Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mandiá: Visita do Vicario xeral do Bispado

lunes, 31 de diciembre de 2018
Hai catro anos, cando peregrinamos a Roma a parroquia de Mandiá, o Papa Francisco dixo na Audiencia xeral : Levade a Palabra de Deus, levade o Evanxeo aos vosos lugares de orixe e bendicións para todos eles. Quedoume gravado na alma e no corazón. Algo que aprendín: “estar atenta aos signos dos tempos”. (Xoán XXIII). Un signo que temos que aproveitar, sobre todo a muller, por ser un agasallo de Deus: a celebración da palabra. É só un comezo dun cambio grande na Igrexa que Deus nos está a ofrecer. Saberemos ser fieis?

1.- QUE ME APORTA A CELEBRACIÓN DA PALABRA

Traballar en grupo. E moi importante. Xa Xesús mandou os discípulos de dous en dous. As persoas necesitamos grupo. Somos comunidade. E algo que teño moi claro. Un exemplo do meu traballo actual: por moito que eu queira axudar e dar traballo ás persoas que o necesitan, se non teño a empresa detrás non podería, por moito que eu quixese.

Algo que lle digo á xente da parroquia: podemos ler o evanxeo soias ou en grupo. Pero cando é na celebración da palabra, os domingos, é distinto. Estamos en celebración.
Poder ter celebración da palabra os domingos, é algo moi importante para nós como cristiáns, mulleres e homes. É o alimento da semana. A reflexión que levamos. O alimento espiritual.A min achégame máis a Deus. Faime sentir unha muller nova. Nova en ilusión. E moita esperanza. Que temos futuro, moito camiño por andar e que o Espírito Santo está sobre nós.

Que lle achegamos nós ao grupo? Todas somos importantes e o que facemos tamén.Pola miña experiencia laboral, a min,en Mandiá,encomendáronme a función de coordinadora do conxunto. Distribuír as tarefas varias, que todo estea a punto cada domingo e mesmo por semana. Suscitar colaboración, invitar é animar á xente a participar na celebración. Aínda non temos un calendario feito a longo prazo. É prematuro.Por iso do domingo para o seguinte invito a persoas concretas para que asuman e preparen as Lecturas, cantos, os avisos, etc. Para que non falle nada. Así queda ben organizado. E estanos a dar un bo resultado.E se alguén faltase non hai problema. A día de hoxe, no grupo, entre todas sabemos suplir. Todas imos sabendo de todas e imos avanzando en todo. É un labor calado, pero alguén o tiña que facer. E tocoume a min. Pensamos que é importante, sobre todo se queremos que sexa o grupo quen vai medrando xunto con toda a comunidade. De non ser así, volveremos a que sexa un soa persoa quen faga todo. E xa non seriamos comunidade.

2.- COMO FACEMOS EN SAN PEDRO DE MARMANCÓN?

O terceiro domingo do mes. Para que non haxa equívocos coincide coa feira de Ferrol. Ás cinco da tarde en horario de inverno. No verán, ás seis.

Neste Día de Santos. Ao non estar Xaquín, foi o primeiro día en celebrarmos a Palabra entre nós nesta pequena parroquia. Que gratificante! Encargáronme a min da animación da celebración.

O primeiro,xa nada máis chegar, déronme as grazas por ir. Bicáronme. E dixéronme: Nieves, non nos deixes. A NOSA IGLESIA NON VAI PECHAR. NON PODE PECHAR.

Pedín colaboracións para que fose participativa. Leron moi ben as lecturas. Tamén as preces dos fieis. E cantamos os cantos propios da liturxia do día. Lemos a homilía preparada para a comunidade, tamén con Xaquín. Hoxe hai internet. E comentámola un pouquiño, dicindo o que Deus nos estaba a falar nesta nova xeira.

Pídenos a colaboración que sexa, e sen problema. Non queremos que peche a nosa Parroquia.Pechar a nosa igrexa ou non virmos ao noso cemiterio?Iso non queremos que pase. Perderiamos algo moi noso, de sempre. E necesitamos a oración.

Notei na cara da xente un sorriso dócil, feliz, moita atención. Transmitíronme moitísima paz. Realmente é unha experiencia de esperanza.

Ao final,fomos rezar ao cemiterio: Era por Defuntos. Todas collidas das mans, rezamos polos nosos. E polos que morren no mar, que é o seu cemiterio. Desde o noso templo vese un pouquiño o mar e sempre rezamos por eles. O mar é moi noso e a xente que vive e morre nel tamén son nosos.Tivemos moita emoción e incluso bágoas.
Este mes de decembro na celebración, tiven unha experiencia persoal moi fonda. Cando

estabamos a rezar o Noso Pai, eu coas mans cara arriba, ao comezar a rezar, foi coma se unha grande luz, o Espírito de Deus,nos iluminase a min e a todos. Si. Xa sei que foi só unha sensación. Pero tívena. É deume paz.

Pídolle a Deus unha cousa: que sexa capaz de levar a Palabra do evanxeo, co meu exemplo,
coa miña palabra, co meu acompañamento. Sei que as experiencias son persoais. Pero eu pídolle iso a Deus. Que sexa quen de transmitir a miña experiencia de fe.

En San Pedro de Marmancón non hai Sagrario. Por iso, se non hai misa, non se reparte a comuñón. Dígolles, que a Palabra, o evanxeo, forma parte da mesa de Deus que nos serve o alimento. Que así o percibamos e recibamos. Para que non sintamos un baleiro ao non podermos comulgar, lembremos o que nos di o evanxelista san Xoán: A Palabra é Deus; e acampa no medio de nós.

Ao rematar a celebración ficamos de pé. Caladiñas. Con cara de felicidade, ollando unhas para as outras. Foi unha experiencia moi gozosa. Logo, xa polo camiño, fixen unha reflexión moi persoal: Se non temos vida e porque descansamos en que o faga todo unha persoa: o cura. E así afogamos moita vida que Deus plantou en nós cando o noso bautismo, que segue vivo en nós e na comunidade.

Como vedes emprego sempre o feminino. É que a maioría somos mulleres. Hai algún home tamén. Esperemos que veña algún máis.Eles participan máis en “cousas de homes”: podar as árbores, arranxar enchufes, pintar as paredes, etc. E iso tamén é facer comunidade. Están aí apoiándonos en todo. E nós a eles.

Non. Non facemos cousas raras. Seguimos en todo as orientacións da Igrexa como se indica no Ritual das Celebracións na ausencia do sacerdote, que previamente estudamos xa no verán pasado. Iso dános seguridade. Moita seguridade. A seguridade de que estamos a facer o que toda a comunidade da Igrexa, pobo de Deus, corpo de Cristo e templo do Espírito.

Sinto moita alegría.

(Palabras de Nieves Espiñeira en Mandiá, con motivo da visita de Antonio Rodríguez Basanta, Vicario Xeral do Bispado de Mondoñedo-Ferrol).
Espiñeira Medín, Nieves
Espiñeira Medín, Nieves


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES