Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Alfonso, bispo de Lugo

viernes, 30 de noviembre de 2007
Lugo, 30 nov 2007 (día de San Andrés)

Meu querido Antón:

Ditoso o mes que empeza con Tódolos Santos e remata con San Andrés.

Efectivamente, ditoso este mes, o novembro deste ano, porque seguro que xa sabes a nova. Xa sabes o tema. Estes días non se falaba doutra cousa, e, curiosamente, resultou certa: Alfonso Carrasco Rouco, o Alfonso da Visita de Casavedra, xa é bispo de Lugo. Ti preguntábasme onte se sería verdade, e eu confeso que desconfiaba de que fose certo, porque non é uso habitual na Igrexa que deixe coar estas novas antes de que ela se pronuncie oficialmente; pero, non sei por que, desta vez, os medios tiveron acceso á novidade antes de ser anunciada polo Vaticano.

Eu, como podes comprender, alégrome moito como vilalbés: está visto que Vilalba produce bispos como roscas. Pero alégrome, sobre todo, como amigo e mesmo como profesor del, cando, sendo neno, comezaba os seus estudos no seminario. Leveino da man ata aquel vello mosteiro de Lourenzá onde eu comezaba a dar clases e el encetaba ese camiño longo que, non o dubido, ha de levalo lonxe. E alégrome moi especialmente pola súa irmá Inés, unha rapaciña de gran valor intelectual que foi postrada pola vida nunha cadeira de rodas onde leva con moita dignidade unha infirmidade dabondo cruel. Eu sei que un dos alivios con que ela conta sempre é a presenza ao seu carón de seu irmán Alfonso que ela agarda a cotío con moita ansiedade. Agora vaino ter moito máis preto. Estou seguro de que é ela a que ten a ledicia máis fonda, máis íntima, con este acontecemento. Se estivera a escoitar, eu quero mandarlle desde aqui, especialmente a ela, os meus parabéns.

Ti, Antón, non ceñeces moito ao novo bispo porque pasou a súa vida fóra, e, aínda que ven con certa frecuencia pola súa casa de Vilalba, non é home que se prodigue en pasear pola vila, e, xa que logo, non se fai ver en demasía. Pero asegúroche que é home moi sociable e de trato moi amable e cordial. Cónstame que os que foron os seus compañeiros no seminario téñenlle moito aprecio, tanto como lle tiñamos os que del fomos profesores.

Desde que o elixiron decano da Facultade de Teoloxía en Madrid, sempre sospeitei que o seguinte paso era o de ser bispo, pero sorprendeume que seu tío, o Cardenal, aceptara o seu nomeamento para o bispado de Lugo. Pensei, máis ben , que o nomearían para outra diocese onde tivera menos presión das vellas e novas amizades que arrodearán as súas decisións. Pero xa vés, meu Antón, os designios da Igrexa sempre son imprevisibles. Non hai máis dun mes que estiven falando con el destas cousas, e, aínda que non podía dicirme nada (nestes asuntos a imposición de silencio é moi forte por parte da Igrexa), eu quedei convencido de que Lugo non era o obxectivo, pero unha vez máis trabuqueime.

Vai ser un cambio moi grande na súa vida. Non só polas responsabilidades que impón o novo cargo senón, principalmente porque as esixencias cotiás da pastoral ordinaria vánlle impedir seguir na línea de intelectual que viña sendo o seu percorrido. Nunha ocasión en que nos atopamos, cando, recén estrenado como cura, estaba exercendo en Cibrao, eu mesmo comentáballe que, aparte de curas de parroquia, a Igrexa tamén precisa de xente de pensamento, e, de ser esa a súa vocación, que a era, debería de insistir en irse a Madrid onde tiña sitio nunha facultade de teoloxía. E así foi: non é que me fixera caso a min, pero, de feito, tardou poucos meses en irse para a capital. En consecuencia, virá agora outra vez o cambio: terá que volver integrarse no día a día da pastoral e non vai ter tempo a manterse ao tanto da producción teolóxica e pola tanto do traballo intelectual.

Pero, en fin, meu Antón, asi é a vida, e a nosa Vilalba terá que volver a se mobilizar para festexar como é debido ao novo vilalbés ilustre, tal como o fixo cando se tratou do seu tío e tamén vilalbés, o Cardeal. E ti non has faltar aos festexos e eu tampouco, se Deus nos da saúde.

E por hoxe nada máis. Unha aperta
Bernardo
García Cendán, Bernardo
García Cendán, Bernardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES