Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Introdución ao recital de Chus Pato

miércoles, 21 de noviembre de 2007
Boas tardes:

Sinto que o meu galés sexa inexistente e o meu inglés non vaia máis aló de my name is Chus e agradezo a vosa presenza e que esteades dispostos/as a escoitar os meus poemas, escritos como sabedes en galego, un idioma que atesoura unha longa historia de esplendor poético, precariedade, loita e resistencia; neste sentido estar en Bangor é para min moito máis que unha honra, é unha enorme simpatía, unha tremenda afinidade e unha ledicia salvaxe. Saúde pois á antiga lingua do valoroso pobo galés e a todos os seus falantes e todos os seus, as súas poetas.

Para min escribir é tratar de abrir o mundo; desde este punto de vista o Eu é unha instancia baleira que desde xa está atravesada por toda unha variedade de sensacións, afectos, pulsións, emocións, pensamentos, desexos, carne e linguaxe; un poema ao meu xuízo é unha construción do idioma que daría conta desa apertura e do tempo no que esa conexión acontece.

As palabras que utiliza o poema son as mesmas que utilizamos libremente nas nosas vidas, é dicir aquelas que se fan cargo da realidade, se cadra a diferenza está en que as palabras do poema sen deixar de ser as mesmas están cargadas dunha paixón estética (literaria) que transforma a percepción e os afectos, a carne e a lingua nun idioma autodeterminado que xa nada debe a quen os experimenta ou os experimentou, de aí o seu anonimato e o seu ser común, escrito para todos, para calquera, para ninguén, pero sen dúbida algunha para ti, para min, para nosoutras, para todos e cada un dos seis nomes de persoa.

E insisto sobre esa equivalencia das palabras de uso cotiá e as palabras do poema porque non concibo o poema como unha restrición do dicionario tal e como ás veces no nome da “lírica” se pretende: que un poema teña unha determinada forma, un determinado léxico e trate de determinados temas considerados máis ou menos inspirados ou transcendentes; do mesmo xeito que tampouco concibo o poema como unha didáctica, nin como unha prolongación ideolóxica por incomparábel e beneficiosa que esta ideoloxía sexa para a humanidade (que o poema non estea ao servizo dunha determinada ideoloxía non debe entenderse no meu caso como unha exclusión da política, pola contra a política que non a policía está presente no que escribo) estou xa que logo pola independencia do poema e porque este inclúa a maior cantidade de realidades que lle sexan posíbeis, neste sentido e ás veces os meus textos lindan que non se confunden con outros xéneros literarios, tampouco se hibridan, eu diría que máis ben o resultado é unha sorte de mutación, un poema como espazo no que hoxe vivimos, mutante.

Se tivese que buscar un símil, un emblema para a maneira na que escribo elixiría o corpo dunha bolboreta, ese eu baleiro do que vos falaba ao comezo sería o abdome, nunha das ás estaría escrita unha impotencia de escritura, na outra unha potencia de escritura; escribir un poema é poder non escribilo, e aí nese non son quen, no podo escribir comezaría a escritura, non podo escribir un poema/escribo un poema.

De calquera xeito cando voa a bolboreta ou calquera outro insecto pouco importa o que levo dito, xa que só lle é leal ao seu propio voar, á súa converxencia co mundo, co aire, coa linguaxe.

Rematarei dicindo, non quero estenderme máis e en todo caso no coloquio podemos falar e falar do que queirades, que desde o meu punto de vista un poema é unha figura extrema do idioma e unha máquina de liberdade.

Pato, Chus
Pato, Chus


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES