección dos corpos e a proxección corporal fundante de Antón Lopo en Corpo (Xerais); ou a harmonía do verso e os poemas musicais de Claudio Rodríguez Fer en A muller sinfonía (Ouvirmos).

Para o lectorado de preferencia ensaística, cómpre recomendar as autobiografías narradas de María Xosé Queizán en Vivir a galope (Xerais) e Xosé Neira Vilas con De Gres a Cádiz (Galaxia), así como o libro de entrevistas de Perfecto Conde Conversas con Paco del Riego (Xerais), a proveitosa biografía Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego (Galaxia) elaborada por Xosé Ricardo Losada ou o ensaio oteriano Fuga e retorno de Adrián Solovio (Galaxia) de Ramón Villares.

Capítulo á parte merecen os libros arredor da figura homenaxeada o pasado maio co Día das Letras Galegas, moitos e moi variados. Na miña escolla, os mellores dende o ámbito dos estudos especializados son os volumes colectivos coordinados pola profesora Blanca Roig Rechou: María Victoria Moreno. Palabra fértil no Tempo (Centro Ramón Piñeiro) e Nun lugar de Galicia (USC); dende o ámbito da divulgación informada é aconsellable a consulta das monografías María Victoria Moreno. A muller que durmía pouco e soñaba moito (Xerais), de Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, María Victoria Moreno. Sementadora de futuro (Xerais), de Isabel Soto e Xavier Senín, e mais A voz insurrecta. María Victoria Moreno, entre a vida e a literatura (Galaxia), de Montse Pena Presas; finalmente, no eido da biografía novelada sinalo Doce cartas a María Victoria Moreno (Hércules), de Ánxela Gracián.

Na dramaturxia, cómpre traer aquí tres títulos: a memoria reivindicativa dos Arquivos de realidade (Erregueté), de Francisco Oti e Julio Fer; o humor crítico do Eroski Paraíso (Kalandraka), de Chévere; e mais o teatro último e renovador dos creadores agrupados en Dramaturxia galega actual (Á Feira), a saber: Inherente Teatro, Miguel Sande, Ernesto Is e Esther F. Carradeguas.

Por remate, un último apuntamento de moi estimable escrita infantoxuvenil: a viaxe iniciática de O ouro das lúas (Galaxia), de Beatriz García Turnes; o poder evocador de As voces da auga (Baía), de Ánxela Gracián; os poemas grafiteados de Fran Alonso en Street Poems (Xerais) e a ilusionante e reveladora aventura de O dragón Antón e o sapo Rosendo (Fervenza), de Rosalía Morlán.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES