Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Himnos e bandeiras

viernes, 28 de diciembre de 2018
A conmemoración do aniversario do estreno do Himno Galego celebrado o 20 de decembro de 1917 no Teatro do Centro Galego d´A Habana, tráeme vellas lembranzas, que, malia o tempo transcorrido, teñen para min un especial significado polas impresións que me causaron, e pola transcendencia social e política que tiveron.

Souben que Galicia tiña un himno sendo eu un rapazalo de apenas cinco ou seis anos. Adoitaba daquela achegarme á porta dunha taberna que había ao pé da casa familiar para escoitar un concerto dun orfeón improvisado, que conseguíu contaxiarme o gusto estético pola música tradicional galega. Ao orfeón íanse incorporando os integrantes de maneira natural e progresiva en número a cadansúa corda de tenores, baixos, contraaltos ou barítonos. Engaiolábanme aquelas voces potentes e ben conxuntadas. Así foi como fun aprendendo desde ben cativo un amplo repertorio musical. Hoxe xa non se canta nas tabernas.Pero o que máis me chamaba a atención era que sempre remataban interpretando unha canción que me resultaba difícil entender polos seus indescifrables versos para min: “Que din os rumorosos/ na costa verdescente/ ao raio transparente/ do prácido luar?”…

Unha vez cantado, o orfeón desfacíase decontado, abandonando todo, ás présas, a taberna. Preguntéi na casa o por que e descubríronme as razóns: era o Himno Galego que estaba prohibido cantar en público. Cando se me presentou a próxima ocasión, arromedeinos botando a correr canda eles. Eu tamén quería ter medo. Ao chegar a casa refolegando recibíronme agarimosamente cun sorriso cómplice.

Tiveron que pasar moitos anos para que puidese ter a oportunidade de dignificar o noso himno e bandeira. Aconteceu por volta dos anos oitenta cando, dirixíndo o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, organicei unha das moitas accións que ali leve a cabo, para galeguizar os festexos populares baixo o rubro “Mil festas máis para a lingua galega”, comezando, para dálo exemplo, polas que organizaban os concellos. Entre as medidas que incluín nas propostas había dúas referentes ao himno e á bandeira. Ata enton, acontecía que os tratamentos que se lles daban aos nosos símbolos eran denigrantes.

Mentres nas espadanas das igrexas ondeaban grandes bandeiras españolas, a galega estaba reservada para usos sualterno, no caso de que os houbese; e na misa maior era obrigado que a banda de música interpretase sempre o himno español no intre da consagración, asociando os fregueses o arroubo máxico da transustanciación cunha marcha que non era nosa.

Convoquei a dez rexedores municipais e reunímonos no despacho do alcalde de Santiago, que daquela era Xerardo Estévez, para presentarlles as propostas galeguizadoras.

Asustados, levaron as máns á cabeza escoitando o que lles propuña que apoiasen; pero aínda así, logo de convencelos, déronme o visto e prace. Todos menos o de Ferrol, Xaime Quintanilla. Nun receso da reunión levoume cara un dos amplos ventanais que dan á fachada do pazo de Raxoi, e tendo de fronte á fachada da catedral, ollándonos fite a fite, díxome: Iso non vou poder lévalo a cabo na miña cidade, ou queres que os militares me fusilen como fixeron con meu pai no 36?. Efectivamente, o seu pai, Xaime Quintanilla, militante da Unión Socialista Galega,despois de abandonar o PSOE, fora paseado pola barbarie facista.

Unha vez que estaba decidida a campaña pedagóxica de galeguizar as festas, faltabanos algo moi elemental: a partitura do Hinmo de Pascual Veiga á que habería que facerlle uns arranxos. E velaí que acordei facerlle tal proposta a Xosé A. García Cotarelo, Secretario Xeral Técnico da Presidencia da Xunta de Galicia. Aceptouna, e así foi como Rogelio Groba, por entón director da Banda Municipal de A Coruña, foi o elixido para facelos. Editáronse moitas copias da partitura e distribuiríronselles a todos os concellos e bandas populares de música. O que parecía imposible, conseguímolo en poucos anos. Hoxe está xeralizada a súa interpretación nas misas maiores das festas patronais. Unha vez máis quedaba demostrado que a audacia é o medio imprescindible para avanzarmos na galeguización. Eu,desta volta, non quería ter medo.

Chovía sobre mollado. Anos antes, cando tivera a honra de ter un papel sobranceiro na dirección do nacionalismo galego na clandestinidade, decidín que para identificar o noso movemento non habería mellor maneira que engadirlle unha estrela vermella á bandeira, no medio e medio da franxa azul. Para conseguir a popularización de tal símbolo enviei o deseño por un propio, xusto por estas datas en 1975, para que llo entregase á nosa delegada no exilio portugués coa finalidade de editar insignias e chaveiros. E así foi como se fixo popular a bandeira que hoxe se enarbola en actos e manifestacións. Por certo, a primeira vez que se veu unha bandeira coa estrela vermella,foi en febreiro de 1976 nunha manifestación convocada en Monforte de Lemos.

Onde non tivemos éxito foi na elaboración dun himno para a ANPG. Digo tivemos, porque aínda que fun eu que o fixera tal encargo, o que o executou foi Antón Seoane, alma mater de “Milladoiro”. No seu libro “De Voces Ceibes a Milladoiro” conta como se xestara aquela decisión. Reproduzo varios versos daquel himno: “Obreiro é hora xa/labrego para ti tamén/que pide a patria/tódalas mans/”…

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador)
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES