Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dende o cume da existencia

sábado, 22 de diciembre de 2018
Como desde o cume dunha montaña, á que se sube seguindo un itinerario de meandros, para salvar algúns empinados desniveis, ata acadar unha perspectiva do val e das pendentes de acceso, así vamos, mulleres e homes, máis ou menos conscientemente, trepando polos meandros da nosa existencia, ata que os compoñentes biolóxicos de cadaquén poñen fin a vida, que ás veces, certamente, reducen a situación da perspectiva da mesma a un espazo da ladeira.

Por iso, contemplamos o sendeiro da nosa existencia persoal matizado de aspiracións frustradas e rectificacións: É ese val, de nubes e néboas ovelladas, que, coma a mar, ofrécenos unha perspectiva do noso pasado, salpicado de escampados e cúmulos opacos, que a medida que vamos gañando distancia quedan máis borrosos nos recordos imprecisos dun pasado que xa non relatamos con fidelidade aos feitos, senón con servidume a imaxinación, para que causen impacto nas persoas que inician o camiño, e adoitan xulgar sen perspectiva.

Desta maneira, vamos convertendo os recordos en anécdotas, demoucando as arestas do normal, como aqueles homes de café de antano, que vexetaban remoendo as súas propias acedías, entorno da mesiña, mentres o home da calle pasaba de largo, pero facía a historia. Hoxe somos nosoutros, os anciáns, que, ao través da fiestra da atalaia da nosa existencia, contemplamos o paso apresurado das novas xeracións, que son os que están construíndo unha historia que nosoutros, moitas veces, envelenamos, sen tan sequera esperar a que os picos aceirados da realidade lles obriguen a cambiar as conciencias ideolóxicas, que ofuscan e retorcen.

Pero lembremos que enchemos os pobos de lápidas e estatuas dun perfil ideolóxico, que, moitas delas, perpetúan o lacerante recordo dun pasado convulsionado pola irracionalidade, operante nas mentes e conciencias cidadáns, onde rexurdiu un instinto tan asasino que enervou os fundamentos de todo sentimento moral e humanitario. Xustamente por isto, cando se pretenden borrar os símbolos de aquela etapa da nosa historia, pensamos que non debemos seguir envelenándolles a historia as novas xeracións, poñéndolles atrancos, aínda que esa limpeza non sempre vaia acompañada da elegancia que esixe a ausencia de vinganza, porque a incompetencia dalgúns líderes encárgase de acender o facho dela, impulsados por un infantilismo que provoca tan innecesarias como inoportunas reaccións.

Tamén é certo que a panorámica que os anciáns contemplamos dende o pináculo ao que nos levou o decurso da nosa vida, antóllasenos toda unha sintomatoloxía que nos trae preocupados, por certa semellanza con aquela que apuntou o desencadeamento da etapa máis dolorosa e escura da nosa existencia, e supoñemos que non é nada estraño que advirtamos, aos que inician o ascenso existencial, que estremen a prudencia e non descoiden a extinción das arroutadas de irracionalidade, que acenden as convulsións socias, incluso por indución do fogo estranxeiro.

Así mesmo constatamos, desde a nosa perspectiva, a asunción escasamente crítica, non exenta de inxenuidade e investida dun triunfalismo presuntuoso, da actividade humana, nun marco ideolóxico que alardea de progreso por todos os costados, e que non pouco impregnada dunha soberbia pola vía tecnocrática, está quebrando a sensibilidade para percibir as desigualdades entre as persoas, en espazos demográficos nos que viven soportando limitacións impropias destes tempos, descoñecidas para os gobernos do momento, que mesmo parece que substitúen os correctivos da ética social polas promesas electorais dos tópicos ideolóxicos.

Preocúpanos que a nosa descendencia viva exposta á drogadicción e ás consecuencias dos desamaños ecolóxicos; ás avalanchas retrógradas, catalizadas por axentes humanos que desprezan os progresos dos seus antepasados, mentres consideran froito do progreso as modalidades atávicas, emerxentes dun naturalismo máis ideolóxico que real; ás rudezas dunha airada mala educación; á perda de sensibilidade para resolver os problemas da convivencia familiar e social no ámbito da razón; ..., etc.

Si..., porque a razón é sempre pola súa propia constitución, ABERTA: Nela ten cabida non só o suxeito á racionalidade científica, senón tamén a leira do razoable, no que entra toda aquela realidade que non pode someterse a racionalidade científica, que é aquí, precisamente, onde se producen as discordancias perigosas da convivencia familiar e social.

Isto é algo do que me ofrece a miña perspectiva, e desde ela, así delimitada, eludindo todo ritualismo, compráceme aproveitar estas fechas para manifestar o meu sincero desexo de que lectores e colaboradores deste medio gocen dun feliz e sosegado Aninovo, 2019.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES