Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Chus Lama e Cunqueiro en Cataluña

viernes, 07 de diciembre de 2018
A profesora María Xesús Lama López, nacida en Lugo e docente de literatura galega na Universidade de Barcelona, acaba de ser galardoada co Premio Nacional de Ensaio 2018 pola obra “Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade 1837-1863” (Galaxia, 2017). Vaian os nosos parabéns moi merecidos polo premio e pola excelente obra, mais o noso artigo camiña hoxe, aproveitando a circunstancia, noutra dirección.

Chus Lama coordinou en 2012 o nº 1 da revista Abriu. Estudos de textualidade do Brasil, Galicia e Portugal, un monográfico dedicado a Álvaro Cunqueiro en Cataluña, onde publican artigos sobre o asunto Adolfo Sotelo, Blanca Ripoll, María Liñeira e a propia Chus Lama baixo o título “Cunqueiro en Cataluña. Un modelo de relacións intersistémicas”.

Parece ser que Álvaro Cunqueiro, como lle pasou con Bretaña, xa soñara Cataluña antes de poñer os pés naquelas terras. Un soñador que soñaba Barcelona desde neno, grazas ao que lle escoitara ao conserveiro Pedro Ripoll na botica do seu pai (cando este visitaba a un parente, cóengo na catedral) e pola lectura da tradución ao catalán de El somni d'una nit d'estiu de Shakespeare por Josep Carner, un exemplar, agasallo do viaxante de tecidos Francisco Ybars á súa tía Pilar.

A autora relata como en 1934, naquel entón Cunqueiro era membro do Partido Galeguista, poeta novo e xa recoñecido en Cataluña, foi convidado por Amics de la Poesía para impartir varias conferencias en Barcelona. Nas palestras fala de poesía pero tamén de pintura, da paisaxe e do movemento cultural galego daquel entón.

A partir de 1938, cunhas circunstancias radicalmente distintas, cun Cunqueiro moi recoñecido e activo na prensa falanxista, o vencello con Cataluña vai ser con escritores que publican na revista Destino baixo a dirección do seu amigo Ignacio Agustí, ao que coñecera e tratara xa amistosamente na Donosti da retagarda de 1937. En 1940, cando Cunqueiro xa traballa de redactor en ABC, volve a conferenciar en Barcelona convidado polos amigos cataláns afectos ao réxime. Este mesmo ano publica na editora catalá Apolo de Santa Marina e Ros o libro de poemas Elegías y canciones .

Tras os avatares persoais que forzan a Cunqueiro a regresar a Mondoñedo, mentres reinicia o contacto co galeguismo da resistencia interior, serán editoras catalás as que publiquen varios títulos seus en castelán. De Cataluña véñenlle o Premio Nadal e o Godó.

A finais dos 50 faise gran amigo de Néstor Luján, quen o convida a colaborar en cabeceiras como Historia y vida. Nos 60 e nos 70 son editoras catalás as que publican practicamente toda a súa obra editada en castelán.

Nun artigo titulalo “Las amistades catalanas”, publicado en La Voz de Galicia o 18 de maio de 1952, Cunqueiro escribe “Escribo estas lineas en una ciudad que ha de figurar en el libro gallego de las amistades catalanas, si es que algún día libro tal se escribe”. E conta como chegou a coñecer Leiras Pulpeiro El somni de San Joan, de Verdaguer, e El pi de Formentor, de Costa i Llobera, que Leiras traduciría ao galego, e foi a través do mesmo Francisco Ybars quen por intermediación da súa tía Pilar Moirón lle fai chegar a el mesmo a obra traducida ao catalán de Shakespeare.

E comenta “A Ignacio Agustí (ao que dedica Las mocedades de Ulises) le tengo dicho versos (de Shakespeare) paseando a altas horas de cualquier noche donostiarra, por las rúas de la vieja ciudad. Pocas veces en la neblina se veía brincar a Puck”.

(Antonio Reigosa é Cronista Oficial de Mondoñedo)
Reigosa, Antonio
Reigosa, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES